+ 34 981 508 142

STOP VELUTINA: Visceras e neuronas

1 de abril de 2016

Por Xesús Asorey

O resultado final da loita contra a vespa velutina parece que será  a convivencia da especie das avespas de  patas amarelas con nosoutros e as nosas abellas. Na primeira fase de colonización utilizouse a forza bruta para tratar de controlala, tratando de avistar e destruir niños: Tragsa, abelleiros, concellos, bombeiros, GES, etc. Dun xeito desorganizado e pouco reflexivo tratamos de gañar esta batalla pero non o conseguimos. Agora toca usar a intelixencia e ir abandoando a forza bruta. As experiencias, as observacións e a incipiente investigación terán que guiar esta segunda fase.

Dende AGA escomenzamos por autoorganizarnos internamente, constituíndo DAGAS en toda a franxa colonizada por esta especie invasora, en total 11 DAGAS que nos servirán para distribuir 3.000 trampas para capturar fundadoras nesta primavera e tamén para a realización dun plan de investigación aplicada, para chequear que trampas e atraíntes resultan máis eficaces. Tres tipos de trampas e tres tipos de atraíntes para combinalos e ver os resultados.

Para o vindeiro ano, a partir destes datos, o esencial sería traballar durante todo o inverno con colexios, concellos e outros colectivos implicando a toda  a cidadanía,  poñendo nas  hortas trampas con atraíntes específicos para capturar fundadoras intensivamente nos meses de marzo, abril e maio, haxa ou non colmeas. Tamén valería usar algún cebo específico, aceptable na loita biolóxica para que as velutinas o levaran aos niños e provocaran a autodestrucción, pero isto terá que ser investigado previamente tamén.

En canto a eliminación de niños debe quedar en mans das Administracións, xa que os abelleiros non temos medios, nin é a nosa misión. Estamos diante dunha problemática de seguridade cidadá que vai moito máis aló do mundo abelleiro, pero sí podemos colaborar dando asesoramento a quen o solicite.

Xuntos podemos!

 


Voltar