+ 34 981 508 142

Vídeo divulgativo sobre a avespa asiática

A avespa asiática, unha ameaza ambiental

Documento audiovisual sobre a Vespa Velutina producido polo Concello de San Sadurniño en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura. 

A reportaxe, dispoñible na canle institucional de youtube, busca concienciar a poboación sobre "un problema ambiental de primeira orde"

A avespa asiática, unha ameaza ambiental, ese é o título do documento audiovisual que desde hoxe está dispoñible na rede e co que o Concello de San Sadurniño quere alertar sobre a invasión deste insecto que está vivindo tanto a comarca como o resto de Galicia. Como diferenzala das avespas autóctonas, como crían, como se propagan e, sobre todo, de que maneira se pode loitar contra delas, son só algúns dos contidos do video de 18 minutos gravado a primeiros deste mes con intervencións de veciños e veciñas e tamén de representantes do mundo da apicultura.


A peza está producida polas concellarías de Medio Ambiente e de Participación veciñal co apoio da Asociación Galega de Apicultura. Nela faise unha introdución á morfoloxía da vespa velutina nigrithorax, unha especie procedente do sueste asiático que, segundo se cre, entrou en Europa por Francia hai arredor dunha década. Desde alí foise propagando polo norte da Península Ibérica ata chegar a Galicia, onde se está multiplicando a grande velocidade. De feito, un problema que hai dous anos era incipiente na Mariña luguesa, hoxe é unha auténtica praga en constante crecemento desde Ribadeo ata Pontedeume. Outras zonas afectadas son os concellos da contorna da Coruña e a comarca do Rosal, limítrofe con Portugal, no que para moitos serían dous puntos de entrada secundarios -pero igualmente importantes- aproveitando o transporte marítimo.

O Concello e a AGA levan tempo denunciando esta invasión e os problemas que causa. As avespas son voraces coa froita e con outros insectos, sobre todo coas abellas, das que se alimentan durante os meses centrais do verán rapinándoas á porta das colmeas. 

Ademais das perdas para a apicultura profesional e para a economía de moitas familias que teñen o mel como complemento, a velutina "tamén pon en perigo o ambiente e a agricultura ao interferir no labor polinizador das abellas, tan importante para a fructicultura e a horticultura", explica a titular de Medio Ambiente, Mari Carme García. De aí que desde o Concello e desde a Asociación Galega de Apicultura se insista en que, "é un problema ambiental de primeira orde" e de "consecuencias incertas", segundo asegura o edil de Participación veciñal, Manolo Varela. 

O video producido polo Concello de San Sadurniño repasa tanto o xeito de recoñecer unha avespa asiática como as medidas de loita contra delas. Segundo parece as únicas e efectivas son a destrución controlada dos niños e a captura de raíñas para impedir que creen novas colonias. Son prácticas que aparecen recollidas no protocolo de actuación que a Xunta lle encomendou á empresa Tragsatec. Calquera persoa que detecte a presenza de velutinas debe chamar ao 012, aínda que segundo apuntan membros da AGA a resposta institucional non está sendo a axeitada. Entre outras razóns porque as retiradas de niños se están facendo en moitos casos a plena luz do día, cando a maior parte das avespas están fóra. Un procedemento que produce sen querelo a multiplicación do problema, xa que estas avespas desafiuzadas poden reagruparse e asentarse noutros sitios.

Sobre o manexo dos niños o audiovisual mostra o proceso de retirada dun enxame de avespas asentado ao pé dunha casa da parroquia de Bardaos, ensinándonos paso a paso todas as precaucións que cómpre tomar. A reportaxe describe en alta definición cales son os hábitos da velutina, as diferenzas existentes con respecto ás avespas autóctonas e mesmo a forma en que caza as súas presas. Manolo Varela explica que é "un video divulgativo que só pretende poñer o acento na concienciación sobre o problema ao que nos enfrontamos". "Fíxose sen grandes pretensións técnicas, pero cremos que pode ser de grande utilidade, especialmente en charlas e como material educativo para os colexios". 

O traballo, realizado pola firma local Entremedias Imaxe e Comunicación, gravouse na primeira semana de outubro e proxectouse por primeira vez nas Xornadas apícolas do Eume. A partir de agora está tamén dispoñible na canle de youtube do Concello para libre descarga e distribución.

Ligazón de acceso ao video: http://youtu.be/phtjLpnzgJI

 


Voltar