+ 34 981 508 142

Apicultura urbana

A apicultura urbana está de moda, xa se poden atopar abellas en París ou en distintas cidades americanas. Seguindo está tendencia, a Asociación Galega de Apicultura, AGA  xa estableceu un pequeno apiario urbán en Culleredo,  A Coruña.

Neste últimos anos estase a estender de forma imparable por todo o mundo unha novidosa e pequena, pero espectacular, apicultura urbana e multifuncional. O movemento, que amosa simpatía coas abellas e os abelleiros, arrancou a partir da situación alarmante creada polos pesticidas neurotóxicos empregados na agricultura actual, que provocan a desaparición de miles de millóns de abellas no campo.

Distintos abelleiros, asociacións e empresas colocan as súas colmeas en xardíns públicos, parques, tellados e terrazas de edificios, e algúns incluso venden o mel no propio edificio, como é o caso da Ópera de París.

En Galicia temén se empeza a dar este achegamento de xente nova a o mundo das abellas. A Asociación Galega de Apicultura está tratando de encarreixar e darlle saída a este movemento tan positivo para a nosa natureza e medio ambiente, polo que estamos elaborando pequenos proxectos e pedindo a colaboración de moitos concellos que contan con espazos e instalacións moi axeitadas para apoiar esta imparable corrente ecolóxica.

De todos é sabido que a apicultura en Galicia é unha actividade tradicional con moita sona, tradición e antigüedade. Os galegos vivimos nunha terra única e especial: nunha terra de natureza virxe, rica en recursos naturais e cunha extraordinaria biodiversidade: un campo fértil para a actividade apícola.

Convén lembrar que:

  • A polinización asegura máis dun terzo da nosa alimentación (FAO).
  • A supervivencia de máis do 80% das especies vexetais dependen da polinización das abellas.
  • O 84% das especies de cultivo dependen da polinización polas abellas.
  • Coa polinización de flores silvestres e cultivadas, a abella mantén a biodiversidade e favorece a produción agrícola.