+ 34 981 508 142

Correo Apícola Verán 2012

PRODUCIÓN ANO 2012

Debido a que houbo una forte enxamía non é posible facer una previsión de colleita, hai unha forte variación duns lugares a outros no día de hoxe.
A humidade climatolóxica que se deu favorece este fenómeno ou o instinto de supervivencia, ambas as cousas? , terían moito que ver.  Quedaron colmeas nai con moi poucas abellas, pola contra hai enxames que teñen tres medias alzas cheas de mel. A mediados de xullo e aínda seguen a saír enxames. Pero tamén hai lugares con colmeas de cinco medias alzas cheas de mel.  En fin, coma todos os anos, cando fagamos a esmelga imos ver os resultados.
Se clasificamos os meles para obter meles monoflorais, sabedes que estes teñen mellor saída comercial e tamén teñen un mellor prezo.
A partires do primeiro de setembro xa poden entregar o mel na cooperativa Erica, é mellor que chamen antes por teléfono para anunciar o día.

VIAXE APÍCOLA
AGA organiza unha viaxe apícola a AGEN, Francia, con motivo de participar no 1º Congreso Europeo de Apicultura. As datas serán do 11 ao 14 de outubro deste ano 2012. Este congreso leva por título "Apicultores e agricultores actores dun mesmo territorio", organizado pola "l'Abeille gasconne et l'UNAF". Os interesados e as interesadas en participar nesta  actividade que o comuniquen antes do 15 de agosto. Por tel: 981 508 142. Por e-mail: aga@queixoemel.org
Logo xa se lles enviará o programa completo e os prezos da viaxe. Poden participar asociados e familiares.

FUMIGACIÓNS DOS EUCALIPTOS
A "Plataforma contra as fumigacións, por un futuro sen pesticidas"  foi creada na primavera do ano 2012 por medio cento de organización e colectivos varios, apicultores, ecoloxistas labregos, consumidores etc. Por suposto que AGA estivo desde o primeiro intre nesta plataforma.
Durante esta primavera desenvolveu unha ringleira de actividades tendentes a evitar que se fumigase desde o ar os nosos montes cun insecticida prohibido pola UE, por ser tóxico para as abellas, para a fauna e as nosas augas, e perigoso para a saúde das persoas... O cascade.
Recolléronse máis de 100.000 firmas, púxose una denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente, realizouse unha manisfestación en Santiago.  O asunto levouse ao Parlamento galego e tamén a instancias europeas en Bruxelas, e sobre todo realizouse unha forte campaña nas redes sociais, onde houbo unha moi boa resposta da cidadanía. Na  vindeira revista publicaremos o manifesto.
Podémosvos comunicar, segundo información solvente, que no día de hoxe a Consellería do Medio Rural  e do Mar non autorizou ningunha destas fumigacións previstas, aínda que sabemos que a nivel particular si se fumigaron parcelas.

PON UNHA COLMEA NA TÚA HORTA
Máis de 50 abelleiros e abelleiras novas acolléronse ao programa de AGA "Pon una colmea na túa horta",fixéronse socias e socios de AGA e recibiron un enxame gratuíto do programa de "Abellas tolerantes á varroa". Consideramos unha boa iniciativa para anovar o noso sector produtivo. Trataremos que teña continuidade en vindeiros anos.

 

CESTA DE PRODUTOS APÍCOLAS

Co fin de darlle continuidade ao programa anterior e tratando de profesionalizar algúns interesados e interesadas en formar un grupo de API-EMPRENDEDORES, propoñemos elaborar una cesta de produtos apícolas para comercializalos conxuntamente.
Para isto realizase unha Convocatoria  de emprendedores:

  • Socias,socios de AGA, preferencia mulleres.
  • Cunha mínima formación apícola.
  • Querer profesionalizarse ou semiprofesionalizarse neste campo.
  • Xente nova con preferencia.
  • Capaces de manexarse nas novas tecnoloxías e redes sociais.
  • Outros.

Os interesados e as interesadas en conformaren este grupo que o comuniquen a AGA antes do día 15 de agosto, xa que para setembro está previsto botar a camiñar e establecer un programa de actividades formativas dirixidas para esta labor.

A ESMELGA

Dentro do programa "Pon una colmea na túa horta", AGA oferta un novo servizo de extracción do mel en Arzúa. Os principiantes que non queiran ou non poidan adquirir polo de agora os aparellos para a extracción do mel, ou non teñan un local axeitado, a partir de setembro poden poñerse en contacto con AGA para fixar un día para aparecer en Arzúa coas súas alzas de mel e proceder alí á extracción mediante a máquina "tetraplus" adquirida por AGA para este novo servizo aos abelleiros e abelleiras que comezan.

WEB DE AGA

Os próximos días estará en funcionamento a nova web de AGA, pregámosvos que a olledes para ter información sobre todas as nosas actividades.

Web: www.apiculturagalega.org

Máis información na nosa web. Na sede de AGA: tel. 981 508 142. E-mail: aga@queixoemel.org

Descargar