+ 34 981 508 142

Correo Apícola Xaneiro 2013

DÍA DO APICULTOR

16 de febreiro no Centro do Queixo e do Mel en Arzúa. 

Organiza: Asociación Galega de Apicultura. AGA

Presentación:

Trinta anos despois, as abellas estannos a dicir que o mundo é moi distinto a cando botou a camiñar AGA (1980). A globalización, o cambio climático e a gran revolución agraria, puxeron as nosas abellas e a moitos outros seres vivos ao límite na biosfera.
A biodiversidade e a produción de alimentos, que dependen sobremaneira  da presenza das abellas nos nosos campos, tamén están en serio perigo.
En Galicia, a globalización favoreceu a chegada da varroa (1987), o goníptero  dos eucaliptos (1991) e a vespa Velutina (2012), causantes de grandes problemas na nosa apicultura.
Nesta edición do  DIA DO APICULTOR imos tratar o tema da vespa velutina  como un novo inimigo co que teremos que convivir nós e as nosas abellas. Tamén imos volver sobre o tema da varroa, ofrecendo novas alternativas para o seu control, xa que só coa loita química se volveu un problema crónico sen saída.
O grupo APIE, apicultoras e apicultores innovadores, tamén presentará os novos produtos que están a elaborar e co cal pretendemos dar un maior valor engadido ás nosas producións apícolas.
Invitamos a todos os interesados e interesadas a participar nesta nova edición do  DIA DO APICULTOR en Arzúa.

Programa:

No Salón de Actos do local da Asociación de Veciños de Santa María, Arzúa:

- Ás 11 horas: Xornada técnica. 
A Vespa Velutina Nigrotorax, avespón asiático xa está en Galicia, por Gonzalo Calvo veterinario de AGA.
Selección de Abellas Tolerantes a Varroa por José Luis Rodriguez Basagoiti, apicultor profesional do País Vasco e Presidente da Asociación de Apicultores de Vizcaia, BAMEPE.

-Ás 13 horas: asemblea xeral de AGA

-Ás 14 horas: Xantar

No Centro do Queixo e do Mel:

-Ás 16 horas: Sesión do grupo APIE


DURANTE TODO O DÍA HABERÁ:

Exposición e venda de produtos innovadores polo grupo APIE.

Venda de produtos apícolas. Feira de Material apícola.

Novidade á venda!!! TRATADO DE APICULTURA, o mellor libro de apicultura na actualidade
 

CONVOCATORIA DE ASEMLEA XERAL DE AGA. 2013

Día e hora: día 16 de febreiro de 2013, as 13 horas

Local: Salón da Asociación de Veciños. Santa Maria. Arzúa

Orde do día:

-Lectura e aprobación da acta anterior, se procede

-Informe de actividades e contas ano 2012

-Programa de actividades e presuposto para o ano 2013

-Rogos e preguntas.


PLAN APICOLA 2013

A información que temos é de que se vai reducir drasticamente esta axuda, polo tanto haberá un programa sanitario mínimo que daremos a coñecer cando saía a orde de axudas.

Según as mesmas informacións tampouco haberá subvención para os tratamentos da varroa.

Deste xeito, AGA terá a venda materiais, como en anos anteriores e produtos para o tratamento da varroa, pero ao prezo sen subvención, os que merquen estes produtos: Fondos de rede, láminas de cera e tratamentos para a varroa, recibirán un albarán, en caso de que houbera axudas, devolveráse a parte correspondente.

O día do apicultor, poderedes traer a cera para reciclar, A cera encareceuse bastante. Hai cera máis barata ca nosa pero esta é cera sen parafina e de calidade coma en anos anteriores.

PROGRAMA DE FORMACIÓN DE AGA 2013

Está previsto facer un programa de cursiños en toda Galicia do que vos informaremos no próximo correo apícola. Na nova web de AGA, www.apiculturagalega.es, podedes ter máis información, botadelle unha visual todas as semanas. Tamén están previstas outra serie de actividades que van anunciadas na revista Abelleira. Estas actividades serán gratuítas para socios e os non socios terán que pagar, por exemplo 40 € por asistir a un curso.

SEGUROS APÍCOLAS 2013

AGA ten suscrito dúas pólizas, unha de responsabilidade civil e defensa (RC) que custa 0,75 € por colmea e ano e outra multirrisco (MR) que custa 1,75 € por colmea. A anterior póliza caduca o día 7 de febreiro, os que queiran ter as colmeas aseguradas deberán facelo ata o día 16 de febreiro, en Arzúa, ou poñendose en contacto con AGA, Tel: 981 508142, para dar os datos do apicultor, enderezo das colmeas e o número de rexistro (agora é obrigatorio telas colmeas rexistradas para poder aseguralas). Os que as aseguraron o ano pasado só terán que pagar o 50% xa que houbo subvención do Plan Apícola 2012 para este seguro.

RENOVACIÓN DE CENSOS

Coma todos os anos, o prazo para renovar o censo é entre o primeiro de xaneiro e o primeiro de marzo, hai que ir a oficina agraria co libro de explotacións apícolas para renovalo. De momento non se piden as fotocopias compulsadas para participar no Plan apícola, coma en anos anteriores.

AGARDAMOS VERVOS A TOD@S O DÍA DO APICULTOR EN ARZÚA

Un saúdo da directiva de AGA

 

Descargar