+ 34 981 508 142

Correo Apícola Xullo 2014

EDITORIAL

Para que máis serve a nosa asociación

Entre outras cousas, grazas a ser unha asociación e os datos enviados polos socios, temos un observatorio apícola privilexiado:

Fomos dos primeiros en decatarnos que a desaparición das abellas estaba ligada ao uso dos pesticidas neonicotinoides, cousa que moitos outros están descubrindo 20 anos despois. Isto permitiu que a Comisión Europea, dictara aprimeira prohibición destes produtos, pero a nosa presión debe continuar desde Bee Life, que é a organización europea a que pertencemos, ata conseguir desterrar para sempre estes produtos tan dañinos.

Tamén grazas a comunicación cos socios e socias, temos os datos necesarios para descubrir aos ladróns de colmeas, e isto vai en beneficio de todos aínda que hai que seguir moi atentos.

A comunicación cos socios tamén nos está facendo ver a rápida evolución da Vespa Velutina, que xa está extendida por toda a costa de Galicia e acada a situación de auténtica praga no norte de Lugo. Haberá que ver que pasa este outono, precisamos toda a vosa información sobre os efectos desta especie invasora.

A nosa Asociación tamén serve para animarvos a actualizar prezos, hai demanda de produtos apícolas, temos que aproveitar para vender mellor e a un prezo xusto.

Finalmente, AGA serve para organizar un congreso a nivel estatal, o cal quere decir que temos a confianza de moita xente e institucións de fora de Galicia, agora fai falla que acudades masivamente para responder a esta confianza despositada en nosoutros.

 

AUMENTA A DEMANDA DE PRODUTOS APÍCOLAS

Os prezos están á alza

A demanda de mel, pole, cera, enxames, etc. vai en aumento, así que animámosvos a producir máis produtos apícolas. Os prezos destes produtos están á alza por iso seguimos reclamando a suba dos prezos por parte de todos: o quilo de mel debería andar polos 8 Euros ao público. A suba dos prezos non está afectando a baixada do consumo, a demanda dos produtos apícolas igual que a das producións ecolóxicas está medrando, polo que hai que aproveitar e actualizar os prezos. Hai abelleiros que o prezo non lles importa porque non viven diso, pero como acto de solidariedade co resto non deben tirar os prezos; iso é o último que debe facer un produtor de mel.

 

VII CONGRESO APICOLA HISPANICO

3,4 e 5 de outubro de 2014

Instituto Rosalia de Castro. Santiago de Compostela

AGA vai ser a entidade organizadora do evento apícola máis importante que vai ter lugar en todo o Estado e tamén en Galicia, por isto convidamos a tódolos socios e socias de AGA a participar como unha ocasión única de asistir a un acontecemento apícola destas características.

Temos uns prezos especiais para os nosos asociados: 30 Euros polos 3 días se se fai a inscrición antes do 30 de xullo, despois desa data o prezo será de 40 Euros. A xente non socia deberá aboar 50 Euros.

O noso é un congreso que pretende satisfacer os intereses de tódolos abelleiros e abelleiras, pequenos ou grandes. Haberá unha exposición didáctica sobre a apicultura no claustro do IES Rosalía e unha exposición comercial nunha carpa no patio do instituto, con firmas procedentes de España, Portugal, Grecia, Alemania, Francia, Eslovenia, Arxentina…Haberá tamén varias demostracións de maquinaria e técnicas apícolas.

Contamos cun amplo programa científico con 75 ponencias de toda a Península Ibérica e de varios países de América Latina. Desenvolveranse seis obradoiros sobre: elaboración de cervexa artesanal de mel, cría de raíñas, elaboración de piensos para abellas, novas tecnoloxías en apicultura e elaboración de produtos de cosmética apícola.

Teremos interesantes mesas redondas. Unha delas sobre A saúde das abellas e a saúde do planeta, con representantes europeos de Bee Life, veterinarios e outros profesionais. E outra sobre O comercio do mel con representantes de diferentes estamentos no tema comercial do mel.

Están convocados os seguintes concursos, aos que vos convocamos a participar, sobre: Meles Monoflorais, Api-Relatos, Innovación e Pintura Apícola.

Toda a información destes puntos enumerados podedes atopalos na nosa web, na sección do congreso: www.apiculturagalega.es/congreso e tamén na web da revista Apicultura Ibérica: www.apiculturaiberica.com

O venres día 4 pola tardiña haberá un acto lúdico-festeiro para os asitentes con música abelleira incluida. Cada quen fará as comidas pola súa conta e teremos unha oferta de aloxamentos que podedes contratar por medio da axencia de viaxes Viloria (ver na web do congreso).

Aproveitade para reservar estes días e tomade unhas pequenas vacacións abelleiras nesta data tan sinalada e vide todos e todas.

Como inscribirse:

1º) Facer unha transferencia de 30 Euros ó número de conta do congreso:

ES49 3070 0035 21 6119923826

2º) Enviar a AGA, antes do día 30 de xullo, os seguintes datos:

Nome e apelidos do socio/a

Teléfono

E-mail

. por e-mail a: congreso@apiculturagalega.es

. por carta a: AGA – Feira Nova s/n 15819 Santa María (Arzúa)

A principios de setembro as persoas inscritas recibirán o programa definitivo do congreso, cos horarios e toda a información necesaria.

 

APINOTICIAS

Cooperativismo

A cooperativa Erica Mel, ten escaseza de mel e pole, animamos aos socios e socias de AGA que queiran a ingresar en Erica pagando os 520 Euros de capital social ou pagando esta cuota en mel. O capital social é recuperable cando se queiran dar de baixa. Para o ano 2014 Erica pagará o mel a 3,50 Euros o multifloral é a 3,75 Euroso monofloral. A cooperativa Erica Mel é a ferramenta apropiada para os abelleiros e abelleiras que produzan entre 500 e 5.000 quilos de mel. Esta cooperativa tamén está facendo un esforzo para subir os prezos de venta ao público, aínda que atopamos coa forte resistencia da grande distribución. Agora mesmo hai algún socio que vende a súa cuota en Erica, polo que é unha boa ocasión para entrar. Para máis información contactade coa cooperativa no teléfono 981 508 142

Incendios

Esta praga ten dous graves problemas para os abelleiros, poden arder as colmeas como xa pasou o ano pasado, e tamén pode haber abelleiros encausados por incendios que non cometeron. Hai dous socios agora neste caso, pregamos andar con moito coidado e non apagar o afumador no apiario, nin deixar cinza no apiario, aínda que estea apagada este pode ser o motivo da acusación ao abelleiro.

Roubos

Déronse bastantes casos de roubos. Os que tiñan as colmeas aseguradas cobraron o que aparece na póliza. Pero isto nos perxudica a todos, para o ano a póliza vai ser máis cara ou nos poden expulsar dela. Agradecemos todas as informacións que nos deades destes roubos, Grazas a isto xa temos moitas pistas e localizados a algúns ladróns, que agardamos que pronto estean a disposición da xustiza.

Antibióticos

É outro grave problema para o mel, se alguén usa antibióticos que sepa que despois non pode comercializar o mel e deberá correr con todos os gastos, incluídos os da destrución do produto. Pero ademáis, aquel que use antibióticos que sepa que tamén pode perxudicar aos apicultores veciños, xa que as abellas poden ir ao pillaxe e contaminar todo o mel deste produtor inocente.

Das miñas colmeas

Esta é a nosa marca colectiva como organización. Uns 90.000 quilos do mel saíron ao mercado este ano coa marca DAS MIÑAS COLMEAS, moi apropiada para a venda directa e mercado local coa indicación de produción primaria. Recoméndase, para os que vendades o voso mel directamente ou no mercado local, que o mel non debería baixar dos 8 Euros/quilo na venda ao público. Como indicativo poderíamos partir dos 3,50 Euros ao productor; 5,50 Euros o mel envasado e posto no punto de venda, e o prezo de venda ao público sobre 8 Euros con impostos incluídos.

Formación

Este ano foi outro ano de moita actividade formativa, entre cursos de iniciación e especialización volveron a participar cerca de 1.000 apicultores e apicultoras, moita xente nova que está rexuvenecendo e impulsando o noso sector, o que nos fai ser moi optimistas. Nos dous últimos anos AGA medrou uns 500 asociados o cal nos fai unha forte asociación. Agora hai que planear ben as cousas cara o vindeiro quinquenio para

 

VESPA VELUTINA

Temos constancia da súa presencia en toda a Galicia costeira, pero no norte de Lugo están aparecendo moitos niños e xa se están dando os primeiros ataques ás abellas. Neste asunto o protocolo é o seguinte: o primerio que debedes facer é chamar ao 112. Eles contactan connosco para ter a confirmación. Se se confirma a V. Velutina, o 112 dá aviso ao 012 e estes son os encargados de destruir os niños. Se non se atopa o niño, ainda que se confirme a presenza, non actuarán; polo tanto é importante atopar os niños. Seguide enviando toda a información posible.

 

TENDA APÍCOLA

Erica Mel puxo a funcionar na súa sede en Arzúa unha novidosa tenda apícola. En principio, para introducir novos implementos que non están noutras tendas de proximidade: fondos sanitarios, cazapoles, mel en seccións, libros, envases para o mel e todos os utensilios necesarios para a explotación apícola. Pódense consultar os materiais en venta e os prezos na web de AGA.

 

Descargar