+ 34 981 508 142

Guía de boas prácticas

Neste documento recóllense unha guía para obter un mel da mellor calidade e coas garantías sanitarias que necesita o consumidor.

Esta guía vai dirixida exclusivamente aos apicultores galegos que producen mel no ámbito da produción primaria, isto é, o que procede das súas propias colmeas e procesando todo o mel nas súas propias instalacións.

 

Descarga a guía en pdf

 

MATERIAL APÍCOLA

Colmeas

  • Non tratar  o interior das colmeas ou os cadros con ningún produto que poida producir contaminacións.
  • As colmeas e os cadros almacenados fóra de uso manteranse ben tapados para evitar a entrada de insectos, paxaros, roedores etc. que poidan contaminalos.
  • Para evitar fermentacións nos cadros das alzas tras a extracción do mel é recomendable poñelos á disposición das abellas durante un ou dous días despois da última colleita e antes do almacenado invernal.

Desinfección e profilaxe

  • Para a desinfección periódica do material hai que utilizar unicamente desinfectantes autorizados no sector alimentario.
    • No caso de utilizar lixivia, facelo a unha dilución do 5 %. Rematar sempre cun aclarado de auga potable e dando boa ventilación.
    • Para madeira e metais tamén pode utilizarse a chama dun queimador de gas.
  • No caso de ataque de doenzas bacterianas, tanto a madeira dos cadros como o material biolóxico destruiranse no lume ou enterraranse, fóra do alcance das abellas, o máis inmediatamente posible.
  • Para evitar posibles contaxios convén limpar e desinfectar despois de cada uso as ferramentas apícolas (espátula, pinzas, cepillo…).
  • En canto se detecten colonias mortas ou moi febles, hai que proceder a pechalas e retiralas do apiario.

Cera

  • Evitar, no posible, o traslado de ceras dende o corpo de cría ás alzas melarias. De ter que facelo marcalas para non confundir coas outras e non extraer ese mel.
  • Evitar o uso de ceras ennegrecidas, renovando as láminas do niño cada catro ou cinco anos como mínimo, para rebaixar a presión infecciosa e estimular a boa marcha da colonia.

Defensa contra a couza

  • Na garda invernal de alzas é recomendable evitar a couza favorecendo a ventilación co efecto cheminea, situando no fondo e no cimo do montón de alzas uns excluidores apícolas ou teas mosquiteiras.
  • No caso de aplicar tratamentos preventivos o máis recomendable é utilizar o Bacillus thuringiensis. Tamén poden usarse os vapores de ácido acético glacial ou queimarse mechas de xofre no interior das moreas de alzas.
  • Polo seu potencial contaminante non se utilizarán produtos que poidan deixar resíduos.

 

APIARIO

Colmeas

  • As colmeas situaranse lonxe de focos de contaminación.
  • Evitarase situar alzas ou cadros directamente no chan, para evitar contaminación polas bacterias do solo. Como alternativa pode utilizarse un teito do revés sobre unha colmea contigua.
  • As colmeas asentaranse erguidas do chan e cunha leve inclinación cara a diante.
  • Asegurar, no posible, a sanidade de cada novo enxame que entre a formar parte do apiario.

Afumador

  • Utilizarase sempre con moderación.
  • Os mellores combustibles para queimar son os vexetais secos; evitaranse outros produtos que poidan producir olores ou contaminación.

Pillaxe

  • Non deixar ao aire libre cadros ou material con mel.
  • Evitar colonias febles na proximidade de colonias de produción.
  • No caso de pillaxe, eliminar a orixe e reducir as piqueiras ao mínimo imprescindible.

Tratamentos sanitarios

  • Non facer nunca tratamentos en período de colleita e con presenza de alzas melarias.
  • Respectar coidadosamente as doses e os tempos de aplicación indicados nos prospectos do medicamento.
  • Non aplicar tratamentos sen a debida consulta aos técnicos das asociacións de apicultores ou a un veterinario.
  • Os medicamentos para animais de produción están suxeitos a prescrición veterinaria mediante receita.
  • Non facer tratamentos preventivos pois sempre son perxudiciais e ineficaces.
  • As alzas de mel das que se sospeite que non cumpran estas normas sobre tratamentos, deben separarse do resto.

Alimentación

  • Non alimentar colonias de produción na época de colleita e con alzas melarias postas.
  • No caso de alimentar con mel, utilizar unicamente mel propio sanitariamente seguro. Nunca alimentar con mel alleo, polo perigo de transmisión de patóxenos ou residuos.
  • Evitar complementos alimenticios comerciais sen garantías sanitarias.
  • Controlar a cantidade adecuada de alimento a disposición das abellas, evitando posibles fermentacións por exceso de produto.
  • Para evitar a deterioración do alimento, non preparalo con antelación superior a vinte e catro horas.

Castra

  • Reducir todo o posible o uso do afumador nas alzas de mel.
  • Para o desabellado é preferible utilizar sopradores ou escapes. Evitar o uso de repelentes químicos.
  • Non extraer o mel dos cadros que teñan cría, para evitar a contaminación do mel.
  • Para evitar altos contidos de humidade, retirar unicamente os cadros que presenten o mel operculado e facer a esmelga preferentemente con tempo seco.

Transporte

  • O vehículo que trasporte as alzas estará limpo e pechado á entrada de po, auga ou outros elementos alleos.
  • Para o transporte das alzas ata a sala de extracción débense utilizar soportes hixiénicos que eviten a contaminación dende posibles focos non solo do apiario, vehículo ou almacén.

 

MELARÍA - SALA DE EXTRACCIÓN

Locais e materiais

  • Os locais destinados á extracción do mel poden ser de destino específico para esta actividade ou locais polivalentes que se destinen temporalmente a funcións de melaría.
  • Serán locais pechados e disporán como mínimo dunha porta que impida a comunicación directa con outras estancias que poidan ser fonte de contaminación.
  • O solo será estanco e lavable.
  • Os mesados e as paredes que poidan recibir salpicaduras de mel serán lisas, non absorbentes e lavables.
  • Haberá billa de auga potable no propio local ou nas súas proximidades.
  • Procurarase a ausencia total de abellas antes da extracción do mel, selando convenientemente as entradas e facilitando a saída das abellas que puidesen vir nas alzas do mel. É efectivo escurecer ao máximo o local e deixar unha pequena entrada de luz cara ao exterior, pola que sairán as abellas.
  • É recomendable protexer as ventás cunha tea mosquiteira para evitar a entrada de insectos.
  • Todo o material e ferramentas que entren en contacto co mel deberá ser de uso alimentario. O ideal é que sexa de aceiro inoxidable.

Hixiene e saúde

  • As alzas contendo mel situaranse illadas do solo.
  • Previamente ao seu uso, os locais estarán limpos, desinfectados e pechados a insectos ou pequenos animais. Asemade estarán resgardados de olores fortes que poidan afectar o mel.
  • O persoal que manipule o mel presentará boa hixiene persoal e ausencia de enfermidades contaxiosas e coñecerá o contido desta guía de boas prácticas.
  • Durante a esmelga evitarase a entrada de animais domésticos e o almacenamento fóra de armarios pechados de produtos químicos ou de limpeza.
  • O local contará co abastecemento de auga potable para a limpeza do propio local, das persoas e do material.
  • As ferramentas que entren en contacto co mel (pinzas, coitelos...) lavaranse e secaranse regularmente durante o tempo de uso.

Extracción

  • Non demorar a extracción do mel das alzas tras retiralo das colmeas. Dende uns días antes e durante o tempo de almacenamento é aconsellable o uso de deshumidificadores.
  • Todo o mel sospeitoso de non manter as súas propiedades (fermentación, cheiro anormal...) debe ser descartado antes da extracción.
  • Os opérculos trataranse o máis rapidamente posible para retirarlles o mel. Este período non debe exceder dunha semana.
  • Non extraer para consumo humano o mel procedente dos cadros da cámara de cría.

Filtrado e decantado

  • Todo o mel será filtrado para retirarlle as partículas visibles.
  • O máis recomendable é utilizar unha serie de filtros de malla progresivamente máis mesta: grosos, medios e finos.
  • Tras o filtrado deixarase decantar o mel en recipientes específicos para este uso (decantadores ou maduradores) coa finalidade de que se forme unha espuma superficial de aire e restos de cera que se retirará para deixar o mel perfectamente limpo.
  • O decantado convén que dure un mínimo dunha semana. O seu efecto verase favorecido se o local se mantén a unha temperatura constante duns 25 ºC.
  • Os recipientes que conteñan mel taparanse para evitar a entrada de humidade e de elementos estraños.
  • Para facilitar a trazabilidade do produto, os decantadores ou calquera outro contedor de mel para envasar deberán estar provistos dunha indicación ben visible con datos sobre o apiario de procedencia e a data de colleita.

Descristalizado

  • Para fundir ou descristalizar o mel empregaranse unicamente ferramentas adaptadas (resistencias de aceiro inoxidable, silicona...) que conten con termóstatos para o control da temperatura.
  • A calor que se aplique será a menor posible e de curta duración, para evitar subidas indebidas do parámetro HMF.

Envasado

  • Os envases serán de uso alimentario, exclusivos para o mel e disporán de peche hermético.
  • Antes do envasado é recomendable lavar e aclarar os envases con auga potable, vixiando que estean secos antes do seu uso.
  • O mel envasado almacenarase en lugar fresco, seco e protexido da insolación directa.
  • No caso de envasar diferentes lotes, hai que separar de xeito inconfundible as distintas partidas ata o seu etiquetado.

Almacenado

  • O mel envasado nos tarros convén almacenalo en caixas ao abrigo da luz, nun local seco e fresco.

 

Febreiro de 2013