+ 34 981 508 142

630 069 637


20 DE MAIO DO 2020 : DÍA MUNDIAL DAS ABELLAS

20 de maio de 2020

Por Xosé Torres, presidente de AGA

Con motivo de «Aquí vén o maio de flores cuberto...» o 20 de maio do 2020 ―data que coincide co aniversario do apicultor esloveno Anton Janša, do século XVIII, considerado o pai da apicultura moderna―, as persoas viventes no planeta Terra celebramos o Día Mundial das Abellas para reflexionarmos entre todos ―abelleiros, científicos, agricultores, xente moza e miúda...― sobre o noso comportamento futuro verbo da natureza, tendo moi en conta os efectos neste eido da afección da pandemia que estamos a sufrir polo virus da covid-19.

Este Día das Abellas foi instaurado no ano 2017 polas Nacións Unidas - FAO ―agricultura e alimentación― para defender as abellas e os polinizadores, o hábitat apícola, a polinización natural, a conservación da biodiversidade e a alimentación humana.

• Neste mes de maio os apicultores galegos coidamos de 10 mil millóns de abellas que están a traballar para manter a diversidade floral da nosa rica natureza, favorecendo as producións agrícolas, facilitando un servizo ecolóxico e beneficiando a sociedade en xeral de balde.

•As abellas gustan da compañía social e da organización. Un enxame pode ter a grandeza poboacional dunha cidade como Carballo, Oleiros, Vilagarcía de Arousa ou Narón, chegando nalgún caso mesmo á de Ferrol ou Pontevedra, a saber, de 30.000 a 70-80.000 insectos.

• As abellas melíferas viven nun gran número de países do noso planeta, que acubilla millóns de colmeas. Agora ben, no mundo só se producen de media 25 gramos de mel por persoa/ano. Hai un déficit enorme de abellas e mel. Para palialo, non debemos destruír o seu campo de traballo.

> En Galicia cultívanse sobre 180.000 colmeas na actualidade ―o que representa de media unha carga de 6 colmeas por quilómetro cadrado―, que producen 2 millóns de quilos de mel por ano, ou sexa, 750 gramos por galego ao ano. Somos un pouco privilexiados!

• Unha abella adoita visitar 250 flores nunha hora, o que a converte nun dos mellores polinizadores do mundo. E para produciren 1 quilo de mel, as abellas deben visitar 4 millóns de flores e percorrer unha distancia equivalente a catro veces a volta ao perímetro da Terra.

• As abellas sociais e solitarias (máis de 25.000 especies) e os himenópteros ―os abellóns e as avespas―, xunto con outros insectos polinizadores como as bolboretas, algúns paxaros e morcegos, teñen un papel primordial na polinización das flores de máis de 170.000 especies vexetais. Con este proceso permiten a supervivencia dos ecosistemas naturais, así como a produción e reprodución das plantas salvaxes e cultivadas.

> Un terzo da produción alimenticia mundial depende das abellas, polo que estas nos facilitan un alto valor nutricional e contribúen ademais á seguridade alimentaria das persoas.

• Nesta actividade polinizadora deben afrontar numerosos impedimentos e ameazas, como o cambio climático (que desregula as floracións), a varroa (un ácaro parasito da cría e das abellas adultas), a velutina (unha avespa grande que as come), a agricultura intensiva ou o emprobrecemento dos recursos melíferos, o abuso dos fitosanitarios nos cultivos (que as mata ao írense alimentar neles), o cambio no uso das terras agrícolas (o futuro da apicutura do mañá está na riqueza do subsolo) e a destrución dos hábitats naturais polos monocultivos, no caso de Galicia esencialmente de eucalipto e millo.

• Os polinizadores son un bo indicador biolóxico e sentinelas ambientais dos ecosistemas locais e preservan a biodiversidade ―alimento, combustible renovable, osíxeno, aire limpo, clima estable...―, a cal resulta esencial para o desenvolvemento do medio natural da humanidade.

• As abellas melíferas das nosas colmeas producen un excelente mel (multifloral ou monofloral: eucalipto, castiñeiro, queiroga, silva e melato de carballo), pole e xelea real, que son alimentos naturais reflexo dunha paisaxe, co aroma, a cor e o sabor dun determinado territorio.

Para rematar esta celebración, desde AGA propomos unha actualización na definición do termo «abella» no Dicionario da Real Academia Galega, nos seguintes termos:

abella, s. f.: Insecto artrópodo da orde dos himenópteros, de cor castaña/amarela e duns quince milímetros de lonxitude, que vive organizado socialmente en comunidades, ben en estado natural ou ben en colmeas feitas polo home, e que enriquece a biodiversidade a través da polinización e produce mel, cera, pole ―proteína vexetal―, xelea real ―reconstituínte enerxético―, própole ―tratamento antiinflamatorio da gorxa― e veleno ―apiterapia―, así como enxames ―multiplicación das colonias de abellas―).

No World Bee Day, happy Día das Abellas!


Voltar