+ 34 981 508 142

A PLATAFORMA STOP VELUTINA, SECTOR APÍCOLA E INVESTIGADORES, UNIDOS NA LOITA CONTRA A VESPA VELUTINA

31 de outubro de 2018

A Plataforma Stop Velutina, sector apícola e científico uníronse nesta loita elaborando, de forma conxunta e consensuada, unha proposta dirixida á Xunta de Galicia e presentada hoxe por rexistro en Santiago de Compostela, na que demandan unha liña de financiación específica para investigación e axudas ó sector apícola para facer fronte á protección das colmeas. Ante o avance da praga do tártago de patas amarelas (Vespa velutina) ano tras ano e a constatación de que a erradicación é prácticamente imposible, a investigación é indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas.

 

A praga do tártago de patas amarelas, que está afectando a varios países europeos e toda a Cornixa Cantábrica no caso de España, debería ser tratada de forma transversal implicando a todo o aparato administrativo a nivel autonómico, estatal e europeo. No caso de Galicia, rexión onde está afectando con especial dureza debido as favorables condicións climáticas e territoriais para a expansión desta especie, pensamos que a xestión do problema debería pasar a través da Presidencia da Xunta de Galicia, pois afecta a toda a sociedade galega, pon en perigo a saúde pública, é unha ameaza para o medio ambiente e prexudica directamente ó sector primario. Non obstante, pola súa especificidade en cada territorio e coas particularidades dos sectores afectados, dirixímos nesta ocasión as nosas demandas á Consellería de Medio Ambiente cunha proposta concreta elaborada en conxunto cos sectores científico e apícola, e por outro lado á Consellería de Medio Rural coa petición de axudas ó sector apícola, un dos máis prexudicados.

Liña de investigación específica para a loita contra a Vespa velutina

Investigadores e investigadoras das tres universidades galegas xunto coa Plataforma Stop Velutina decidiron abordar xuntos esta situación e chegaron a conclusión de que, a pesar de que existen avances na investigación, faltan recursos e financiación para continuar cun traballo que chegue a plasmarse en métodos eficaces de control da praga. Aínda que existen outras convocatorias a diferentes niveis, consideramos que este é un problema específico dun territorio específico e non se demostrou ata o momento que outros proxectos estén dando resultados concretos para o noso problema, polo que debe ser a administración galega, a través da Consellería de Medio Ambiente, a que financie liñas de investigación específicas para a loita contra o tártago asiático en Galicia.

No día de hoxe, rexistramos unha proposta clara e concreta, elaborada dende unha visión científica e integrando a experiencia e necesidades dos sectores afectados, que demandamos que se inclúa de forma urxente no orzamento xeral da Xunta de Galicia a financiación suficiente para desenvolver esta investigación a partir do ano 2019. Outra das demandas trasladadas é a necesidade de crear ferramentas que melloren a comunicación entre os diferentes axentes implicados e a xestión da información, entre os que propoñemos unha Mesa Sectorial, para traballar unidos nesta loita todos os sectores afectados xunto co científico e a administración.

Ademais, en vista das deficiencias na retirada de niños, dende a Plataforma Stop Velutina pensamos que se deben establecer protocolos de actuación unificados, elaborados de forma consensuada e dirixidos tanto á prevención como na retirada de niños. E por último, insistimos nas reivindicacións que levamos traslandando dende a creación da Plataforma: a implicación real e efectiva da Consellería de Medio Ambiente nesta problemática, asumindo as competencias que lle corresponden, a integración dos sectores afectados na Comisión de Seguimento e a realización de campañas de divulgación social sobre o problema, dirixidas á sociedade en xeral e a colectivos específicos, como o educativo.

 

Axudas ó sector apícola para a protección das colmeas

A iniciativa das organizacións apícolas pertencentes á Plataforma Stop Velutina, diriximos hoxe outra solicitude á Consellería de Medio Rural, na que demandamos axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas. Esta é unha das medidas que demostrou ata o momento resultados positivos, tal como sinalan estudios realizados dende a Universidade de Vigo e financiados pola propia Xunta de Galicia. Pero o seu uso xeralizado require dunha grande inversión, gasto que está sendo asumido directamente por cada apicultor e apicultora de xeito individual.

O ataque do tártago de patas amarelas nas colmeas supón un debilitamento da saúde do enxame, podendo provocar a súa mortantande directa ou indirectamente, o cal supón a redución na produción de mel e doutros produtos da colmea. Hai que ter en conta que a apicultura non é só unha actividade gandeira produtiva, da que se benefician produtores e consumidores. As abellas son clave para o mantemento da biodiversidade a través da súa función polinizadora, polo tanto o seu coidado e protección non debe recaer exclusivamente nos apicultores e apicultoras. A Plataforma demanda neste senso a convocatoria para o 2019 dunha liña de axudas ó sector apícola para financiar sistemas de protección das colmeas e realizar esta convocatoria en  colaboración co sector apícola, acordando os contidos, condicións e orzamento necesario. Outras peticións incluidas nesta solicitude son a mellora na xestión da retirada de niños, que presenta moitas deficiencias en función do persoal encargado en cada concello, e a continuación das axudas para o trampeo preventivo que, mentres non se desenvolvan outros métodos máis selectivos, é indispensable para o control da praga.

Outras imaxes do acto:

 


Voltar