+ 34 981 508 142

630 069 637


A POSICIÓN DE AGA ANTE A MORTE DE DÚAS PERSOAS POR MOR DA VESPA VELUTINA NAS ÚLTIMAS SEMANAS

26 de maio de 2020

En poucos días, na tempada dos niños primarios, a Vespa velutina matou dúas persoas en Galicia. Esta racha non fai presaxiar nada bo para este verán-outono, que é cando a praga desata a súa furia sobre as abellas, as persoas, as froitas etc. Desde AGA levamos tempo reclamando que se nos escoite para facer propostas co obxecto de minimizar os efectos desta espacie invasora, pero as administracións fan oídos xordos e deixan pasar o tempo para ver se o asunto se arranxa circunstancialmente por si só.

Unha vez máis estamos comprobando que a loita que se está levando contra a velutina é desorganizada e cadaquén anda polo seu lado, sexa a Xunta, os concellos, os sectores afectados etc. Así, os resultados sempre van ser escasos por moitos medios económicos que poñamos encima da mesa.

Coa investigación, que vai ser a clave nesta loita, ocorre algo parecido. Hai varios proxectos comezados, pero descoordinados e non se albisca unha acción decidida tampouco neste ámbito.

Desde AGA, unha vez máis, estamos en disposición de facer propostas se as administracións o consideran. Para empezar a evitar ataques e as graves consecuencias que estamos vendo habería que facer unha campaña de divulgación sobre como deberían actuar as persoas nas diferentes situacións, segundo se trate de apicultores, de traballadores do monte, de labregos, sendeiristas etc., sexan alérxicos ou non.

O trampeo primaveral, que este ano se viu minguado pola pandemia do coronavirus, é unha ferramenta fundamental entramentres non haxa outra mellor, mais ten que ser organizada. Sinalamos que non vale de nada trampear unha comarca ou un concello, e no colindante non o facer.

A eliminación de niños hai que levala a cabo. Agora ben, se só operamos no 20-25 % dos existentes, que son que se adoitan avistar, non resolvemos o problema para nada. Non actuar causaría aínda moitos máis danos e perdas en varios sectores no curto prazo.

Os apicultores son persoas preparadas para facer fronte a esta especie invasora, pero os labores e os métodos utilizados son traballosos e custosos e non están ao alcance de todos eles. As perdas no sector apícola andan arredor do 30-40 % dos enxames e tamén das producións, polo que a rendibilidade das explotacións diminuíu moito.

Outra proposta sería que a Vespa velutina ou o tártago asiático fose declarada pola Unión Europea como praga en todo o seu territorio, para poder implementar axudas de cara os sectores afectados por esta invasión.

A investigación é fundamental para buscar métodos de loita eficaces e compatibles co medio ambiente, pero a clase científica séntese desasistida tanto en medios coma en coordinación dos traballos que se están realizando, e resulta obrigado mellorar moito este aspecto.

Non esquezamos que esta especie significa un ataque ao medio ambiente e á biodiversidade do noso país. Este é un problema de toda a sociedade.


Voltar