+ 34 981 508 142

A PROMOCIÓN DO APITURISMO EN GALICIA

27 de setembro de 2019

A Asociación Galega de Apicultura AGA presentou o pasado domingo 15 de setembro en Allariz, con motivo da II Feira dos Produtos Apícolas, o proxecto Apiturismo Xacobeo 2021, que forma parte do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia.

No acto interviron Xosé Torres, presidente de AGA, Suso Asorey, voceiro de AGA, María Lorenzo, apicultora do Courel e Damián Copena, investigador do patrimonio apícola cereiro, e presentouse un vídeo promocional sobre o apiturismo en Galicia, realizado con imaxes aéreas dos lugares máis representativos da apicultura tradicional do noso país.

Ver vídeo: Apiturismo en Galicia

 

 

Un dos obxectivos do proxecto é poñer en valor as alvarizas, construcións apícolas tradicionais de Galicia realizadas en pedra seca, un tipo de construcción típica dalgunhas rexións de Europa que foi declarada «patrimonio inmaterial da Humanidade» pola UNESCO en novembro do 2018.  A nosa é unha apicultura única no mundo, que ten en común o uso de construcións en pedra seca, de granito ou lousa, ben sexa para defenderen as colmeas dos osos nas montañas orientais de Galicia, ben sexa para delimitaren o recinto do apiairo ou impediren o paso do gando silvestre ou doméstico a el.

O proxecto Apiturismo Xacobeo 2021 ten como finalidade última atraer visitantes á oferta de apiturismo de Galicia,  en especial a apicultores pero tamén peregrinos e turistas. Para iso, AGA está elaborando durante este ano unha serie de materiais e actividades con fin de difundir a nosa apicultura especialmente de cara a celebración do Xacobeo 2021. Por un lado realizarase unha publicación sobre apiturismo, que se presentará no mes de outubro en Santiago de Compostela, e será distribuida a nivel internacional. Durante todo o ano estivemos ofrecendo degustacións dos meles galegos en diferentes actos organizados por AGA en toda Galicia. Realizamos tamén un vídeo promocional, que foi presentado en Allariz, e unha exposición de fotografías,  tamén expostas na presentación do proxecto e que se exporán tamén no acto previsto para Santiago de Compostela.

Para lograr unha continuidade do proxecto, incluiuse tamén a creación dun centro de información sobre apiturismo, que estará ubicado no Centro de Divulgación do Queixo e do Mel en Arzúa, coa misión de ofrecer información ós diferentes públicos, organización de visitas e outras actividades de comunicación.


Voltar