+ 34 981 508 142

630 069 637


AGA PROPÓN Á XUNTA DE GALICIA A COMPRA DE MEL PARA HOSPITAIS, RESIDENCIAS E COMEDORES SOCIAIS

17 de abril de 2020

O sector do mel en Galicia tamén está sufrindo as consecuencias da pandemia do COVID 19 e o actual estado de alarma, co peche dos mercados e hostalaría. Os abelleiros e abelleiras contan na actualidade cunha importante cantidade de mel sen vender, polo que urxe tomar medidas para favorecer este sector primordial para o medio ambiente, a biodiversidade e a produción de alimentos debido ao efecto polinizador das abellas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Asociación Galega de Apicultura AGA trasladoulle ó Conselleiro de Medio Rural unha proposta de apoio ó sector apícola galego neste tempo de crise, que consiste na compra de mel por parte da administración galega para abastecer a centros sanitarios, comedores sociais ou residencias de maiores, públicas ou concertadas. Dende AGA consideramos que esta sería unha importante axuda ó sector apícola galego que ademais ten como finalidade contribuir na saúde da poboación, en concreto a que presenta máis risco, a través do consumo de produtos saudables como é o mel e os produtos das abellas.

O mel aporta calorías rapidamente asimilables, útiles para a práctica física, para o traballo intelectual, e moi adecuado para persoas maiores, débiles ou enfermas. Está dotado de propiedades terapéuticas, emolientes e adozantes, moderadamente laxativas e antitusivas. Presenta unha actividade antibacteriana, útil no caso de enfermidades debidas a arrefriados e gripes, irritacións de gorxa e para usos externos en queimaduras, chagas e feridas. En definitiva, o mel fai a nosa alimentación máis equilibrada e sa.

Tendo en consideración a iniciativa da Consellería de Medio Rural, coa creación da canle "Mercaproximidade", na que se indica a posibilidade de adquirir produtos agrogandeiros por parte da Xunta para o seu uso hospitais e outros centros de tipo social, solicitamos expresamente a compra dos nosos meles para os usos citados, que consideramos dun beneficio xeral para a sociedade.

Outra medida de apoio fundamental para o sector apícola neste momento, así como tamén para o agrícola e gandeiro, sería que a administración autonómica considere a reapertura dos mercados locais, coas debidas medidas de seguridade sanitaria, xa que son ferramentas clave para garantir a sostibilidade da produción agrogandeira galega así como a dispoñibilidade de alimentos de calidade e proximidade por parte da poboación, asegurando así soberanía alimentaria do pobo, como se está reivindicando hoxe 17 de abril a través da celebración do Día Internacional das Loitas Campesinas á que AGA tamén se suma.


 


Voltar