+ 34 981 508 142

ALERTA POR DESBROCES NOS MONTES DA PROVINCIA DE OURENSE

3 decembro 2019

Nos últimos meses unha parte dos montes con mato baixo de Ourense están sendo desprovistos das valiosas matogueiras, polas rozas realizadas como suposta medida preventiva contra os incendios. Estas prácticas están afectando a hábitats de alto valor ecolóxico e prexudicando a moitas especies, entre elas as abellas, ante o cal o Movemento Ecolóxico da Limia (MEL) decidiu denunciar públicamente esta problemática.

AGA sumouse a esta iniciativa e solicitou unha reunión coa Consellería de Medio Rural, da que estamos pendente de recibir contestación. A continuación publicamos o comunicado do Movemento Ecolóxico da Limia (MEL) no que se explica claramente en que consiste esta práctica e cales con os motivos polos que se pide a revisión destas medidas.

 

 

COMUNICADO DE PRENSA

 ALERTA POR DESBROCES A FEITO REALIZADOS NOS MONTES DA PROVINCIA DE OURENSE

Movemento Ecolóxico da Limia (MEL)

Nos últimos meses grande parte dos montes con mato baixo de Calvos de Randín, Bande e Xunqueira de Ambía están sendo desprovistos das valiosas matogueiras, chegando incluso a afectar a hábitats de alto valor ecolóxico como no caso das veigas de Golpellás en Calvos de Randín (nat.40:20) que forman parte da rede Natura 2000

O Movimento Ecoloxista da Limia (MEL) denuncia públicamente as "supostas medidas preventivas" na loita contra os Incendios Forestais que a Consellería de Medio Rural está a aplicar nos montes da provincia de Ourense.

Grande parte destas medidas consiste en rozar afeito extensas superficies de monte arbustivo composto por formacións de matogueiras que constitúen hábitats singulares e mesmo son legalmente protexidos tanto pola propria normativa autonómica como a comunitaria.

Estas formacións de mato baixo autóctonas, están formadas por unha asociación estable e harmónica de diferentes especies de ericáceas (carpazas, queirogas, etc.) de toxos molares e de numerosas herbáceas.

As matogueiras eran abundantes até non hai moitos anos, pero hoxe están en auténtico perigo de degradación e extinción, por mor dos procesos erosivos causados polos incendios, polos vertidos de xurros da industria porcina e o aumento da superficie de monocultivos de piñeiros.

 

IMPORTANCIA DAS MATOGUEIRAS

Este tipo de matogueiras teñen un gran interese ambiental, pois protexen o monte dos procesos erosivos, reteñen e infiltran as augas da choiva, contribuíndo a recarga dos mananciais e dos acuíferos que abastecen de auga potable as poboacións humanas.

Constitúen o hábitat de numerosas especies de aves, de réptis, mamíferos e sobre todo de insectos dos que destacaríamos a nosa, apreciada e polinizadora, abella melífera. Xeran ademais outros importantes servizos ecosistémicos:

-melloran e enriquecen a paisaxe coa sua explosión de cores alá pola primavera, enchendo o aire de arrecendos agradables. En moitos países europeos son incluso motivo de atracción turística.

-a súa biodiversidade proporciona floracións escalonadas que permiten as abellas producir un mel de excelente calidade.

-contribúen á fixacion do nitróxeno e o carbono atmosférico, contribuindo a frear o Cambio Climático.

-son un recurso básico á hora de formular calquer aproveitamento agro-silvo-pastoral do monte galego, ao ser fonte de materia orgánica natural para mellorar a fertilidade das terras de cultivo e poder producir alimentos sans e de calidade.

 

HIPOCRESÍA POLÍTICA

Aínda que o discurso oficial parece ser moi conservacionista, hoxe mesmo, podemos escoitar nas emisoras de radio a propaganda institucional dirixida aos que vivimos no rural, co gallo de que non atentemos con "elementos estraños" contra a nosa paisaxe natural. Logo van eles e permiten a instalacións de macrogranxas enormes nos lugares máis representativos e paisaxísticos das nosas comarcas. Como por exemplo: a recente e brutal instalación construida mesmo en frente do monte A Guioncha (Picouto do Mediodia) no lugar de Castelaus en Calvos de Randín.

Pero sigamos co nomeado discurso conservacionista: nun día mundial da Biodiverdidade, a Conselleria de Medio Rural presentou solenmente no Parlamento de Galiza unha iniciativa para construir un xardín autóctono no que estiveran representadas as formacións vexetais máis típicas do país (para que os nosos representantes políticos lembrasen a diario o belida que é a natureza galega), e curiosamente neste proxecto figura unha mención moi especial aos ecosistemas de matogueiras, con ensalzamento do seu valor ecolóxico, paisaxístico e climático

…"A Cámara dedicará o seu xardín ás especies vexetais autóctonas e as súas paisaxes, e en particular ás formacións de matogueira -en Galicia integradas por especies coma o toxo e as uces, que teñen un papel ecolóxico fundamental para evitar a perda e erosión de solos, tardando miles de anos en formarse e poucos días en destruírse e desaparecer"…

http://parlamento.gal/sitios/web/OptiEnerxetica/BibliotecaDocumentos/o%20xard%C3%ADn%20aut%C3%B3ctono.%20Documento%20prensa.pdf

 

PERO QUE TRISTE!

Triste e lamentabe que á hora da verdade e da práctica diaria, os criterios que priman por parte da Consellería son outros ben diferentes.

Para que non haxa incendios, compre eliminar toda esta vanagloriada vexetación e… XA ESTÁ! Seguindo este absurdo criterio, poderíamos tamén concluir que o mellor xeito de impedir que arda un piñeiral e talar as árbores afeito e eliminalas completamente: morto o can, acabouse a rabia.

Non cremos, para nada, que estas nefastas accións sexan técnica, económica e ambientalmente aceptables e o único sentido que lle vemos é que son un fin en si mesmas, sobre todo para que moitas empresas florestais aseguren ingresos. De ahí o desorbitado prezo que a Consellería pactou con estas empresas, 450 euros por hectárea desbrozada (máis do dobre do custo real). Estas cuantiosas axudas, así como a facilidade coa que a dita Consellería as outorga como a prontitude con que as paga (as veces sen que nin tan sequer se teñan realizado os traballos), fai que as ditas empresas se convirtan en caza-recompensas, chegando a presionar con métodos de dubidosa legalidade, cun claro obxectivo de convencer aos representantes dos montes veciñais para que lles consigan o maior número de hectáreas e a poder ser o máis fácil posible de desbrozar.

Ten algún sentido aniquilar a feito centos de hectáreas de monte co único obxeto de eliminar a vexetación para evitar os supostos incendios? Logramos, desta maneira, que non se propaguen os lumes? ou simplemente eliminamos superficie que potencialmente pode arder (como pode pasar cos piñeiros)?

Non sería máis efectivo realizar un desbroces por franxas? Non sería máis adecuado limpar e recuperar os antigos camiños que comunicaban os diferentes espazos agrícolas das aldeas?

Neste caso que tratamos é totalmente imprescindible actuar contra o abandono das terras agrarias, recuperando prazas de labradíos, soutos e zonas de prados.

A política debería consistir en aplicar medidas eficaces, motivadoras e mesmo creativas como por exemplo fomentar a gandeiria extensiva, coa creación de empregos públicos que contemplen a figura de "pastor" como xa ocorre noutros países máis modernos da Unión.

Finalmente temos que ser conscientes de que é vital xerar postos de traballo no campo e tamén que estas empresas florestais poden xogar un papel moi importante. Pero por outro lado pensamos que decididamente que os cartos públicos deben ser investidos en actuacións que creen riqueza e que non simplemente a destrúan.

 

A Carballal, 26 de novembro do 2019

RAIRIZ DE VEIGA (Ourense)

Asinado o Presidente de MEL, Manuel García González


Voltar