+ 34 981 508 142

ALIMENTAR AS ABELLAS

29 de maio de 2019

Por Suso Asorey

Se algo define a actualidade apícola é esa febre que lles deu aos abelleiros e ás abelleiras por alimentaren as abellas  todo o ano. Échenos unha febre que non vén soa! O mel está feito do que comen as abellas. Ata o de agora comían néctar das flores para facer o mel, pero agora comen penso, igual que as vacas, cabras ou ovellas. Xa que logo, o mel acabará sendo o froito desta perniciosa práctica abelleira. Moito tino: non esquezamos nunca o transvasamento que se produce da cámara de cría para as alzas.

As abelleiras e os abelleiros conscientes deberán ir pensando en poñer na etiqueta do seu mel “Mel elaborado polas miñas abellas sen alimentación artificial” como un plus de naturalidade e de produto saudable, e polo tanto con máis valor económico.

Agora que está de moda consumir produtos naturais, ecolóxicos, saudables, etc., resulta que  os meles van ser de pensos varios. Parece que imos para atrás e a contracorrente. Precisamos todos e todas pouco de sentido, xente da parroquia abelleira!

Pola miña parte, teño que dicir que máis que nunca pode ser interesante alimentar as abellas cando nos sae un enxame, facemos un núcleo ou imos entrar no inverno con colmeas esfameadas. Pero nada máis.

Na primavera, sobre todo agora que estamos en pleno cambio climático, que sexan elas as que regulen o seu ciclo evolutivo segundo as condicións climáticas externas e segundo as dispoñibilidades alimenticias que haxa na contorna. O que non podemos é cambiar o ciclo das abellas alimentando todo o ano e  con calquera cousa que apareza no mercado. Imos producir mel ou imos elaborar unha purrela?

A colleita seguirá sendo boa, regular ou mala en función do aprovisionamento de néctar e pole que haxa no campo á disposición das abellas. Isto é o que se chama apicultura natural, e so así poderemos ter os produtos naturais e saudables que buscan os consumidores. O que se está a querer facer é matar a galiña dos ovos de ouro.


Voltar