+ 34 981 508 142

APICULTORES E APICULTORAS OURENSÁNS PREPÁRANSE PARA COMBATER A VESPA VELUTINA

1 de marzo de 2019

A Escola Galega de Apicultura celebrou o pasado sábado unha xornada en Allariz adicada á Vespa velutina, o tártago de patas amarelas ou asiático, na que os apicultores e apicultoras ourensáns recibiron información práctica para loitar contra este gran inimigo das abellas, o tártago de patas amarelas. Ante a falta de recursos para afrontar esta tarefa, na xornada AGA Asociación Galega de Apicultura anunciou a convocatoria dunha concentración abelleira para o día 4 de abril en Ourense e denunciar a pasividade da Xunta de Galicia na xestión desta problemática.

As diferentes palestras e obradoiros desenvoltos centráronse no coñecemento sobre o comportamento da Vespa velutina e en particular as técnicas de control das que dispoñemos ata o momento, como o trampeo preventivo de raíñas, para evitar niños no verán, e uso de arpas eléctricas para a protección das colmeas.

Membros de AGA con moita experiencia nesta loita, amosaron a efectividade do trampeo para controlar a expansión e incidencia desta espece nas abellas. En particular, o delegado da DAGA Morrazo José Mª Bello insistiu na importancia da colaboración dos concellos, implicando a súa veciñanza na labor preventiva do trampeo. Os resultados obtidos polo traballo realizado por esta delegación amosaron que nos lugares con máis trampeo redúcese o número de niños ata nun 60%. A participación dos veciños e veciñas é fundamental, pois os primeiros niños do tártago asiático atópanse sobre todo nas proximidades das casas especialmente se hai flores como as camelias.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Por outro lado, Rafa Díaz da DAGA Ferrolterra amosou a efectividade das arpas eléctricas na protección das colmeas e expuxo os diferentes mecanismos que se utilizan. Os asistentes puideron tamén coñecer todos os detalles sobre este aparato na exposición de arpas eléctricas, na que participaron constructores de toda Galicia que están desenvolvendo este sistema.

 

Voltar