+ 34 981 508 142

630 069 637


APOIO A MANUEL GARCÍA DEMANDADO POR COREN POLAS CRÍTICAS CONTRA AS MACROGRANXAS

28 de febreiro de 2020

O vindeiro día 2 de marzo terá lugar no xulgado de Xinzo de Limia un acto de conciliación entre o compañeiro do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García e a empresa COREN. Este acto ten a súa orixe nunha demanda civil por danos interposta por COREN, que acusa a Manuel de intromisión ilexítima no dereito ao honor de dita empresa, por facer "imputacións falsas" contra ela nun programa te televisión emitido o pasado ano. A empresa estima os danos e prexuízos nun millón de euros.

Diante desta persecución, máis de 60 colectivos ecoloxistas e da sociedade civil vimos de asinar un manifesto en defensa do activista de MEL, pois consideramos esta demanda un intento de amedrentar a quen sinalan as malas prácticas da gandaría industrial e deciden enfrontarse a sistemas inxustos por conseguir dereitos e liberdades sociais e ambientais.

Mentres que persoas e colectivos que traballan na defensa da xustiza social e ambiental son perseguidos, entidades vinculadas ás elites políticas e empresariais dispoñen dos medios posibles para evadir sancións penais e económicas, ou que se mire para outro lado ante as agresións que padece o entorno no que vivimos.

Queremos unha sociedade sen mordazas, na que denunciar en voz alta os excesos ambientais non supoña un risco!

Texto do manifesto


Voltar