+ 34 981 508 142

AS MULLERES ABELLEIRAS E O MEL 5 ESTRELAS PROTAGONIZAN A MOSTRA GALEGA DE APICULTURA EN ARZÚA

6 de xuño de 2019

A 34ª Mostra Galega de Apicultura, celebrada o pasado 1 de xuño en Arzúa, tivo como protagonistas ás mulleres apicultoras, cada vez máis presentes neste sector, tradicionalmente masculino. A presencia de mulleres está medrando na apicultura, tanto en número como en postos máis destacados e realizando tarefas moi diversas. Outro dos temas centrais da xornada foi a valorización dos productos da colmea coa posta en marcha do Concurso de Meles do País que premiará ós meles gañadores cun selo "5 estrelas".

Palestras

A muller na apicultura galega

A Asociación Galega de Apicultura AGA convocou ó sector apicola a esta cita abelleira en Arzúa na que tivo un espazo central a muller apicultora, nunha aposta da asociación pola igualdade de xénero, tan necesaria neste e noutros ámbitos. Unha representación de socias de AGA expuxeron as súas experiencias dende diferentes perspectivas, coa intención de servir de referencia para outras mulleres, tanto para motivar ás que están comezando como reforzar ás que xa levan longo percorrido.  

Dulce Barro, apicultora experimentada e vogal da directiva de AGA, falou de como tomou o relevo neste oficio da man da súa nai, do importante legado que recibiu e que quixo conservar. Jara Varela, unha nova apicultora en ecolóxico e especializada na cría de raíñas, falou das posibilidades que ofrece a apicultura pero tamén das dificultades á hora de conciliar vida familiar e laboral, ó igual que en moitos outros sectores. Maruxa Blanco, unha recén incorporada abelleira, relatou como foron os inicios e as dificultades que se atopou polo camiño, pero satisfeita e con moita motivación. E Mª Fé Sixto, a terceira xeración dunha familia apicultora, relatou como tomou o relevo apostando pola profesionalización e as técnicas que foi aprendendo para mellorar a comecialización do seu mel, varias veces gañador das catas de IXP Mel de Galicia.

 

O mel 5 estrelas

Durante a xornada a asociación presentou interesantes proxectos destinados á valorización e a diversificación dos produtos apícolas. O voceiro de AGA Suso Asorey presentou o Concurso de Meles do País e animou ós socios e socias a participar para a colleita de mel do 2019 e lograr a calificación de mel 5 estrelas, unha distinción que axudará a aumentar o valor do produto.

Joaquín Lozano, veterinario de AGA explicou a importancia de analizar o mel para mellorar o coñecemento do produto, o cal poderán facer os socios e socias a través do laboratorio apícola que poñerá en marcha AGA para o mes de setembro. 

Finalmente,  Paula Souto, técnica de AGA, expuxo as características das feiras do mel, unha das vías que teñen os abelleiros e abelleiras para comercializar os seus productos, e que AGA quere continuar apoiando tal como anunciou Souto coa convocatoria da próxima edición da Feira dos Produtos Apícolas de Allariz para o 15 de setembro.

 

Viaxe apícola a Grecia

O próximo viaxe apícola de AGA será a Grecia, da man da empresa grega de material apícola Anel. O seu representante en España, Helder Rodrigues, explicou os detalles desta viaxe que se fará do 28 de setembro ó 4 de outubro e que incluirá interesantes visitas apícolas e culturais. Entre elas Helder  Rodrigues destacou as visitas a Anel, de material apícola, Atiki Honey, a maior envasadora de Grecia e Apivita, empresa de cosmética apícola, un centro de investigación sobre apicultura e á Federación de Apicultura de Grecia. Ademais, tamén se farán visitas de tipo cultural, como a Acrópole en Atenas.

 

Prevención de riscos en apicultura

O técnico do SLG Andrés Castro explicou a importancia de ter en conta a prevención de riscos no noso sector, no que existen tamén riscos para a nosa saúde: problemas ergonómicos (derivados de cargar pesos), caídas, picaduras, queimaduras, etc. Tamén detallou as obrigas legais en función de se a explotación é titular dun autónomo ou se hai persoas empregadas. Este tema será tratado con maior profundidade na xornada que organizan AGA e SLG sobre prevención de riscos o vindeiro 15 de xuño en Apícola Carballal (Ourense), na que se poden anotar os socios e socias de balde.

 

A cera e a saúde da colmea

Gonzalo Calvo, veterinario de AGA explicou as características da cera, que producen as abellas como material de construcción impermeabilizante, importante para o mantemento da temperatura. O veterinario explicou a elevada importancia de renovar a cera da colmea, que se vai oscurecendo e enchendo de impurezas (acaricidas, pesticidas, etc), afectando á saúde das abellas. É preciso a renovación dun 30 % dos cadros anualmente e tamén un correcto manexo, para evitar alteracións, como por exemplo evitanado temperaturas elevadas e prolongadas no proceso de fundición.

Paco Graña, da DAGA Bergantiños, explicou a boa experiencia da Delegación na xestión colectiva de material para a laminación de cera: laminadora, caldeira para fundir a cera e caldeira para os cadros.  E por último Francisco Rogao de Macmel explicou que a cera ecolóxica obtense a partir de opérculos con orixe en explotacións en ecolóxico, pero advertiu que non existe a cera ecolóxica 100 % pois sempre hai residuos dalgún tipo. Expuxo  con detalle unha técnica para a renovación da cera, dous cadros ó ano, asegurándose sempre que a zona de cría sempre teña cera nova, co cal se consigue aumentar a posta, reducir as enfermidades e mellorar a calidade do mel.

 

Degustacións e actividades para crianzas

Durante toda a xornada, na exposición no Centro do Queixo e do Mel, as persoas asistentes  puideron degustar unha gran variedade de productos apícolas, queixos de diferentes tipos e a novidosa cervexa con mel de Estrella Galicia e os máis pequenos participaron nunhas divertidas actividades para aprender sobre a importancia das abellas.

 

Feria de material

Ademais, os socios e socias puideron recoller o material apícola encargado na subvención do Plan Apícola, así como adquirir outros materiais nos demais postos de venda e informarse sobre as arpas eléctricas, de cara a prepararse para a nova campaña de loita contra a Vespa velutina.


Voltar