+ 34 981 508 142

AS UNIVERSIDADES GALEGAS E O SECTOR APÍCOLA UNIDOS PARA ESTUDIAR COMO COMBATIR A VESPA VELUTINA

22 de xuño de 2018

Co motivo da inauguración da exposición "Vespa velutina: unha invasión imparable" no Museo de Historia Natural da USC tivo lugar onte no mesmo museo unha reunión entre investigadores das universidades galegas e representantes da Asociación Galega de Apicultura, que participou tamén na realización desta exposición. O obxectivo deste encontro era a creación dun grupo de traballo para aunar esforzos no estudo e investigación sobre a Vespa velutina, un dos máis graves problemas medioambientais os que se enfronta Galicia neste momento.

 

 

Exposición "Vespa velutina: unha invasión imparable"

O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela inaugurou hoxe a exposición temporal "Vespa velutina: unha invasión imparable". A exposición aborda a invasión do tártago asiático, un problema de grande repercusión ambiental e socioeconómica. Con anterioridade a inauguración celebrouse no propio Museo un encontro entre investigadores das universidades galegas e representantes da AGA e doutros colectivos, para intercambiar experiencias e analizar propostas para o deseño de estratexias na loita contra a Vespa velutina.

 

 

A creación dun grupo de traballo para a investigación

O obxectivo é crear un grupo de traballo que terá como centro de referencia para as súas actividades o Museo de Historia Natural e que estudiará diferentes propostas para loitar contra esta praga dende a investigación e cunha perspectiva principalmente científica.

Os investigadores presentes concordaron na necesidade de contar con recursos económicos e humanos para levar a cabo esta investigación e que a administración debe abrir liñas de axudas. Os apicultores e apicultoras non poden seguir levando o peso deste traballo, debe ser realizado dende a investigación científica, que ten unha metodoloxía precisa e rigurosa, poñendo por diante sempre a protección do medioambiente.

Outra das conclusións foi que é indispensable identificar cal é o dano real que está provocando esta especie exótica invasora para saber por que vías hai que comezar a traballar. Unha das máis importantes, aseguraron algúns dos asistentes, é a protección das colmeas, xa que a erradicación da Vespa velutina é prácticamente imposible.

Unha das ferramentas que xa se someteron a estudio na Universidade de Vigo foi a arpa elétrica, cuios resultados foron alentadores, e na Universidade de Santiago están centrando a búsqueda en mecanismos para debilitala, como patóxenos ou biocidas. Tamén hai aberta unha vía coa utilización de feromonas que xa se están preparando para comezar a fase de probas.

 

Máis apoio da administración

Pero os responsables destes estudios reclaman máis apoio da administración, facilitando a obtención de datos e ofrecendo os recursos necesarios. Houbo tamén un acordo unánime en que no se pode deixar que avance a invasión sen establecer unhas liñas de actuación precisas, pois non é prudente esperar por exemplo a un estancamento no avance da praga, xa que non sabemos se vai a ocurrir e a tendencia é que continúe o aumento progresivo dos últimos anos.

 

Primeiras propostas

Algunhas das primeiras propostas deste grupo foron solicitar recursos dende as universidades e organizar simposios de investigación co obxectivo de sacar liñas de actuación e coordinar proxectos a través de convocatorias xerais ou específicas. A partir de agora os investigadores e investigadoras presentes continuarán reuníndose co obxectivo de ir elaborando liñas de actuación e presentar ás administracións.

 


Voltar