+ 34 981 508 142

630 069 637


BENIGNO LEDO, O CURA DAS ABELLAS, XA PROPOÑÍA TOMAR MEL NA GRIPE DE 1918

Por José de Cora, publicado en El Progreso o 18/12/2019

Benigno Ledo, un heroe na loita contra a gripe do 1918. O párroco de Argozón (Chantada) merece a Cruz de Beneficencia polo seu comportamento naquela epidemia.

Entre os apicultores españois, o nome de Benigno Ledo González (Chantada, 1867-1950) é a referencia histórica que indica a chegada á Península en 1880 da primeira colmea Layens desde Francia.

 

A Layens, invento do apicultor Georges de Layens, permite a transhumancia de acordo coa floración, e calcúlase que o oitenta por cento das colmeas existentes en España son deste tipo.

Ledo, que gaña moi axiña o título de «abade ou cura das abellas», inventa outros dous modelos deste tipo de colmea e, sobre todo, escribe un Curso Práctico de Apicultura, que vai servir para estendela por toda Galicia a través das sucesivas edicións que se fan desta obra. O Curso está presentado a modo de catecismo, cunha lista de mandamentos iniciais e cento cincuenta e oito preguntas sobre todo o que debe saber quen se inicie neste tipo de gandaría, que hoxe en día en Galicia se ve ameazada pola expansión do seu peor inimigo, o tártago asiático ou Vespa velutina.

Ledo nace na parroquia chantadina de Santa Baia de Adá e desenvolve todo o seu labor pastoral e apícola na veciña de San Vicente de Argozón, ben que as súas ensinanzas en persoa as dita en toda Galicia mediante conferencias de divulgación, onde logra captar a atención do público e converter en apicultores moitos dos que entran alí sendo soamente gandeiros de vertebrados.

Merece o título de «La Abeja de Oro» a título póstumo na segunda convocatoria que se concede esta distinción. A primeira foi para Narciso de Liñán y Heredia, conde de Doña Marina e bisneto do duque de Rivas, o autor de Don Álvaro o la fuerza del sino, a quen Ledo lle rende homenaxe no seu libro.

Ademais de levar a súa parroquia de Argozón, adscrita á parroquia da Nova, de Lugo, foi profesor encargado de Apicultura da Deputación ata que se xubila en 1948, dous anos antes do seu falecemento.

Tamén recibe a encomenda do Mérito Agrícola, e solicitada polo Concello, en 1919, concédenlle a Cruz de Beneficencia de primeira clase, por «los heroicos servicios prestados a sus feligreses» con motivo da epidemia de gripe entre os meses de outubro e novembro de 1918, a famosa gripe española que non o era.

Cóntase que daquela os médicos non chegan ao pé do monte Faro, polo que Ledo se encarga de repartir entre os afectados aqueles medios profilácticos que paga do seu peto. Desfaise de todos os pitos e galiñas que ten para que se cociñen caldos con destino aos doentes, así como de todas as existencias da súa reducida despensa para seren repartidas entre os pobres.

A un dos seus fregueses, fillo dunha muller coa razón perdida, sácao da súa casoupa envolto coa súa sotana e cóidao na propia reitoral ata que se restablece. Tamén carga co cadáver dunha muller que morrera nun camiño ata o cemiterio e mais cava as fosas doutros a quen ninguén enterra.

O seu labor nese tempo inclúe a atención do gando naquelas casas onde ningún dos seus ocupantes conserva a saúde. Bota fóra as vacas pola mañá e méteas na corte na atardecida.

Finalmente, tamén cae enfermo el, pero non por iso deixa de prestar asistencia material e espiritual a quen lla solicita. Despois salientará as vantaxes que atopa no mel para afrontar con éxito estas duras probas.

Trapero Pardo, Isaac Correa Calderón e Juan Rof Codina, así como o seu sobriño, Jaime Fernández Ledo, son entusiastas divulgadores da obra deste senlleiro sacerdote.


 


Voltar