+ 34 981 508 142

CELEBRADA A ASEMBLEA DA DAGA MORRAZO

13 de xullo de 2018

Ante algunhas queixas que chegaron á dirección de AGA a respecto do delegado do Morrazo e do funcionamento irregular da DAGA, logo da convocatoria dunha asemblea, coa súa correspondente orde do día, o serán do día 11 de xullo do 2018 tivo lugar no salón de plenos do Concello de Moaña a asemblea da DAGA do Morrazo, á que asistiu o presidente de AGA, Xosé Torres Romar, en calidade de observador e para dar fe do seu desenvolvemento aos demais membros da Xunta directiva ou diante de calquera parte interesada.

Á asemblea, que se desenvolveu polas canles normais democráticas e de respecto, asistiron unhas trinta e seis persoas, cunha mesa composta por tres persoas adscritas á DAGA do Morrazo. E nela, tras unha alteración lóxica da orde do día —aprobada por unanimidade—, explicáronse exhaustiva e detalladamente as actividades e as contas da DAGA do Morrazo dos anos 2017 e parte do 2018, coa posibilidade de lles facilitar ás persoas asistentes a consulta dos recibos e facturas pertinentes.

A continuación, pasouse a debater o punto da orde do día  de presentación de candidaturas á DAGA do Morrazo, no que só houbo unha lista, a presidida por José María Bello Santos, quen expuxo o seu programa de acción e demandou a participación na dirección da delegación. Efectuada a votación, resultaron elixidos pola unanimidade das persoas adscritas e presentes: José María Bello Santos —como delegado—, Juan Alonso Piñeiro —tesoureiro— e Daniel Currás Cruz —secretario—, ademais de vogais por cada un dos concellos que integran a DAGA.

O detalle destes acordos será recollido polo miúdo na acta desta asemblea.


Voltar