+ 34 981 508 142

630 069 637


COIDEMOS DAS ABELLAS, INDISPENSABLES PARA A BIODIVERSIDADE, A ALIMENTACIÓN E A AGRICULTURA DO PLANETA

19 de maio de 2020

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O 20 de maio celebramos o Día Mundial das Abellas para reflexionarmos entre toda a sociedade sobre o noso comportamento coa natureza, tendo moi en conta este ano os efectos neste eido da afección da pandemia que estamos a sufrir polo virus da covid-19. Dende AGA, Asociación Galega de Apicultura, sumámonos, como todos os anos, a esta celebración para reivindicar a importancia das abellas e a súa indispensable contribución á agricultura, á alimentación e á biodiversidade.

O Día Mundial das Abellas foi instaurado no ano 2017 polas Nacións Unidas para defender as abellas e os polinizadores, o hábitat apícola, a polinización natural, a conservación da biode maio de 2020diversidade e a alimentación humana, tendo como obxectivo concienciar a sociedade sobre a importancia no medio ambiente das abellas e a súa indispensable contribución á agricultura, alimentación e biodiversidade, así como a denunciar as ameazas ás que se enfrontan as abellas na actualidade, como o uso de pesticidas, os incendios ou a Vespa velutina.

A data do 20 de maio coincide co aniversario do apicultor esloveno Anton Janša, do século XVIII, considerado o pai da apicultura moderna, pois esta celebración foi impulsada por Eslovenia, país cunha gran tradición apícola e moi sensibilizado sobre a necesidade da protección das abellas, que os demais países deberiamos de imitar.

Esta celebración é tamén unha boa oportunidade para que a sociedade se achegue ó mundo das abellas e descubrir moitas curiosidades sobre estes fascinantes insectos. Dende AGA dedicaremos este día a difundir este tipo de informacións, como, por exemplo, que unha soa abella pode visitar 250 flores nunha hora, o que a converte nun dos mellores polinizadores do mundo, e que para produciren 1 quilo de mel, as abellas deben visitar 4 millóns de flores e percorrer unha distancia equivalente a catro veces a volta ao perímetro da Terra. As abellas, sociais e solitarias (máis de 25.000 especies), os abellóns e as avespas, xunto con outros insectos polinizadores como as bolboretas, algúns paxaros e morcegos, teñen un papel primordial na polinización das flores de máis de 170.000 especies vexetais e con este proceso permiten a supervivencia dos ecosistemas naturais, así como a produción e reprodución das plantas salvaxes e cultivadas.

Dende AGA convocamos tamén a celebrar esta importante cita ás nenas e aos nenos de diferentes lugares de Galicia que, ante a imposibilidade de o faceren de forma presencial, participaron enviando un debuxo sobre a importancia das abellas para publicar no Facebook da Asociación durante o Día Mundial das Abellas. E como recompensa, poderán visitar o museo O Enredo do Abelleiro, en Arzúa, coa súa familia de balde e recibir un agasallo con produtos das abellas, para o cal AGA contará coa importante colaboración do Museo O Enredo do Abelleiro e a cooperativa Erica Mel.

Información sobre como participar nesta celebración en Día da Abella 2020

 

 

 

 


Voltar