+ 34 981 508 142

COMEZA A ANDAR O LABORATORIO DO MEL DE AGA

31 de xullo de 2019

O mel forma parte de noso patrimonio cultural, por iso ―como di algún escritor en relación con ese patrimonio― para valorizalo (querelo) e defendelo é necesario primeiro coñecelo.

Os nosos meles presentan características propias que o fan único, froito da nosa flora e das características dos nosos solos. A conformación actual dos mercados fai obrigatorio o establecemento de normas mínimas, que todos os alimentos deben cumprir, e polo tanto todos os meles deben cumprir con eses parámetros legalmente establecidos que os fan aptos para o consumo. Polo tanto, a diferenciación entre os diferentes tipos de meles é o que en certo modo os valorizará, e esa diferenciación pasa por establecer valores máis esixentes, que farán do noso produto algo único no mercado.

Para poder determinar estes valores, os laboratorios de análises do mel perfílanse como unha ferramenta imprescindible, xa que van poder caracterizar de modo obxectivo os nosos meles. O servizo dun laboratorio ofrece garantías e confianza ó consumidor e ó produtor, que poderá esixir e xustificar un prezo diferente do seu produto precisamente porque eses parámetros por determinar non só van indicar as características diferenciadoras, senón que tamén expresarán ou demostrarán un manexo máis esixente na obtención e na conservación do mel.

En definitiva, trátase de utilizar o laboratorio como ferramenta na diferenciación, valorización e garantía de confianza no consumidor e no produtor dos nosos meles.

 

Laboratorio de mel de AGA

A partir do 1 de setembro do 2019 comezará a funcionar o Laboratorio do Mel de AGA, que estará localizado nas instalacións do Enredo do Abelleiro, en Arzúa, froito dun convenio de colaboración entre AGA e esa entidade. Este ano, por ser o primeiro, teremos prezos especiais para os nosos socios e socias (ver cadro informativo sobre o laboratorio abaixo). Ademais, coa inscrición no Concurso de Meles 5 Estrelas, a análise completa de todas as mostras presentadas será de balde, agás penalizacións (ver bases concurso).

https://www.apiculturagalega.es/imagenes/imaxe%20laboratorio-20190731-153412.jpg

 

Envío de mostras

A mostra para enviar ó laboratorio recollerase da colleita de mel do ano; en relación coa cantidade total da produción e do que se queira analizar poderá ser recollida dun bidón, do mel obtido nun  apiario determinado etc. Este mel debe ser homoxeneizado de modo que a mostra sexa o máis representativa posible da nosa produción. A mostra enviarase  por correo a AGA, nun envase de 250 gramos, identificada cun número no caso de enviar máis de unha, xunto coa ficha de solicitude.

No laboratorio identificarémola e procederemos á determinación dos parámetros solicitados, que incluirá como mínimo: hidroximetilfulfural HMF (frescura) e humidade (conservación).

Se o desexa, pode realizar tamén a análise polínica (meles monoflorais) e de condutividade eléctrica (melatos), que terá que indicar na solicitude. Esta información pasarase a unha ficha creada para o efecto e enviaránselle por correo os resultados á persoa interesada.

 

INFORMACIÓN SOBRE O LABORATORIO

Prazo entrega das mostras:
Do 1 de setembro ó 1 de novembro 2019

Formato mostra:
1 envase de mel 250 g (tipo analíticas de farmacia), cada mostra identificada co seu número (no caso de máis dunha mostra)

Envío:
Enviar as mostras xunto coa solicitude cuberta e, se é o caso, o xustificante de pagamento a: AGA Feira Nova s/n - 15819 Santa María - Arzúa

Recepción de resultados:
Enviarase un informe por email ou en papel se non se dispón de correo electrónico

Prezos:

Para socios/as:

De balde 1 mostra ou se participa no Concurso de Meles 5 Estrelas. En caso de solicitar a análise polínica e conductividade, se o resultado non é monofloral terá un custe de 15 € (Ver "CORRECCIÓN DE ERRO NO PREZO DA ANÁLISE POLÍNICA")

O prezo para a análise de máis mostras: HMF e humidade: 5 € / Análise polínica e condutividade: 15 €

Para non socios/as:

HMF e humidade 10 € / Análise polínica e condutividade: 20 €

Pagamento:
Nº de conta AGA ES02 2080 0348 3830 0001 8210 (ABANCA) ou en efectivo na sede de AGA

 

CORRECCIÓN DO ERRO NO PREZO DA ANÁLISE POLÍNICA

Informamos que no Correo Apícola Verán 2019, na información publicada sobre os prezos das análises hai un erro, pois non figura o prezo da análise polínica. Esta análise será de balde na primeira mostra, para socios e socias, agás no caso de non resultar monofloral na analítica, que terá un prezo de 15 €.

Pedimos disculpas por esta equivocación. A información correcta dos prezos está publicada neste artigo, así como será tamén enviada de novo en papel no próximo Correo Apícola.


Voltar