+ 34 981 508 142

COMEZA O CURSO DE SANIDADE E MANEXO APÍCOLA CUN GRAN ÉXITO DE ASISTENCIA

9 de novembro de 2018

Este sábado 10 de novembro comeza o curso de Sanidade e Manexo Apícola na Escola Galega de Apicultura cun gran éxito de convocatoria. Máis de 50 socios e socias de AGA acudirán dende diferentes puntos de toda Galicia co obxectivo de recibir formación teórica e práctica sobre sanidade apícola, un tema de máximo interese para os nosos apicultores e apicultoras neste momento de condicións tan cambiantes, con colleitas moi variables e a chegada continua de novas ameazas para as abellas.

Nesta fin de semana trataranse diferentes temas para os que contaremos con varios ponentes especializados. Suso Asorey, biólogo e voceiro de AGA, inaugurará o curso falando sobre como afectan os cambios no medio ambiente á saúde das abellas, que é a base sobre o que se sostén todo o demais. Os veterinarios de AGA, Joaquín Lozano e Gonzalo Calvo, ensinarán ós asistentes a identificar as enfermidades principais das abellas e aplicar os tratamentos axeitados. Pola tarde, a sesión terá como tema central a varroa, a gran inimiga que, aínda que leva moitos anos coas nosas abellas, continúa sendo un dos principais problemas da apicultura. O domingo será a Vespa velutina a protagonista, para o que teremos a José Mª Bello, delegado de AGA Morrazo, adicado de cheo a loita contra esta praga dende a súa chegada a Galicia, que nos contará a súa experiencia e os resultados acadados. Para rematar esta primeira fin de semana do curso, trataremos o complexo tema do despoboamento das colmeas e os factores que o causan.

Ver o programa completo do curso: Curso Sanidade e Manexo Apícola 2018


Voltar