+ 34 981 508 142

630 069 637


CONVOCATORIA PLAN APÍCOLA 2020

30 de abril de 2020

A convocatoria do Plan Apícola 2020 será publicada en breve, polo que abrimos o prazo para solicitar estas axudas en AGA. O Plan Apícola  subvenciona, ademais do 90 % do custo dos veterinarios, os seguintes conceptos nesta orde de prioridade e coa porcentaxe máxima de:

- Tratamentos contra a varroa, ata o 80 %
- Alimento, ata o 50 %
- Cera, ata o 50 %
- Seguro apícola responsabilidade civil, ata o 50%

Para o cálculo das axudas, teranse en conta as colmeas declaradas polo solicitante a 31/12/19 na oficina agraria. En función das solicitudes que haxa, pode ser que non cheguen os fondos para cubrir todos os conceptos, que comunicaremos cando teñamos a resolución definitiva.

 

NOVIDADES IMPORTANTES!!!!

1. Este ano xa non é necesario enviar as copias do caderno, pois a Xunta consultará os datos e confirmará as validacións das oficinas agrarias telemáticamente

2. O tratamento da varroa será enviado a domicilio por AGA a tódolos socios e socias a partir do mes de xuño, o gasto xa vai incluído no prezo do envase e hai que indicar na solicitude o enderezo onde se quere recibir

3. De cera e alimento só se pode pedir en AGA o máximo permitido na subvención, en función do número de colmeas actualizadas na oficina agraria, e quen queira máis cantidade ten que pedila directamente ó proveedor dese produto (Erica Mel ou outro)

4. Para cobrar a subvención do seguro a través de AGA, no caso de que cheguen os fondos, ten que ser suscrito a través da póliza de AGA

 

REQUISITOS

1. Estar inscrito/a no Rexistro Oficial Apícola de Galicia antes do 1 de xaneiro do 2020

2. Ter actualizado o caderno apícola antes do 1 de marzo do 2020 na oficina agraria, co resultado de "Conforme"

3. Ter contratado un seguro de colmeas a través de AGA ou por conta propia

 

DOCUMENTACIÓN

1. Solicitude cuberta polo socio/a, que se adxunta nesta circular

2. Xustificante de pagamento do tratamento, material e seguro, a ingresar na conta de AGA (indicando no concepto o nome do socio/a e Plan Apícola 2020). No caso de ter xa recollido o material, adxuntar copia do albarán de compra emitido por AGA

3. No caso de facer o seguro por conta propia, enviar a copia da póliza na que figure: o titular da explotación, REGA e nº de colmeas, e xustificante de pagamento

 

ENVÍO

Enviar a solicitude preferentemente por email a planapicola@apiculturagalega.es (confirmarase recepción nun máximo 7 días, en caso contrario contactar con AGA) ou por carta a AGA Feira Nova s/n 15819 Santa María Arzúa.

Non se admite por whatsapp.

 

PRAZOS

Envío solicitude ata o 20 de maio e a recollida do material e os tratamentos varroa entre o 1 de xuño ó 31 de xullo.

 

TRATAMENTOS VARROA

O tratamento ten unha subvención do 80 % para as colmeas que figuren actualizadas na oficina agraria a 31/12/19. No caso de necesitar tratamento para máis colmeas, hai que indicalo nesta mesma solicitude.

Pódese pedir un único produto por explotación, envases completos, que se pagará a prezo subvencionado (20%) para as colmeas actualizadas no libro. Para o resto de colmeas, pagarase o 100 % do custo. Pero este ano, para facilitar os cálculos, pagarase a prezo subvencionado o envase completo necesario para as colmeas actualizadas a 31/12/19. No caso do Oxybee (envase para 20 colmeas) só se poderá pagar a prezo subvencionado se se solicita para un mínimo de 15 colmeas e no Maqs (envase para 10 colmeas) un mínimo de 7 colmeas.

O tratamento será enviado a domicilio a tódolos socios e socias a partir de xuño, xunto coa receta e factura, que hai que gardar para a próxima actualización na oficina agraria e durante 5 anos por se hai inspección. É obrigatorio anotar na páxina dos tratamentos sanitarios do caderno apícola os datos que figuran na receta e os relativos á súa aplicación.

Pedido tratamentos varroa sen plan apícola

Os socios e socias que non soliciten a subvención do Plan Apícola, poden facer o pedido do tratamento igualmente, enviando a AGA a ficha de pedido cuberta xunto co xustificante de pagamento, antes do 20 de maio. Será enviado por transporte a partir de xuño, polo que hai que indicar na solicitude o enderezo onde se quere recibir.

 

CERA E ALIMENTO

O alimento e a cera poden ser subvencionados ata o 50%.  Pódense pedir como máximo dous tipos de alimento e a cantidade máxima permitida na subvención, en función do número de colmeas declaradas. Se se precisa máis cantidade hai que pedila directamente á empresa que venda ese produto. Para poder solicitar alimento e cera hai que ter solicitado obrigatoriamente o tratamento para a varroa. As cantidades máximas son:

- Alimento: pedido máximo de 4 € por colmea, do que poderá ser subvencionado como máximo 2 €

- Cera: pedido máximo de 8 € por colmea, do que poderá ser subvencionado como máximo 4 €

No momento de enviar a solicitude hai que pagar o 100% do seu custo. En función da porcentaxe que finalmente se subvencione, faremos a devolución correspondente a cada socio ou socia cando AGA cobre a subvención, a partir do mes de novembro.

O material solicitado poderase recoller nos lugares indicados a partir do día 1 de xuño. No momento de recoller o pedido hai que avisar que é para o Plan Apícola e gardar o albarán de recollida.

As persoas que xa recolleron o material anteriormente (dende o 1 de febreiro), teñen que adxuntar coa solicitude o albarán de compra emitido por AGA. As explotacións en ecolóxico poden consultar a AGA o material dispoñible e prezos.

 

SEGURO APÍCOLA

Para solicitar o Plan Apícola é obrigatorio ter un seguro de colmeas, como mínimo as colmeas actualizadas no libro, que se pode facer por AGA ou por conta propia. Para cobrar a subvención a través de AGA, ten que suscribirse o seguro na póliza de AGA.

AGA ofrece unha póliza multirrisco a 1 €/colmea e válida ata o 7 de febreiro de 2021. O seguro non se renova automáticamente, polo que é preciso comunicar a súa renovación cada ano. Para facer o seguro por AGA pódese indicar na solicitude da subvención e facer o pago xunto co resto do material solicitado.

No caso de ter seguro propio, hai que enviar xunto coa solicitude unha copia da póliza, na que figuren o nome do titular, REGA e nº de colmeas, e o xustificante bancario do seu pagamento.

 

FICHA SOLICITUDE

Descargar a ficha de solicitude e enviar a AGA antes do 20 de maio xunto co xustificante de pagamento.

 

INFORMACIÓN SOBRE O PLAN APÍCOLA

A información dos listados e prezos dos tratamentos, cera e alimento, pódese consultar na Circular informativa abril 2020, enviada tamén por correo ós socios e socias.

Para consultas e dúbidas sobre o Plan Apícola contactar por email planapicola@apiculturagalega.es ou nos tel. 630 069 637 / 630 83 83 12 (tamén por whatsapp)

 


Voltar