+ 34 981 508 142

630 069 637


CREACIÓN DE MERCAPROXIMIDADE, UNHA CANLE ALTERNATIVA DE COMERCIALIZACIÓN DOS PRODUTOS AGROGANDEIROS GALEGOS POLA CRISE DO COVID-19

15 de abril de 2020

A Consellería de Medio Rural publicou onte 14 de abril a creación de "Mercaproximidade", unha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade, que viron reducidas as súas vendas por mor do peche da hostalaría e os mercados municipais durante a emerxencia sanitaria. O obxectivo é dar saída comercial aos produtos galegos de proximidade, horta, froitas, mel ou carne, a través das grandes cadeas ou outras plataformas de distribución. Descargar orde

 

Os requisitos para participar son estar dados de alta no REAGA e no SEVEDI (venda directa de produción primaria) ou contar con rexistro sanitario, e para adherirse hai que enviar un email a mercaproximidade@xunta.gal, indicando os datos da explotación, contacto e o tipo de producións, xunto cunha declaración responsable na cal se faga constar a imposibilidade de canalizar a saída comercial da súa produción nos mercados locais tradicionais ou na hostalaría.

Dende AGA estamos estudiando os detalles da proposta para confirmar se é posible tramitalo dende a asociación. Mais aínda nos falta información sobre como será xestionada esta rede de distribución. Polo momento, os socios e socias poden comunicarnos o seu interese indicando cal é a súa situación e como se viron afectadas as vendas a causa da actual crise, en concreto a raíz do peche dos mercados e doutras vías de comercialización habituais. Ademais, as envasadoras ou produtoras rexistradas na IXP Mel de Galicia tamén poden solicitar a adhesión a través do Consello Regulador.

Por outra banda, dende o SLG e FRUGA emitiron un comunicado no que instan a Medio Rural a reabrir os mercados de proximidade, como xa fixeron noutras comunidades autónomas, e califican de insuficiente esta proposta da Xunta. Dende AGA tamén apoiamos a reapertura dos mercados, coas medidas de seguridade sanitaria necesarias, e temos dúbidas polo momento de como funcionará esta nova canle, se servirá realmente para apoiar ou non as pequenas produtoras.

Comunicado de prensa SLG E FRUGA


Voltar