+ 34 981 508 142

DA VELUTINA AÍNDA SABEMOS POUCO

22 de marzo de 2019

Por Suso Asorey

O oso era o animal máis mediático ata que chegou a velutina e colleulle o posto. Será porque mete medo? Todo o mundo fala dela ata o punto de nomeala polo seu nome latino Vespa velutina, mais non é unha avespa. En Francia chegou antes e chámanlle o frelon asiatique. Aquí hai quen intenta que se chame tártago das patas amarelas, tal como é, pero a poboación resístese e prefire falar en latín. Por que xera tanto I+D caseiro?  Será por resolver un problema que nos afecta a todas? Será por interese económico persoal? E aínda haberá quen o faga por afán de notoriedade. Probablemente ningún outro problema apícola xerou tanto emprendemento na nosa terra.

Namentres, a Xunta móstrase pasiva, non saben que facer, agardan que a natureza resolva o problema, non cren na investigación, non reciben os afectados e afectadas, din que hai que convivir, que é tanto como dicir que cada un faga o que poida… A solución aínda non a temos, temos moitas incertezas e poucas seguranzas pero temos un bo número de emprendedoras que están a facer cousas que precisarían da investigación traballando ó noso carón, que vén sendo que se precisan medios económicos.

O trampeamento primaveral  para capturar raíñas sería a medida máis eficaz  agora mesmo. Para isto habería que investigar atraentes específicos, feromonas ou calquera método de loita biolóxica que poida axudar. As arpas eléctricas están sendo profusamente investigadas polas persoas abelleiras, pero son caras, polo que a Xunta deberíaas de subvencionar.

Sempre nos queda a esperanza de que as aves atopen unha fonte de alimento nos niños da Vespa velutina, para o que é moi importante non utilizar velenos para eliminar os niños (e, de ser o caso, sempre proceder a retiralos), xa que podemos prexudicar este remedio natural. Pero como non sabemos se será así ou cando será, o máis recomendable é non quedar de brazos cruzados como parece que recomenda a Xunta de Galicia.

A Plataforma STOP VELUTINA debe seguir presionando a Xunta para que mude a súa pasividade e escoite as propostas dos sectores afectados. AGA vai facer unha xornada sobre este tema en Allariz o día 30 de marzo (programa xornada) e unha concentración diante da Delegación da Xunta en Ourense o día 4 de abril para que nos fagan caso. Vide todas e todos.


Voltar