+ 34 981 508 142

ÉXITO DA PRIMEIRA EDICIÓN DA FEIRA DOS PRODUTOS APÍCOLAS DE ALLARIZ

17 de setembro 2018

 

A Feira dos Produtos Apícolas celebrada onte en Allariz, reuniu un numeroso público que acudiu a coñecer a diversidade e riqueza dos produtos das abellas. As actividades programadas para que os visitantes puideran descubrir e experimentar en primeira persoa os beneficios que nos ofrecen as abellas  estiveron ateigadas de xente e os máis pequenos divertíronse durante toda a xornada coas variadas e interesantes actividades propostas.

Tamén os apicultores e apicultoras puideron coñecer novidades sobre sanidade e material apícola e informarse sobre a crecente presenza de Vespa velutina nos colmeares galegos.

Para rematar, entregáronse varias cestas de produtos apícolas ós asistentes que votaron no concurso "O mellor posto da feira", no que saíu como gañadora a cooperativa Erica Mel.

 

Agradecementos

Queremos agradecer en primeiro lugar ó Concello de Allariz, que se implicou dende o primeiro momento e aportou todo o que estivo na súa man para que o resultado da feira fora un éxito. Tamén ás empresas colaboradoras, UCOGA, Santamix Ibérica - Rucamanqui, Hifarmax, Calier e Erica Mel, que contribuiron co seu apoio a este bo resultado. Especialmente un gran agradecemento a tódalas persoas que colaboraron na realización das actividades, que prestaron a súa axuda, tempo e coñecementos, para que os visitantes disfrutaran da experiencia no mundo das abellas e dos seus produtos. E por último, por suposto ós expositores, sen os cales o evento non tería sentido, que se animaron a participar nesta primeira edición.

 

Promoción e divulgación dos produtos apícolas

Dende AGA valoramos que o resultado xeral foi moi positivo a nivel de contidos, participación e asistencia de público. O obxectivo de promocionar e divulgar os beneficios dos produtos apícolas, a súa gran variedade e diversidade e as moitas posibilidades comerciais que nos ofrecen, pensamos que foi acadado. Así que, en vista destes bos resultados, esperamos que esta feira se consolide e continúe no futuro, convertíndoa nunha das feiras de referencia no mercado dos produtos apícolas de Galicia.

Compartimos algunhas imaxes da xornada, máis no facebook de AGA. Nos vindeiros días publicaremos información máis detallada sobre a feira e os seus contidos.

 


Voltar