+ 34 981 508 142

FEIRA DOS PRODUTOS APICOLAS - ALLARIZ, 16 DE SETEMBRO

18 de xullo de 2018

A Escola Galega de Apicultura, integrada por AGA, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro, organiza esta feira na que participarán os alumnos e alumnas do Curso Superior de Apicultura Comercial, celebrado esta primavera en Allariz e que remata con esta práctica.

Terá lugar o 16 de setembro en Allariz. O obxectivo principal do evento é poñer en valor a diversidade e riqueza dos produtos da colmea e o seu potencial no mercado. Será unha feira "con valor engadido", cunha ampla e variada oferta de produtos de apicultores e apicultoras e casas comerciais galegas e extranxeiras. Haberá tamén un programa de actividades paralelo, con consultorios sobre os usos e propiedades dos produtos apícolas e a apiterapia, obradoiros de cosmética apícola e catas de mel, entre outros. Tamén ofreceremos actividades dirixidas a apicultores e apicultoras, sobre a saúde das abellas e a Vespa velutina, obradoiros para nenos e nenas, actuacións e moito máis. Co fin de valorar a presentación e a oferta dos expositores, organizaremos un concurso no que o público poderá votar ó mellor expositor en función dos seguintes criterios: imaxe, calidade, orixinalidade e variedade dos produtos e do posto. O programa completo publicarase a principios de setembro.

Inscrición e selección

Para inscribirse é preciso cubrir a solicitude e enviar a AGA antes do 15 de agosto. A organización fará a selección dos expositores según a orde de prioridade que expoñemos a continuación e comunicará ó solicitante a súa admisión antes do 31 de agosto. A participación será de balde.

Descargar a solicitude de inscrición en "Circular infomativa xullo 2018"

Orde de prioridade para a selección de expositores

1º Participantes do Curso Superior de Apicultura Comercial

2º Socios e socias de AGA con produtos con valor engadido

3º Resto de socios e socias de AGA

4º Empresas convidadas

Condicións de participación

Todos os produtos expostos deberán estar etiquetados según a normativa vixente e cada participante responsabilízase das correctas condicións dos seus produtos. Fixarase un prezo mínimo de venda de 9 € o bote de 1 Kg e 5 €  o 1/2 Kg.


Voltar