+ 34 981 508 142

GRAN PARTICIPACIÓN NO DÍA DO APICULTOR 2019

11 de febreiro 2019

O Día do Apicultor celebrado o pasado sábado congregou en Arzúa a centos de apicultores e apicultoras de toda Galicia, que disfrutaron do completo e variado programa  de contidos sobre o mundo das abellas e dos seus produtos. En paralelo ás palestras, tamén se desenvolveron varias actividades nos diferentes espazos: unha exposición sobre sanidade apícola e Vespa velutina e actividades para público xeral e crianzas, con degustacións e obradoiros.

 

 

 

 

A Asociación Galega de Apicultura AGA convocou de novo ó sector apícola a esta tradicional cita abelleira, que celebra tódolos anos en Arzúa para tratar os temas de máis actualidade apícola. Este ano os principais temas expostos foron as novas prácticas no manexo apícola, para mellorar a saúde das abellas e a produción das colmeas, e novidades sobre a loita contra a Vespa velutina, unha inimiga das abellas que xa forma parte do día a día na apicultura do noso país e que os abelleiros e abelleiras teñen que aprender a combatir.

Durante a xornada celebrouse a Asemblea Xeral de AGA, na que se expuxeron as actividades realizadas no 2018, o estado de contas e presentouse o programa para o 2019 xunto co seu orzamento. O programa aprobado será publicado nun vindeiro Correo Apícola e as contas están accesibles na sede de AGA para a consulta de calquera socio ou socia.

A continuación publicamos un resumo das palestras. Nos próximos días publicaremos os enlaces para descargar as presentacións dos diferentes ponentes.

 

Novas prácticas apícolas: ¿é necesario alimentar as colmeas?

Na xornada participaron ponentes de recoñecido prestixio como Antonio Gómez Pajuelo, experto consultor apícola de Valencia, que expuxo o tema da alimentación das colmeas, unha necesidade a ter en conta na práctica apícola motivada en parte polo cambio climático e outros factores. Pajuelo insistiu en que sempre hai que adaptarse ás condicións de cada colmea e evaluar se é preciso ou non alimentar, para que e con que, tendo coidado ademais de non excederse con esta práctica ou utilizar unha alimentación incorrecta, pois o efecto pode ser negativo para as abellas e a calidade do mel.

Suso Asorey, voceiro de AGA e biólogo,  continuou con este tema trasladando a idea de que o produto para ser bo ten que vir das flores e plantexou o dilema de se é realmente necesario alimentar as colmeas, xa que en Galicia as abellas teñen unha flora suficiente na natureza para cubrir as súas necesidades de nutrición durante todo o ano. Engadiu tamén Asorey que só en casos concretos de escaseza de reservas na colmea, situación que pode comprobarse de diferentes maneiras, sería aconsellable alimentar.

 

Novidades na loita contra a Vespa velutina: depredadores naturais para controlar a praga

Na sesión sobre e a loita contra a Vespa velutina, José Manuel Fernández, investigador da Universidade de Alcalá de Henares, presentou un estudio realizado nas zonas do Morrazo e Salnés, sobre o efecto na poboación de Vespa velutina ante a presenza do falcón abelleiro, ave rapaz presente en todo o norte da península ibérica. Os resultados indican que o 70% da alimentación do falcón provén de avespas grandes, como a Vespa velutina ou a autóctona Vespa crabro, e parece que está especializando a súa dieta na asiática, posiblemente por ter máis cantidade ó seu alcance. Ademais, observouse que dende o 2015 está medrando a poboación de falcón abelleiro, coincidindo co avance da praga do tártago asiático nesta comarca, e estímase que no 2018 puideron ser consumidos por estas aves 728 niños. Esta medida non pode ser a única para frear a Vespa velutina, pero sí podería axudar a controlala en conxunto con outras ferramentas.

Tamén participou nesta sesión Sandra Rojas, investigadora da Universidade de Vigo, cun traballo sobre localización de niños utilizando marcaxe de individuos e trazando as rutas que realizan para alimentarse utilizando cebos, investigación de utilidade para estudiar as zonas de maior densidade de niños e cales son as causas desa ubicación.

Participaron a continuación representantes da Plataforma Stop Velutina Galicia e Asturias. Por parte de Galicia, Diego Sánchez do Sindicato Labrego Galego, expuxo o percorrido da Plataforma nestes últimos anos e  alertou sobre a falta de resposta por parte da Xunta de Galicia ante as demandas do colectivo, integrado por 45 entidades de diferente tipoloxía, incluindo moitos concellos. Sánchez advertiu que este silencio e falta de colaboración do goberno, poderá motivar a necesidade de realizar outro tipo de accións para que sexan escoitadas e consideradas as reivindicacións dos afectados por esta problemática por parte da administración.

O caso asturiano é diferente pois, tal como explicaron Felix Méjica e Casimiro Sixto, membros da Plataforma Stop Velutina Asturias e ADAPAS, sí que están conseguindo traballar conxuntamente coa administración a través dunha rede na que participa a cidadanía, os concellos e administración autonómica, dentro da cal o concello debe ser moi activo, facendo de enlace entre os demais axentes. Este traballo está amosando resultados positivos, como unha maior implicación na tarefa de trampeo preventivo por parte da administración ou no aumento da retirada de niños, aínda que advirten que queda moito traballo por facer a nivel organizativo.

Pechou as intervencións sobre este tema José Mª Bello, delegado de AGA no Morrazo, que insistiu na importancia do trampeo, a participación veciñal e a implicación dos concellos. Os datos recollidos durante estes anos de loita no Morrazo, comparados entre as diferentes prácticas dos concellos da comarca, indican que cun trampeo ben organizado na primavera redúcese de forma significativa o número de niños a retirar no verán.

 

A denominación "Mel de monte", maior valor no mercado

A xornada incluíu tamén outros temas relacionados cos produtos da colmea, como a calidade e o coñecemento do mel. O consultor apícola Antonio Gómez Pajuelo explicou cal é a composición do mel e por que é importante coñecelo ben e poder demostrar as súas características mediante análise de laboratorio, xa que a maior calidade e diferenciación do noso produto, maior valor e polo tanto tamén maior prezo no mercado.

Existen diferentes parámetros de laboratorio que indican a calidade do mel, tendo en conta valores como frescura, porcentaxe de humidade ou niveis e tipos de azucre, e outros como a presencia e tipo de pole no mel, a través do cal pódese identificar a orixe do produto, tanto floral como xeográfica.

A IXP Mel de Galicia ten establecidos os criterios para designar os diferentes tipos de mel monofloral en Galicia: brezo, castiñeiro, silva e eucalipto. Según Pajuelo, esta diferenciación quédase curta pois sería moito máis interesante dun punto de vista comercial distinguir os meles pola paisaxe de onde proveñen e non tanto pola flora melífera da que se obteñen. Un tipo de mel moi característico de Galicia podería ser o "mel de monte", con mezcla de mel de mielato de carballo, brezos e silvas, que se diferenciaría claramente doutros meles e  identificaría a súa orixe xeográfica, trasladando a idea de que cada mel contén unha paisaxe diferente. Esta denominación, que aumentaría o valor do produto, tería que avalarse a través de estudios para conseguir a súa certificación oficial.

Recollendo estas ideas e co obxectivo de valorizar e promocionar os nosos meles, AGA anunciou a creación dun laboratorio de mel que estará ubicado en Arzúa nas instalacións do Enredo do Abelleiro, un novo servizo da asociación para o seus socios e socias que comezará a funcionar para o mes de setembro deste ano.

 

Novos tratamentos contra a varroa

Para rematar a xornada, representantes de dous laboratorios que comercializan tratamentos para a varroa expuxeron recentes estudios sobre a efectividade dos mesmos e explicaron novas prácticas e produtos dispoñibles o tratamento contra este ácaro das abellas.

Francisco Alonso de Ecuphar, explicou cales son os tratamentos existentes no mercado e centrouse na eficacia do Apistan e do Apiguard, os dous tratamentos que comercializa este laboratorio. En canto a ó Apistan, co principio activo tau-fluvalinato, é un tratamento de tipo químico utilizado amplamente na década dos 90 pero que comezou a amosar resistencias na varroa nos últimos anos, polo que perdeu eficacia. Recentes estudios deste laboratorio amosaron que o Apistan pode recuperar a eficacia se hai un descanso de 2 anos antes de repetir co mesmo produto. Tamén indicou que o amitraz, é agora mesmo o tratamento químico de referencia pero que habería que protexer a súa eficacia a través da rotación. Por outro lado explicou que o Apiguard, a base de timol, é eficaz especialmente como segundo tratamento complementario na primavera, antes da floración, se despois de revisar o nivel de varroa é superior a un 2%, ou como reforzo xunto co Apistan, especialmente se se ten utilizado Apistan nalgún dos 3 anos anteriores, se non con Apistan só sería suficiente.

O representante do laboratorio Santamix-Ibérica, Miguel Ángel Rodríguez, presentou o seu novo produto a base de ácido oxálico, o Oxybee. Este produto incorpora na súa formulación glicerina e aceites esenciais e nos estudios realizados presenta unha eficacia de case o 98%, fronte ó 91% doutros tratamentos co mesmo principio activo. Uplícase por goteo nos espazos entre os cadros e pódese utilizar a temperatura mínima de 3ºC e sen límite como temperatura máxima.


Voltar