+ 34 981 508 142

II FEIRA DOS PRODUTOS APÍCOLAS, 15 SETEMBRO ALLARIZ

A Escola Galega de Apicultura (EGA), integrada por AGA, o Concello de Allariz e a Fundación Ramón González Ferreiro, organizará a II edición da Feira dos Produtos Apícolas en Allariz o día 15 de setembro.

Esta feira celebrouse no 2018 por primeira vez cun grande éxito de participación por parte tanto de expositores coma de público. Este ano queremos repetir e incluso mellorar os resultados deste evento, para o cal temos o compromiso por parte do Concello de Allariz de aumentar a súa achega e converter esta feira nun referente no mercado do mel en Galicia. O obxectivo principal é poñer en valor a diversidade e a riqueza dos produtos da colmea e visibilizar o gran potencial que temos en Galicia. Para iso contamos coa participación dos socios e das socias de AGA, para que amosedes a vosa diversa e rica oferta de meles e produtos apícolas.

Durante a feira ofrecerase un completo programa de actividades para todos os públicos: espazo infantil, obradoiros, charlas, degustacións, concursos etc. Tamén teremos un espazo para exposición de material e innovacións apícolas. Iremos informando do programa durante o verán, e o programa completo publicarase no mes de setembro.

Participación e selección dos expositores

Para participar na feira é preciso comunicar a AGA antes do 15 de agosto os seguintes datos: o nome do socio ou socia, o teléfono e o email de contacto e mais unha breve descrición dos produtos.

A organización fará a selección dos expositores segundo a orde de prioridade que expoñemos deseguido, e comunicará á persoa solicitante a súa admisión antes do 31 de agosto. A participación será de balde.

Orde de prioridade para a selección de expositores

1º) Socios e socias de AGA con produtos con valor engadido.

2º) Resto de socios e socias de AGA.

3º) Empresas convidadas.

 

Condicións de participación

Todos os produtos expostos deberán estar etiquetados conforme a normativa vixente, e cada participante responsabilízase das correctas condicións deles. Fixarase un prezo mínimo de venda de 10 € o bote de 1 kg e de 6 €  o 1/2 kg.


Voltar