+ 34 981 508 142

INVESTIGACIÓN PARA FREAR A VESPA VELUTINA

8 de xullo 2019

As universidades galegas lideran o maior proxecto de investigación posto en marcha en Europa para frear o tártago de patas amarelas, Vespa velutina, coa implicación dun total de dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido e a colaboración doutros vinte organismos, entre eles AGA e outras asociacións apícolas de varios puntos de España, Portugal e Francia.

De esq. a dta.: Sandra Rojas (UVigo), Alberto Moreira Baptista (UTAD), Manuel Reigosa (UVigo), Valerià Paül (FCEER) e Xulio Maside (USC), na presentación do proxecto. Foto: Duvi.

O proxecto Atlantic-POSitiVE, que foi presentado o pasado 3 de xullo na Unversidade de Vigo, terá unha duración de tres anos e disporá dun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros, a través do programa de financiación europeo INTERREG Espacio Atlántico.

Por parte da Universidade de Vigo participará Sandra Rojas, apicultora e socia de AGA, que tamén liderou outros estudos promovidos dende a nosa asociación.  A Universidade de Vigo implicará dous grupos de investigación, por un lado co estudo dos impactos da Vespa velutina sobre a polinización, a mellora dos métodos de control, o estudo de trampas con cebos e a detección de niños. Outro grupo centrarase no estudo do comportamento do tártago asiático e comparará técnicas para o manexo das colmeas, para axudar a reducir o impacto desta especie invasora sobre as abellas e a apicultura.

Pola súa parte, o equipo da Universidade de Santiago abordará o impacto económico desta invasión,  partindo dun estudio feito na provincia de A Coruña, que apunta que os apicultores invisten o 20% dos ingresos do mel en métodos de loita. Tamén estudarán as pautas e factores que determinan a propagación da praga e a súa densidade e no deseño de métodos que permitan minimizar a poboación de velutinas cun mínimo impacto ecolóxico, como co uso de parásitos autóctonos ou a utilización de feromonas.

 


Voltar