+ 34 981 508 142

MELES, FLORES E APICULTURA MILENARIA, NA II FEIRA DOS PRODUTOS APICOLAS

22 de agosto de 2019

A Escola Galega de Apicultura, integrada pola Asociación Galega de Apicultura, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro, organiza a II Feira dos Produtos Apícolas en Allariz o día 15 de setembro.

 

O pasado mércores presentouse ante os medios a II Feira dos Produtos Apícolas que terá como obxectivo consolidar o evento como unha das feiras de referencia do sector apícola en Galicia. Para iso amosarase unha ampla e variada oferta de produtos apícolas de toda Galicia e Portugal e un completo programa de actividades para todos os públicos.

 

Máis de 25 postos de Galicia e Portugal

A II Feira dos Produtos Apícolas será un gran escaparate dos produtos das abellas, que amosará toda a súa riqueza e diversidade a través dos máis de 25 postos de apicultores e apicultoras de toda Galicia e Portugal. Os visitantes poderán coñecer e degustar unha gran variedade de meles de diferentes tipos, os variados produtos da colmea, como o pole ou o própole, e outros produtos artesanais, como bebidas elaboradas con mel (infusións, cervexas ou hidromel) ou cosmética apícola (xabóns ou bálsamos).

 

Apiturismo e flora melífera

Pero esta feira pretende ser máis que un tradicional mercado e amosar moito máis aló dos produtos da colmea. Na xornada terá lugar a presentación do proxecto "Apiturismo Xacobeo 2021", realizado pola Asociación Galega de Apicultura dentro do programa O Teu Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e unha exposición fotográfica sobre este tema, que amosará a beleza das paisaxes galegas e a milenaria tradición apícola, cunha arquitectura única no mundo. Para descubrir a orixe dos diferentes meles o público coñecerá cales son as plantas preferidas polas abellas a través dunha exposición sobre flora melífera, que encherá de flores e abellas o casco histórico de Allariz, e unha charla para aprender cales son as mellores plantas para as abellas e as súas propiedades.

 

Actividades para todos os públicos

Durante toda a xornada haberá un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos. Teremos demostracións en directo da esmelga, a extracción de mel dos panais, e a elaboración tradicional de candeas. Os máis pequenos poderán aprender todo sobre as abellas xogando e disfrutando nun espazo infantil con interesantes e divertidas actividades. Ofrecerase tamén unha degustación de meles combinados con outros produtos da gastronomía galega e un obradoiro de cociña con mel, para aprender a elaborar deliciosas e saudables receitas. E haberá tamén un concurso para escoller o mellor expositor da feira e sorteos de varias cestas de produtos entre o público visitante.

 

Máis información: Programa e listado de expositores

 


Voltar