+ 34 981 508 142

NOVA ESTACIÓN APÍCOLA

14 de maio de 2019

A colleita no eucalipto preséntase con moi boas perspectivas e exitosa. Os vellos eucaliptos están cheos de flores brancas moi visitadas polas abellas, e pola tardiña as colmeas arrecenden que dan gusto. Varios apicultores e apicultoras teñen torres de alzas nas súas colmeas, e algúns xa están castrando, sempre que o mel estea selado. Esta é unha boa práctica.

Por Suso Asorey

 

Teñen polo tanto mel monofloral de eucalipto, moi apreciado, e que poden fornecer á súa clientela, quen estivo esperando por mor da mala colleita do ano pasado, ou entregalo na Cooperativa Erica Mel.

Que pouco dura a ledicia na nosa actividade? Tanto Ence coma unha empresa chinesa están empeñados en que se corten os vellos eucaliptos para substituílos por outros de corta rápida, xa sexan globulus ou nitens (pagan máis por tonelada para conseguir o seu propósito —coma nos mellores tempos da colonización do eucalipto nos anos sesenta—). E estas novas especies nesta silvicultura salvaxe  son plantas que non van dar flores para as nosas abellas, van atentar contra a biodiversidade; co cal tampouco haberá outras flores produtoras de mel nesas zonas. Imos nun rumbo contrario ao que marcan as prácticas silvícolas avanzadas da nosa contorna europea.

 

Axudas da PAC

Co obxecto de promover a rotación de cultivos, coas axudas da PAC, estase a motivar a sementeira de plantas forraxeiras coma o xirasol, o liño, a facelia, o trigo sarraceno, os chícharos, a colza, etc., nas áreas de gando vacún. Son plantas forraxeiras, e moitas con bo aproveitamento polas abellas, o cal tamén fará mudar o espectro polínico dos nosos meles e, polo tanto, os meles en si mesmos. No caso destas leiras dispostas para proporcionaren alimento vacún existe a mala praxe de queimar as herbas co famoso glifosato, herbicida perigoso para a fauna e a saúde das persoas.

 

Que nos queda?

Quédannos os nosos montes do interior, das nosas flores silvestres, coas queirogas ou urces, os castiñeiros, as silvas e os carballos capitaneando este proceso. Estes meles podémolos etiquetar como "Mel de monte" para darlles máis valor engadido.

Só fai falla que non queimen os nosos montes e que chova de vez en cando, sobre todo na provincia de Ourense.


Voltar