+ 34 981 508 142

NOVO PLAN DA XUNTA DE GALICIA PARA O CONTROL DA VESPA VELUTINA

17 de xaneiro de 2020

A Xunta de Galicia acaba de adiantar, a través dos medios de comunicación, algo de información sobre o novo plan de loita contra a Vespa velutina que pretende poñer en marcha este ano, cun orzamento total de 2,3 millóns de euros. Según a información publicada, son 160 concellos os que se sumaron a este plan que será xestionado pola empresa SEAGA, coa intención de axilizar e mellorar principalmente a xestión na retirada de niños.

Pero a información publicada é moi imprecisa e ata o momento ningún representante da administración galega se puxo en contacto con AGA para explicar este programa con máis detalle. Por iso, dende AGA convidamos á Xunta de Galicia a participar no Día do Apicultor, o 1 de febreiro en Arzúa, para que expliquen directamente ós abelleiros e abelleiras en que vai consistir este plan. Sendo o apícola o colectivo máis afectado, temos que demandar máis información e contacto cos responsables políticos sobre a materia.

Vespa velutina centrará as palestras do Día do Apicultor, cunha mesa redonda na que se amosará unha visión global sobre o tema, actualizada e dende diferentes perspectivas. Ademais dun representante da Xunta de Galicia, como xa mencionamos, por parte do sector científico participará Marcos González, director do Museo de Historia Natural da USC, que explicará o enfoque actual dende a investigación e cales son as vías nas que se está traballando. Tamén intervirá a empresa Plaguiber, encargada do control da Vespa velutina no Concello de Carballo, un dos concellos máis implicados na problemática dende a chegada da praga. E por último, o delegado de AGA no Morrazo, José Mª Bello, explicará cales son as últimas novidades cos métodos que poden utilizar os abelleiros e abelleiras para protexer as súas colmeas.

Durante toda a xornada ademais haberá unha exposición sobre Vespa velutina e sanidade apícola, con fabricantes de arpas e postos informativos.

Máis información do Día do Apicultor: Programa Día do Apicultor 2020


Voltar