+ 34 981 508 142

O PROXECTO APITURISMO XACOBEO 2021 DIFUNDIRÁ POR TODO O MUNDO O PATRIMONIO APÍCOLA GALEGO

23 de outubro de 2019

O proxecto realizado pola Asociación Galega de Apicultura e financiado polo programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, busca poñer en valor a apicultura milenaria que forma parte da nosa rica paisaxe etnográfica, cunha arte e arquitectura únicas no mundo.

 

Xosé Torres e Paula Souto, da directiva de AGA, presentaron onte en Santiago de Compostela o proxecto e os materiais realizados para a súa difusión, co que se pretende divulgar o noso patrimonio tradicional apícola e promover así a visita de persoas de tódalas partes do mundo. Ademais, os representantes de AGA anunciaron que a asociación organizará para o 2021 un Foro Internacional de Apiturismo en Galicia.

No acto de presentación inaugurouse a exposición fotográfica "Apiturismo en Galicia", que está aberta ó público na Galería Sargadelos en Santiago de Compostela ata o día 31 de outubro e que se trasladará a diferentes lugares de Galicia nos próximos meses. Ademais presentouse a publicación realizada no proxecto, 4000 exemplares en catro idiomas que serán distribuidos a nivel internacional e realizouse a proxección do vídeo promocional, do que está dispoñible unha versión reducida online no seguinte enlace: https://www.youtube.com/watch?v=VjnlIHIXM2I&feature=youtu.be.

Para completar o evento, ofreceuse unha degustación de meles, a cargo de Noela Torres, e unha charla sobre apiturismo, coas intervencións de Suso Asorey, María Lorenzo, Carme Toba e Martiño Nercellas, membros e colaboradores de AGA que nos ofreceron interesante información sobre o inmenso patrimonio apícola que temos por toda Galicia.

 


Voltar