+ 34 981 508 142

O SECTOR APÍCOLA OURENSÁN, AMEAZADO POLA CHEGADA DA VESPA VELUTINA, RECLAMA A AXUDA DA XUNTA DE GALICIA

5 de abril de 2019

A Asociación Galega de Apicultura convocou hoxe unha concentración diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense co obxectivo de denunciar a pasividade da Xunta de Galicia na xestión da praga da Vespa velutina, que representa agora mesmo unha das principais ameazas para a supervivencia das abellas e o mantemento da actividade apícola no noso país. Os abelleiros e abelleiras reclamáronlle á administración galega que escoite as súas demandas, para o cal representantes de AGA entregaron un documento dirixido á Delegada da Xunta de Galicia en Ourense coas  reivindicacións do sector, un dos principais afectados por esta problemática.

O tártago asiático colonizou xa prácticamente toda Galicia. A provincia de Ourense é un dos últimos territorios afectados e coas boas condicións climatolóxicas deste comezo da primavera é previsible que este ano afecte de xeito importante á actividade apícola dun gran número de profesionais ubicados nesta provincia, cunhas graves consecuencias na economía do rural. Dende a chegada da Vespa velutina a Galicia a Asociación Galega de Apicultura leva reclamando á administración que poña os medios para levar á práctica un plan de loita eficiente e co financiamento necesario, tendo en conta ós sectores afectados. En numerosas ocasións trasladaron as demandas do sector ás diferentes administracións competentes na materia, sen conseguir unha reposta seria e comprometida. Por este motivo, concentráronse esta mañán en Ourense os abelleiros e abelleiras, xunto con outros colectivos afectados, para tralsadarlle de novo á Delegación da Xunta de Galicia as demandas do sector.

 

A necesidade urxente de investigar

Entre as principais reivindicacións presentadas está a necesidade urxente de investigación, indispensable para mellorar os sistemas actuais de loita e atopar novas ferramentas máis eficaces e selectivas. A inversión que se está facendo ata agora na retirada de niños pode ser ineficaz se non se avalían os resultados, para o cal necesitamos datos que demostren a utilidade ou non desta tarefa e que xustifique o elevado custe que conleva. O trampeo preventivo de raíñas é a única ferramente dispoñible para o control desta especie ata o momento, pero é preciso investigar novas técnicas que melloren a súa eficacia, así como a selectividade das trampas para non prexudicar a outras especies.  As medidas de protección dos colmeares, como as arpas eléctricas que están amosando bos resultados na práctica, tamén necesitan ser comprobadas mediante a investigación, co fin de asegurar o seu correcto uso e funcionamento.

 

Falta de coordinación e transparencia por parte da Xunta

No referente a prevención e retirada de niños, labor que recaeu principalmente nos concellos, estase actuando de forma diferente según o organismo competente asignado, con diferentes recursos, de xeito desigual e desorganizado. Os esforzos que fan uns poden quedar inutilizados coa pasividade ou incompetencia doutros. A Xunta de Galicia debería coordinar a tódalas entidades e organizacións implicadas, establecendo protocolos e sistemas de actuación nas mesmas condicións para todo o territorio. Para iso precísase a activación da "Comisión de Seguimento", que integre a tódalas partes implicadas, en especial ós sectores máis afectados, coas que exista unha comunicación áxil e constante. É indispensable tamén fixar un orzamento único destinado a este problema en exclusiva, no que se especifique canto se está invertindo e para que conceptos.

 

Axudas para protexer as colmeas

O sector apícola está sendo un dos máis afectados por este problema que está prexudicando á rendabilidade das explotacións, polo que urxe tomar medidas para a protección desta actividade. A apicultura supón o emprego e os ingresos de moitos galegos e galegas e, ademais, é beneficiosa para toda a sociedade pola súa contribución ó medio ambiente.

 

Descargar solicitude entregada na Delegación da Xunta de Galicia en Ourense coas demandas de AGA: Solicitude Delegación Xunta Ourense


Voltar