+ 34 981 508 142

O TRAMPEO PREVENTIVO É A ÚNICA FERRAMENTA NA ACTUALIDADE PARA FREAR A VESPA VELUTINA

4 de outubro de 2018

Ante a información publicada recentemente nalgúns medios de comunicación en contra do trampeo como sistema de control da Vespa velutina ou tártago de patas amarelas, dende a Asociación Galega de Apicultura emitimos este comunicado de prensa para evidenciar que os apicultores que utilizamos esta ferramenta non somos o problema e para protexermos as nosas colmeas defendemos esta práctica, que, aínda que precisa mellorar a súa eficacia e selectividade, é a ferramenta máis eficaz na actualidade para frear o avance da praga.

 

 

Única ferramenta dispoñible

Dende a Asociación Galega de Apicultura promovemos o trampeo como método de control da poboación de Vespa velutina dende a chegada deste insecto invasor, apoiándonos na experiencia dos apicultores franceses, que sinalaban os efectos positivos desta técnica, polo menos mentres a investigación non desenvolva outros sistemas ou produtos máis efectivos. Os apicultores somos conscientes de que non é a fórmula perfecta que acabará coa praga, se é que isto é posible, pero a curto prazo é a única ferramenta que temos dispoñible nas nosas mans, e, mentres non haxa outra mellor, seguirémola utilizando. O que non podemos aceptar é quedarnos sen facermos nada vendo como os tártagos papan as abellas e acaban cos nosos enxames. Apostamos sen ningunha dúbida pola investigación práctica, que mellore a eficacia e selectividade das trampas, pois sabemos que causa danos colaterais. Non obstante, consideramos que o trampeo nunca poderá ser máis prexudicial que o dano que produce a Vespa velutina ou o tártago asiático no medio ambiente, acabando non só coas abellas  senón tamén con outras poboacións de insectos, decimando a propia fauna insectívora e a fruticultura, o que provoca, polo tanto, un dano irreversible no medio ambiente.

As consecuencias dunha incorrecta xestión da administración

Tamén queremos denunciar que non se nos pode tratar ós apicultores como os responsables dun problema ambiental. O inimigo non somos nós. Se a alguén hai que pedir responsabilidades é á administración, que ten que garantir e demostrar con feitos que está a poñer todos os recursos necesarios para solucionar este gravísimo problema, non só dos apicultores,  senón de toda a sociedade, así como tamén de saúde pública. O feito de que cada vez haxa máis fórmulas caseiras e improvisadas, utilizando os recursos que cada persoa ten ó seu alcance, é a consecuencia dunha ineficaz xestión da situación por parte dos organismos competentes. Os apicultores tampouco estamos de acordo en que se dispersen no medio ambiente todo tipo de substancias do que non se coñecen as consecuencias, así como tampouco os litros e litros de insecticida que se deixan nos niños tartagueiros, tan nocivo ou máis que o trampeo. Pero disto ninguén fala.

Os apicultores e apicultoras só defendemos as nosas abellas

Non podemos admitir que se critique o sector apícola de prexudicar o medio ambiente. Os apicultores e apicultoras só defendemos as nosas abellas, que son indispensables para garantir a biodiversidade e a polinización das flores. Os diferentes sectores afectados —ecoloxistas, investigadores e a sociedade no seu conxunto— temos que unirnos e ir da man, pois xuntos temos que esixir á administración que se ocupe realmente desta problemática, que coordine e financie a investigación necesaria, que compense os sectores afectados e que nos teña en conta para avanzar na procura de solucións efectivas.  Os apicultores somos uns observadores privilexiados do tártago de patas amarelas (Vespa velutina), pois niso está a supervivencia das nosas colmeas, e temos moita información e observacións que se poden aproveitar e verificar, se a administración e a ciencia queren contar connosco e sen enredos. Unha das liñas de investigación necesaria é coñecer o efecto real do tártago de patas amarelas no medio ambiente. Así poderiamos confirmar con datos ata que punto esta praga terá graves consecuencias para o medio ambiente e, polo tanto, necesita todos os recursos dispoñibles para combatela, así como tamén saber se os danos colaterais que provoca o trampeo se pode comparar cos efectos desta praga invasora que ameaza o noso ecosistema e a nosa apicultura.


Voltar