+ 34 981 508 142

OBSERVATORIO APÍCOLA II: ALIMENTAR AS ABELLAS

26 de marzo de 2020

Por Suso Asorey, fundador e voceiro de AGA

 

1.- As abellas son insectos que forman familias numerosas que perduran no tempo; polo tanto, precisan almacenar comida para pasaren o inverno.

2.- As abellas sempre atoparon o seu alimento nas flores das plantas. En Galicia, con dous terzos do noso territorio que está a monte, hai néctar e pole a moreas.

3.- Desde hai trece mil anos temos constancia do aproveitamento dos produtos apícolas polos humanos, e aí empezou o saqueo, a rapina, cada vez explotámolas máis intensivamente e logo temos que alimentalas.

4.- En Galicia, hai constancia de casos de alimentación en épocas remotas, sobre todo con castañas cocidas.Logo tamén se alimentou algo con auga e azucre. Na actualidade, a situación rebordou, e estamos arrodeados dunha manchea de alimentos de procedencia a miúdo descoñecida.

5.- Queremos facer coas nosas abellas granxas intensivas de produción apícola. Imos por mal camiño, xa que a nosa é unha actividade con imaxe ecolóxica e os produtos apícolas pertencen ao grupo de alimentos sans e naturais, non dos manufacturados.

6.- A clave échevos deixarlles ás abellas moitas reservas para invernaren e espazo suficiente na cámara de cría para comenzar a posta o ano seguinte.

7.- Que di o coronavirus: o mel seguirá sendo un produto elaborado polas abellas a partir do néctar das flores, ou non será mel.

O cura das abellas, Benigno Ledo, xa recomendaba tomar mel contra gripes e catarros na pandemia de 1918.


 


Voltar