+ 34 981 508 142

630 069 637


OBSERVATORIO APÍCOLA IV: VIAXAR POR ESTE MUNDO DAS ABELLAS

2 de abril de 2020

Por Suso Asorey, fundador e voceiro de AGA

 

1.- De pequeno acompañaba meu avó a correr atrás dos enxames na primavera, pero a mellor festa viña cando o cereiro, Serafín da Burata, viña castrar os cortizos e merendabamos mel con pan.

2.- Despois de rematar Bioloxía na USC, ao remate do franquismo, matriculeime en Socioloxía na Universidade da Sorbona en París. Alí chegou José López, que disque viña de regreso do exilio da Unión Soviética, onde formaba parte do equipo do xeneral  republicano Liste, de Calo, preto de Santiago. López era de Sada, A Coruña, e faloume longo e tendido da apicultura na URSS, e díxome que viña para Galicia dedicarse ao cultivo das abellas. Aquilo prendeume unha luz no cerebro.

Logo apareceu Sequeiros, enxeñeiro aeronáutico, que vivía en Madrid na praza da Florida, e tiña dúas colmeas no balcón da súa casa; eu alucinaba. Pero ao pouco veu a Galicia e pediu unha subvención do ministerio para establecerse como apicultor en Salvaterra de Miño, Pontevedra. Conseguiu a subvención, puxo as colmeas e encargou o seu pai de coidar delas.

Nunha destas viaxes a Galicia, Sequeiros tróuxome dous micronúcleos e deume instrucións para ilos coidando. Efectivamente, foron para adiante e deron mel, nunha hortiña, en Cotaredo 6, Santiago de Compostela.

3.- O meu maxín xa rebulía dabondo e pensei en viaxar para aprender apicultura. A primeira saída ao estranxeiro foi ao Congreso de Apicultura de Apimondia en Acapulco, México, xunto con Sequeiros e algún máis. Para ir tiven un préstamo dunha entidade bancaria. Alí descubrín un mundo impresionante de apicultores e científicos arredor das abellas. Alí vin, por primeira vez, a rusos e americanos abrazárense e gozaren xuntos de mariachis e tequilas. Eu pensaba que coa Guerrra fría os ianquis e os soviéticos nin se miraban.

Cando tocou regresar, eu fíxeno por Cuba e Sequeiros por Estados Unidos. Uns meses despois chegoume unha postal súa na que me dicía que estaba traballando na NASA en Houston. Animoume moito a seguir coas abellas e que algún día regresaría. Non o volvín ver.

4.- A continuación, viaxei a Romanía, onde aínda gobernaba Ceaușescu. Romanía era o máximo en abellas. Alí estaba a presidencia de Apimondia, co doutor Harnaj á fronte, entidade que tiña a súa sede no centro de Bucarest. Impresionoume a enorme biblioteca apícola con libros en todos os idiomas do mundo. Trouxen os que puiden, aínda teño algúns en romanés. Tamén visitei en Bucarest un hospital de apiterapia, palabra que escoitei por primeira vez. Alí só trataban os doentes con produtos das abellas e había unha sa competencia coa doutora Ana Aslan, que era famosa no mundo enteiro polo non menos famoso Gerovital, unha crema que coidaba e rexuvenecía a pel. Facía furor nas farmacias e era un dos principais atractivos turísticos.

Anos despois volvín a Bucarest e xa non estaba o doutor Harnaj nin a doutora Aslan, e Apimondia xa tiña un novo edificio preto do aeroporto de Bucarest. A biblioteca seguía alí, ocupando unha planta enteira do edificio.

Posteriormente, viaxei a Budapest, Hungría, para asistir a un novo Congreso de Apimondia. Puiden visitar o impresionante bosque de falsas acacias (robinias), resultado da conversión da estepa húngara nun bosque florido, pensando na madeira pero sobre todo na produción melífera. Aínha hoxe Hungría é o principal produtor mundial de mel de acacia, o máis caro no mercado internacional. Anos despois regresei a Hungría co grupo de AGA.

Tamén participei en dous congresos de Apimondia máis con AGA, tanto en Suíza coma en Francia.

5.- No ano 1980, un pequeno grupo de iluminados fundamos AGA, e corenta anos despois aínda estamos aquí; agora xa imos polas 1.700 persoas. As viaxes con AGA a distintas partes do mundo para ver e aprender doutras apiculturas foron moi instrutivas, entre outros, a Portugal, España, Francia, Suíza, Hungría, Italia, Cuba, Arxentina, Eslovenia e Grecia.

Estas viaxes foron dunha importancia capital. De aí saíron ideas para o noso traballo apícola e xurdiron grandes amizades, polo que xa pagou a pena deixar a Socioloxía da Sorbona polo mundo das abellas.

6.- Que di o coronavirus?: 

O modelo apícola máis axeitado para Galicia sería o modelo de Eslovenia, cunha grande asociación que conta con biblioteca, laboratorio, denominación de orixe Mel de Eslovenia, apiturismo e demais servizos aos socios e ás socias

Cuba é dos poucos países do mundo onde o índice de mortaldade das abellas é baixo, as colmeas cada vez son máis produtivas e a exportación de mel e cera vai en aumento. Alí non usan pesticidas neurotóxicos na agricultura e utilizan moi pouco os acaricidas para controlar a varroa.

O modelo húngaro para a produción de mel de acacia merece ser copiado e adaptado a Galicia. 

Se Eslovenia é o país das abellas, Grecia é o país do mel. O mel está por todos os sitios, nos hoteis, restaurantes e tendas, e o seu consumo é xeneralizado. Nestes dous países o mel envásase nunha gran maioría e os prezos son bos.

Á xente nova que pensa en desenvolver o seu proxecto vital no mundo das abellas recoméndolle viaxar para coñecer este mundo apaixonante.


Voltar