+ 34 981 508 142

OBSERVATORIO APÍCOLA: OPTIMIZANDO A LOITA CONTRA A VESPA VELUTINA NIGRITHORAX

3 de maio de 2019

A nivel práctico, os abelleiros e as abelleiras xa contamos con algunhas ferramentas que nos permiten mellorar a loita contra o tártago negro de patas amarelas. Durante a primavera: trampas e atrantes e no verán e outono: arpas, eliminación de niños, captura de obreiras e protección das colmeas.

Por Suso Asorey

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Durante a primavera:

Podemos instalar trampas para capturar raíñas velutinas. Esas raíñas capturadas non farán niños.

Tipos de trampas: as trampas comerciais que distribúe a Conselleria de Medio Rural valen para esta función. Así e todo, tamén podemos facer distintas trampas caseiras, sobre todo as trampas secas, selectivas e menos nocivas para os outros insectos. O tarro para o mel ou os caldeiros de plástico tamén valen, e eles irán sen tapar, para deixar que entren os tártagos velutinos. Haberá que poñerlles  un trebello en forma de paraugas para que non entre auga da choiva ou colocalas nun lugar a cuberto.

Atraentes: un bo e barato atraente é o composto por auga, azucre e fermento de pan de panadería. Utilízase nestas proporcións: 5 litros de auga, 2 quilos de azucre e 50 gramos de fermento de pan. Quentamos un pouco a auga para disolver o azucre, engadimos o fermento e xa temos o atraente feito.

Podemos preparalo o día anterior para que vaia fermentando, e cando o usemos podemos meter na trampa algún tártago asiático.

Cada sete días coamos o líquido e contamos as velutinas, e este líquido sobrante vale para oito días máis, e engádese de novo algún tártago asiático máis. Non se deben  lavar as trampas cando recebemos.

Colocación das trampas: Por onde vexamos os tártagos de patas amarelas, nas flores de camelias ou doutras árbores, onda o almacén das alzas e ceras, nos teitos das colmeas, etc. Se facemos a contaxe semanal xa chegamos á conclusión de cal é o mellor lugar para poñer as trampas.

 

No verán e outono:

Hai que defender os apiarios do ataque das obreiras velutinas.

Arpas: débese colocar no apiario unha arpa por cada cinco colmeas, situándoas diante e en paralelo coas colmeas. Hai distintas arpas e maneiras de subministrarlles a enerxía. Desde AGA estamos facendo demostracións de como facelo por todo o territorio galego, o mellor é asistir a algunha destas sesións prácticas que se realizan.

Eliminación de niños: cada vez que vexamos un tartagueiro ou niño secundario de tártagos de patas amarelas débese avisar o 112 para que vaian a eliminalo, sobre todo se está próximo a casas ou lugares urbanos. Nalgúns concellos de Galicia, tamén hai a opción de avisar os grupos de emerxencias ou de protección civil comarcais ou municipais.

Captura de obreiras velutinas: débense colocar trampas encima das colmeas, botes de mel ou caldeiros abertos co mesmo atraente de primavera. Trátase de coller o máximo número que poidamos de tártagos obreiros, sobre todo nos meses de maio a xullo.

Ademais no outono: hai que colocar nas biqueiras das colmeas tiras de excluidores de raíñas para evitar que os tártagos de patas amarelas entren nas colmeas.

Se levan tempo sen saír as abellas das colmeas, débeselles subministrar auga ou algo de xarope se teñen poucas reservas.

Precaucións: hai que ter coidado cos velenos, nunca deixar niños envelenados sen retirar. Un tartagueiro ao que se lle inxectou 1 litro de insecticida cando está preto dun río ou doutra corrente de auga é un perigo para a fauna acuática e incluso para as persoas que poidan beber esas augas.

O falcón abelleiro pode ser un aliado natural na nosa loita para a eliminación de niños, e  non interesa que coma larvas de tártago velutino envelenadas polo perigo que pode resultar para estas aves.


Voltar