+ 34 981 508 142

630 069 637


OBSERVATORIO VIII: NON É OURO TODO O QUE RELOCE

17 de abril de 2020

Por Suso Asorey, fundador e voceiro de AGA

 

 

 

 

 

 

 

 

1.- Dous terzos do noso territorio galego a monte, flores silvestres arreo. Aquí está o paraíso para as nosas amigas. Abellas ao monte e a vivir que son dous días!

2.-Se hai lumes, que pasa? Se á administración se lle ocorre rozar as matogueiras, se tratamos o gurgullo do eucalipto, Gonipterus, con motobombas que lanzan insecticidas ao aire, se desparasitamos rabaños de animais con produtos moi perigosos para as abellas etcétera, a cousa cambia.

3.- Todo o anterior estase facendo en Galicia. Diciamos que para os lumes o mellor era meter animais no monte, en extensivo, pero estamos comprobando unha alta mortaldade de abellas en montes onde están estes animais ―cabalos, vacas etc.―. Isto xa o tiñan comprobado en Francia, e aquí tamén. O último episodio do que temos constancia deuse nos montes de Muras, despois de desparasitar cabalos con deltametrina, receitado polos veterinarios dun gabinete agropecuario de Vilalba.

4.-Os animais no monte están ben, pero non en explotacións masificadas de rabaños que, ao cabo, precisan tratamentos para sobreviviren. Estes produtos que o fabricante nomea como «moi perigosos para as abellas» debían, sobre todo, estar totalmente prohibidos. E, en último caso, antes habería que instruír moi ben os usuarios de fitosanitarios. Calquera produto destes liberado ao ambiente, cando a velocidade do vento é de máis de 20 quilómetros/hora, é incontrolable, pois van ao aire, á auga e aos alimentos. Por suposto, matan as abellas.

5.- Se envelenamos o ambiente, non só matamos as abellas, tamén outros polinizadores. Matamos paxaros que comen eses insectos, envelenamos as augas dos ríos, e logo non temos troitas. E, finalmente, respiramos nós ese aire, bebemos esas augas e comemos eses alimentos adobados con velenos. A saúde da natureza e a das persoas está en declive.

6.-Que di o coronavirus?

Chegou o coronavirus e mandou parar; polas boas ou polas malas, teredes que cambiar. Se nos queda algo de intelixencia, tomaremos nota e decatarémonos de que así non podemos seguir. Temos agora unha boa oportunidade, non a estraguemos.


Voltar