+ 34 981 508 142

630 069 637


OBSERVATORIO X : LUSO-GALAICOS

23 de abril de 2020

Por Suso Asorey, voceiro e fundador de AGA

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

1.- Nace AGA no ano 1980, e a primeira actividade consistiu en mirar o que había no derredor. Nada mellor que Portugal, onde xa estaba implantada a apicultura mobilista. Seguindo o río Douro a partir do Porto, no lugar de Rio Mau, había unha morea de fábricas de colmeas e material para as melerías. Era impresionante!, tiñámolo aí ao ladiño!

2.- A primeira operación foi a importación dun camión de colmeas Langstroth, que saíu de Portugal e foi para Mondoñedo no ano 1982. Nesta comarca, AGA implantouse axiña. Os irmáns Leiras Pértega, Santiago e Ramón, foron os impulsores, e axiña fundaron a primeira DAGA, e unha das primeiras feiras do mel tivo lugar polas San Lucas, o 17, 18 e 19 de outubro de 1982.

3.- Coa Asociación de Apicultores do Norte de Portugal, que editaba o xornal As Abelhas, enseguida fixemos boas migas e colaboracións; tiñamos moito que aprender e aproveitámolo ben. Estivemos moitas veces conversando na rúa das Carmelitas nº 5, no Porto.

4.- Hai que poñer nomes. Entre eles, o malogrado Cardoso Martins, que faleceu en 1990, quen tiña a súa empresa para trámites da alfándega no Porto. Téñoo citado moito porque dicía que o seu pequeno apiario era a empresa máis rendible que montara na súa vida e que nunca vendera un quilo de mel. O seu único agasallo de empresa era un tarro de mel, e así conseguira ter moi contenta e moi fiel a toda a clientela.

O Sr. João Peixinho, de Ovar, todo o día promocionando este marabilloso mundo, con xornadas, exposicións, conferencias. A súa casa era un museo das abellas. Foi o impulsor das Xornadas Luso-Galaicas de Apicultura, que comezaron a celebrarse no 1987 conxuntamente coa asociación Os Amigos das Abelhas, e desenvolvéronse durante varias edicións, en Galicia e Portugal, alternativamente. Participamos nos convivios en Moranzel, en Ovar, que organizaba Peixinho, alí a carón da ría de Aveiro; festa rachada. Alí descubrimos o afamado licor de merda, que agora está por todas partes, en Portugal.

Chegaron a vir de Portugal ata cinco ou seis autobuses á Mostra cando a celebrabamos en Salgueiriños, en Santiago; que tempos aqueles?

Joaquim Correia, Promel, en Rio Mao, todo o mundo coincidía en que era o mellor fabricante de colmeias; tamén facía extractores e outros utensilios. Un pracer estar con el. Era un home que sentía moita morriña de Mozambique, onde desenvolvera a maior parte da súa vida ata que rematou o asunto das colonias.

Mário Presa e a súa dona, de Paços de Ferreira , que persoas marabillosas! O 24 de xuño de 1984 fomos alí convidados á 2ª Exposição Feira da Apicultura, en Amarante, onde el era mestre. Mário foi o primeiro que nos falou e me agasallou cos fondos de rede ―despois fondos sanitarios das colmeas―, e mais das súas grandes vantaxes para a limpeza e para a transhumancia, logo tamén para eliminar varroas. Que xente máis sa! Impartir unha conferencia nas Xornadas de Apicultura, coincidindo coa Feira do Moble, fíxose un clásico, e aló fomos durante varios anos.

José Santos e a súa dona contan cunha lonxeva empresa aínda en activo, Apisantos, na actualidade, que rexentan os seus fillos. Estiveron en Mondeñedo xa no 1982, na 1ª Feira de Apicultura Galega; sempre bo carácter e bo humor. Foi unha ledicia velos este ano o Día do Apicultor en Arzúa.

5.- Se a apicultura galega lle debe algo a alguén, en primeiro lugar, é a esta remesa de moluquinhos das abelhas. Aí arrincou todo. Despois xa empezaron a vir equipamentos de Italia e Francia; agora tamén veñen de Grecia e Polonia. A cera nin se sabe de onde vén, mais as colmeas aínda seguen vindo de Portugal.

6.- Que di o coronavirus?

O nivel cultural desa remesa de apicultores portugueses que acabo de citar, e doutros moitos que non cito, mais que tamén, foron grandes amigos e mestres. E aínda estamos lonxe de telo nós aquí hoxe.

O mundo apícola é un mundo transversal; é saúde, é medio ambiente, é cultura, é arte, é confraternidade, tamén, por suposto, economía, pero sen darlle máis importancia a uns que a outros. Isto non o entenderán os nosos gobernantes. Peor para eles! Isto aprendino dos portugueses.


 


Voltar