+ 34 981 508 142

630 069 637


OBSERVATORIO XI : O OUTRO LEDO

28 de abril de 2020

Por Suso Asorey, voceiro e fundador de AGA

Jaime Fernández Ledo (dereita) e Manuel Calvo Landeira (esquerda), primeiros presidentes de AGA, na I Mostra Galega de Apicultura

 

 

 

 

 

 

 

 

 

1.- Jaime Fernández Ledo era o sobriño do «cura das abellas», Benigno Ledo, do que xa sabedes cousas polo que acaba de publicar AGA. Tamén temos unha biografía súa publicada no Boletín Apícola nº 5, de AGA (1983), realizada pola neta de Jaime, Loli Lopez. O seu sobriño herdou todo aquel basto legado apícola.

Falamos co finado Isaac Díaz Pardo, dono de Sargadelos e de Edicións do Castro, para reeditar o seu libro Curso práctico de apicultura, do que se fixeron unhas catro ou cinco edicións, de 2.000 exemplares cada unha. Os nosos apicultores estaban ansiosos de saber das abellas. Posteriormente tamén conseguimos que Sargadelos fabricase, en cerámica, cafeteiras e xícaras dedicadas ao «Mel de Galiza» , tamén moi vendidas por AGA.

2.- Jaime F. Ledo gozaba espallando a obra de seu tío, e non se lle podía falar mal da colmea Layens traída de Francia polo crego. Teño estado na casa de Jaime F. Ledo na parroquia de Adá, Chantada. Alí estaba o taller de Benigno Ledo, onde facía as colmeas, a cera e diversos utensilios.

3.- Participamos conxuntamente en moitos cursos de apicultura, primeiro de oíntes, na Escola de Formación Agraria de Monforte de Lemos, impartida polo mestre Antonio Gómez Pajuelo, e logo como formadores, impartindo moitos cursos pola nosa xeografía.

Jaime estaba moi interesado en facer funcionar a «Cátedra de Apicultura, Benigno Ledo», dependente da Deputación de Lugo e que xestionaba o crego D. Segismundo, da parroquia de Nadela, a carón de Lugo. Jaime buscaba resposta, xa que esta persoa era maior e había pouca actividade. Neses intres a Deputación de Lugo quitou a concurso a praza de director da cátedra, había que presentar o currículo.

4.- Eu presenteime, e Jaime daba por feito que ma ían conceder a min. Pero uns meses despois apareceu na prensa que o Pleno da Deputación de Lugo acordara disolver a Cátedra de Apicultura Benigno Ledo e que o montante económico co que contaba a cátedra sería para unha asociación de Lugo coa que a Deputación ía facer un convenio para promover a apicultura.

5.- Jaime, ao ver aquilo na prensa, montou en cólera e cualificou o presidente da Deputación de «sinvergüenza» e outras cousas. Logo contactei cun deputado da oposición e comentoume que todos aprobaran a proposta do presidente, xa que este comentou no pleno que se procedía desta maneira porque non se presentara ninguén para optar á praza. Xa sabedes como funcionaban as cousas, ou aínda funcionan?

Posteriormente, conseguimos que o Pleno do Parlamento galego aprobara nunha proposición fundar a Escola Galega de Apicultura, dependente da Xunta e que tería a súa sede en Monforte de Lemos, tal como lle propuxo AGA. Nunca se fixo nada; polo tanto, quedou en papel mollado.

6.-Que di o coronavirus?

Jaime foi o presidente de honra de AGA ata a súa morte , e baleirouse a prol da apicultura galega e de AGA, coa que colaborou dun xeito totalmente desinteresado, desfrutando moito connosco, unha rapazada principiante pero moi entusiasta, e nós con el tamén desfrutamos e aprendemos moito.

Agora, AGA fundou a súa propia Escola galega de Apicultura-EGA en Allariz mediante un convenio co Concello e a Fundación González Ferreiro, pero isto xa non o viu Jaime Fernández Ledo.


Voltar