+ 34 981 508 142

630 069 637


OBSERVATORIO XII: CONVIVIR COA VELUTINA

7 de maio de 2020

Por Suso Asorey, voceiro e fundador de AGA

 

1.- A nosa administración recórdanos a diario que a Vespa velutina (o tártago de patas amarelas) veu para quedar e que hai que convivir con ela. Estamos de acordo con esa teoría, pero agora mesmo non estamos nese punto, pois falta moito para chegar a el. Para xustificarse dinnos que Francia leva quince anos coa velutina e aínda non teñen unha solución.

2.-A UNAF, os nosos parteneres franceses, acaban de publicar unha edición especial da súa revista Abeilles & fleurs, que é a publicación máis completa que se leva realizado ata o día de hoxe sobre a problemática do tártago negro de patas amarelas. Para os apicultores Gilles Lanio, presidente da UNAF, e Richar Legrand, apicultor da Dordoña e cunha experiencia de quince anos nesa loita, a conclusión é que o trampeamento primaveral mentres non haxa outras solucións mellores é fundamental, despois de examinar todos os pros e contras. Logo, tamén se refiren á eliminación de niños tartagueiros, que tamén a consideran moi importante, ben que de efectos limitados, porque só se eliminan os niños que se avistan, e ademais resulta caro eliminar eses tartagueiros.

Para Raymond Saunir, que leva dez anos probando un montón de métodos e artiluxios de defensa dos apiarios, aínda non temos moitas conclusións. A redución das biqueiras a partir de setembro e alimentar as colmeas antes de invernar, se o precisan, parécenlle boas prácticas; ás arpas só se refire a elas de pasada.

En Galicia que? Aquí contamos coas arpas como a ferramenta máis desenvolvida grazas ao potente I+D caseiro desenvolto polos apicultores, malia os franceses seren os inventores.

3.- O futuro será a investigación. Daquela poderemos convivir. Denis Thiéry, entomólogo e director de investigación no centro INRA Burdeos-Aquitania, estivo estudando, desde 2005, co seu equipo a Vespa velutina e o seu comportamento e métodos de control, e resalta que hai dez anos había tres publicacións sobre o tártago asiático e hoxe hai cento trinta, e este número seguirá aumentando exponencialmente.

Salienta que o traballo de equipos de investigadores chineses, franceses e italianos permitiu identificar as feromonas sexuais e de alarma do tártago asiático, pero aínda sabemos moi pouco onde colocar correctamente as trampas.

Tamén cita o traballo realizado polo seu laboratorio sobre fungos entomopatóxenos, que atacan os insectos. Este sistema úsase na agricultura para o control biolóxico. Habería polo tanto que traballar en métodos de enviar estes produtos ao niño.

O INRA de Avignon tamén está realizando un traballo interesante sobre a caracterización de virus que afectan os tártagos asiáticos. Una publicación recente de Anne Daimon mostra que moitos virus afectan a Vespa velutina, incluídos os virus que se atopan con frecuencia nas abellas, como o virus das alas deformadas. Isto abre perspectivas de esperanza porque podemos ver un posible control natural debido á contaminación viral a través da presa.

Finalmente, tamén temos un proxecto de investigación sobre a acumulación de insecticidas nos niños dos tártagos asiáticos, debido ao consumo de abellas contaminadas. Os tártagos velutinos experimentarán o debilitamento que sofren as abellas hoxe en día debido á bioacumulación de pesticidas na cadea trófica. Este é un proxecto que se levará a cabo durante dous anos.

Denis Thiéry opina que o trampeamento primaveral é obvio que é beneficioso para reducir o número de niños tartagueiros. Con todo, a escala dun territorio e co obxectivo de regulación da poboación, o método é pouco ou moderadamente efectivo. En Aquitania, a captura primaveral realizouse durante quince anos, e as poboacións de tártagos negros de patas amarelas non diminuíron. Non obstante, en ausencia dun método de control máis efectivo, si, polo de agora, é necesario atrapar e supervisar esta captura (períodos, tipo de cebo, trampas etc.).

Malia todo isto, para min, o principal alicerce e máis prometedor segue a ser a destrución temperá dos niños tartagueiros.

Sobre se este trampeamento é nocivo para a biodiversidade, opina que é o mesmo que os métodos de captura de insectos practicados na agricultura, porque na agricultura non existe ningunha trampa completamente específica. Polo tanto, é curioso notar que non observamos a mesma controversia cando se trata de protexer os cultivos de que cando se trata de protexer as abellas.

Conclúe Denis Thiéry que a ciencia avanza, e probablemente funcionará dentro de tres ou catro anos. Á espera destes resultados científicos debemos persistir practicando un trampeamento coordinado e apoiando a destrución de tartagueiros.

4.- Ao realizar un repaso do que se fai nos distintos países, podemos concluír que en Francia e Italia se dedican fundamentalmente a investigar. En Francia os gobernos desentendéronse totalmente da Vespa velutina.

A revista da UNAF informa que os apicultores, agricultores, científicos e ambientalistas en España, despois refírese ás autonomías do Norte de España, se uniron nesta loita contra o tártago asiático. E achácalle isto á creación das plataformas STOP VELUTINA, e cita concretamente as de Galicia, Asturias e Cantabria. Estas plataformas terían o obxectivo de presionar as comunidades autónomas para obteren o apoio das autonomías na loita preventiva contra a Vespa velutina e para a eliminación de niños tartagueiros, e tamén para a sensibilización da sociedade civil. E sinala que se está a comprobar que teñen resultados na loita co apoio dos organismos oficiais. A súa acción paga a pena!

5.- A UNAF pon como exemplo a plataforma galega, fala da súa composición, asociacións, sindicatos agrícolas, asociacións ambientalistas, científicos.

Galicia é un dos plans máis ambiciosos de España. Fala da entrega de trampas para utilizar na primavera e da eliminación de niños tartagueiros, para o que Galicia dispón dun teléfono para dar os avisos. Fai a comparación co que fai o Estado francés, a saber: nada.

Os nosos colegas franceses demostran estar ben informados, e AGA foi a creadora da Plataforma STOP VELUTINA en Galicia e tamén quen a espallou por toda a cornixa cantábrica, e conseguíronse cousas. Este ano repartíronse máis de 15.000 trampas e atraentes. A empresa pública Seaga, con 2,3 millóns de euros, faise cargo da eliminación de niños etc. (Os mal pensados recordan que este é ano electoral, no futuro veremos).

A nosa materia pendente é a investigación, xa que temos pouca e desartellada. Pero nos tres piares da loita a pé de campo estamos conseguindo cousas: trampeamento primaveral, eliminación de niños tartagueiros e proteccións do apiario, onde os apicultores levaron unha loita desenfreada, inventando, ensaiando, poñendo en práctica distintos artiluxios, uns con máis éxito que outros. Pasma ver nas feiras a cantidade e variedade de arpas eléctricas!

Desde aquí parabéns ás nosas DAGAs, que están loitando con moitos folgos, aos abelleiros e ás abelleiras e a toda a nosa organización.

6.- Que di o coronavirus?

Na loita contra o tártago negro de patas amarelas (Vespa velutina) hai que recoñecer que tivemos moita audiencia na prensa; cousa que tamén axudou moito. Non temos tanto apoio na nosa loita contra os pesticidas. Grazas a que estamos en Bee Life vanse conseguindo información e avances nese eido. A cousa ocorreu xusto ao revés en Francia.

Teño unha bóla de cristal na que vexo o futuro, e observo un penso infestado cunha substancia que as velutinas levan ao niño e se autodestrúen; tamén vexo o falcón ou miñato abelleiro axudando e comendo niños de tártago asiático. Para isto cómpre investir en investigación. Dixit.


Voltar