+ 34 981 508 142

630 069 637


OBSERVATORIO XIII: "TODO DEPENDE"

13 de maio de 2020

Por Suso Asorey, voceiro e fundador de AGA

 

Poñerse diante dun auditorio para dar unha clase de apicultura é cada vez máis difícil, xa que «todo depende»: cando poñer alzas nas colmeas, cando alimentar e con que, cando reproducir as colonias etc. «Todo depende». Cadaquén terá que practicar aquilo que teña experimentado ao longo dos anos e lle vaia ben.

Despois de corenta anos de apicultor en distintas partes de Galicia, Parada Piñol (Quiroga), Loño (Vila de Cruces), Meangos (Abegondo) cheguei a algunha conclusión que quero comentar:

Coincidindo coas apreciacións de Jean-Prost, o francés que instruíu a miña xeración en apicultura, a campaña apícola comeza no outono, e agora que temos aquí o tártago da velutina incluso podemos dicir que comeza a finais de agosto, despois da castra. Tamén di Prost que a produción de abellas e, polo tanto, de mel dunha colmea está en relación directa co peso da colmea no día primeiro de xaneiro.

Concordando con el, a miña experiencia dime que invernar as colmeas con dúas caixas Langstroth, con abundantes reservas e espazo suficiente para a postura da raíña no arrinque primaveral é o mellor que se pode facer. Se non houbese bastantes reservas, sobre uns 20-25 quilos, habería que alimentar tan pronto como castramos e damos os tratamentos contra a varroa. Así, motivamos ao enxame a criar novas abellas, sas, para pasar o inverno e o arrinque da primavera. E alimentar pouco ou moito depende se a colmea xa ten bastantes reservas ou poucas; neste caso alimentar tanto como faga falla.

Esta fórmula dáme moita seguranza de non ter problemas coa fame na vindeira primavera; neste caso as abellas son as que dirixen o seu proceso de desenvolvemento natural durante a primavera segundo veña a climatoloxía. É certo que consomen máis reservas invernais con tanto espazo porque hai que manter a temperatura do niño, pero compensa.

O contrario, poucas reservas, pouco espazo, alimentación estimulante de primavera etcétera vai ser unha auténtica lotería, que che saia ben ou mal vai depender.

As miñas colmeas tipo compóñense de cámara de cría de dúas caixas Langstroth e dúas medias alzas, que poño na colmea cando está forte de abellas, sen agardar a que lles falte espazo ás abellas e se poñan a enxamear. Estas dúas medias alzas garantiríanme unha media de 20-30 quilos de produción de mel ao ano.

Nos últimos anos tamén propoño, se queres facer núcleos, tanto para repoñer como para vender, facelos devagar, con bo tempo, alimentar, potencialos ben e vendelos a principios de primavera do ano que vén. Aínda que sexan máis caros compensa. O resto segue sendo unha lotería, tanto pode saír ben coma mal, «todo depende».


Voltar