+ 34 981 508 142

630 069 637


OBSERVATORIO XIV : Máis comida para as abellas

19 de maio de 2020

Por Suso Asorey, voceiro e fundador de AGA

 

Á parte dos montes, que en Galicia representan un terzo do noso territorio, tamén temos cultivos agrarios e praderías que lles interesan ás abellas.

Temos unha superficie de 378. 627 hectáreas para os cultivos en Galicia. Aló polo 1970, o millo de gran ou espiga de fariña ocupaba unhas 184.233 hectáreas e as abellas ían colleitar nel pole para criar abellas, incluso se falaba de poñer cazapoles para a súa colleita para o consumo humano, pero esta produción diminuíu drasticamente, ata as 13.000 hectáreas do ano pasado.

Pola contra, aumentou moito a produción de millo forraxeiro para o gando, con 68.639 hectáreas o pasado ano, e vai en aumento, pois representa esta superficie o 75 % de todo o millo forraxeiro do Estado español. Este millo foi a gran tumba de moitos enxames de abellas en Galicia, xa que se sementaban grans recubertos de insecticidas neonicotinoides que facían desaparecer as abellas ao utilizaren estas o pole deste millo.

Na actualidade, mellorou moito a situación despois de ser prohibidas estas sementes, e o millo volve ser unha fonte de pole de verán.

A práctica de queimar os terreos con herbicidas con glifosato antes de sementar o millo é altamente perniciosa e perigosa.

Aos nabos xa nos temos referido como unha fonte de pole primaveral, e cada vez tamén se sementan menos. Ao contrario, seméntanse xa bastantes hectáreas de colza, da mesma familia que os nabos e tamén moi produtora de pole. A empresa Panadería Da Cunha, que financia a Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela e leva programas de I+D co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, merca o trigo de moitos produtores, e nesta rotación de cultivos recomenda sementar colza e tamén merca as súas sementes. Por informacións da dita empresa, este sistema incrementa a produción de trigo un 20 % e enriquece o subsolo do terreo.

En Panadería Da Cunha mostráronse abertos a experimentar tamén a phacelia nestas rotacións, por proposta de AGA, por ser unha importante fonte de néctar para as abellas.

Pois a plantar alimento natural para as abellas!

 

 


Voltar