+ 34 981 508 142

630 069 637


REAL DECRETO QUE MODIFICA A NORMATIVA VIXENTE SOBRE A CALIDADE DO MEL NO RELATIVO AO SEU ETIQUETADO

29 de xuño de 2020

O Goberno de España publicou nesta semana (BOE nº 173, do 22 de xuño do 2020) o Real decreto 523/2020, do 19 de maio, polo que se modifica o Real decreto 1049/2003, do 1 de agosto, polo que se aproba a Norma de calidade relativa ao mel, co obxecto de garantir unha información máis completa sobre a orixe do mel.

Logo do fracaso de o establecer conxuntamente para todos os estados membros e nunha esfera máis completa, o Parlamento Europeo apoiou (ano 2018) que estes puidesen establecer a obriga de indicar o lugar de procedencia do mel e outros produtos da apicultura. Para iso faise necesaria unha etiquetaxe máis detallada e obrigatoria, co propósito de salvagardar a protección do consumidor e dificultar a realización de prácticas ilexítimas neste eido. Isto dá risa se non se poñen outros medios analíticos superiores, diversos e alternativos, superiores aos establecidos polas autoridades europeas, así como de detección da fraude de por medio.

Neste pasiño paseniño lexislativo español sinálase que se deberán ―unha obriga― mencionar na etiqueta o país ou os países de orixe da castra do mel e das súas mesturas, todo o cal deberá ser conservado para calquera control polas autoridades competentes. Así mesmo, requírese que todas as mercadorías comercializadas legalmente noutro estado da Unión Europea serán conformes con este real decreto de modificación. Unha boa intención! Con todo, neste aspecto estase a esquecer que os defraudadores (non só os chineses, tamén os hai europeos) superan así mesmo con creces tecnoloxicamente os baremos oficiais españois estándar de análise. E pode ser un coadoiro con lei.

Ao non figurar as porcentaxes, arrecuamos cara á legalización das mesturas fraudulentas e o prexuízo dos meles de calidade, así como afondamos na confusión e no engano do consumidor. Andar ao paso de boi é moverse un pouquiño, pero cun gramo de mel galego ou español nun tarro dun quilogramo, ese mel xa vai legalizado. E isto non provoca satisfacción.

Estamos a dar un bo ou un mal paso? En todo caso, moi curto e con moitas pexas. Mais xa imos ter no mercado mel con orixes diversas na etiqueta. Xa se pode imaxinar un: meles do mundo legalizados nun tarro de mel. (!)

Real decreto 523/2020, do 19 de maio


Voltar