+ 34 981 508 142

RESUMO DÍA DO APICULTOR 2020

4 de febreiro de 2020

O Día do Apicultor celebrado o pasado 1 de febreiro en Arzúa congregou a centos de apicultores e apicultoras de toda Galicia. O evento vaise consolidando ano tras ano e, nesta edición do 2020, ano de celebración do 40º aniversario de AGA, un numeroso público ateigou tanto o local das palestras como o resto de actividades programadas.

 

A feira de material apícola ampliouse este ano con máis empresas e a exposición sobre sanidade e Vespa velutina. No Centro do Queixo e do Mel, o público puido disfrutar da exposición Apiturismo en Galicia, cunha mostra de fotografías sobre o patrimonio tradicional apícola galego, e a degustación dos Meles 5 Estrelas, que ofreceu a restauradora Noela Torres. E como sempre os máis pequenos tamén tiveron o seu Día do Apicultor Infantil, cun programa cheo de actividades e xogos divertidos sobre as abellas.

 

 

O programa de palestras tivo como tema principal saúde das abellas, con dous temas claves para a supervivencia das colmeas: a loita contra a Vespa velutina e a varroa. Outros temas da xornada foron o Concurso de Meles 5 Estrelas, o servizo de laboratorio para socios e socias e o programa de apiturismo en Galicia. A continuación un resumo das palestras ofrecidas.

 

Mesa redonda sobre a Vespa velutina

 

Abriu a mesa Marcos González, director do Museo de Historia Natural da USC, que recalcou a importancia da investigación para atopar ferramentas verdadeiramente útiles. Según González, a retirada de niños é esencial, pero hai que atopar outros sistemas e tamén para a súa detección precoz, xa que quedan moitos niños sen localizar. Existen xa estudios sobre o uso de feromonas sexuais, pero ata agora só para os machos, co cal pódese interferir no ciclo reproductivo do insecto e reducir a súa diversidade xenética, que é importante pero non suficiente. Hai que seguir investigando nas feromonas,  pero para atraer as femias ou as raíñas, que sería máis eficaz. En canto o trampeo, plantexou dúbidas sobre a súa utilidade, pois non hai ningún estudio que así o demostre e, ó contrario, advírtese do dano ambiental que poden causar a outras especies. Pero, engadiu González, temos que confiar na investigación pois, para aportar resultados reais e eficientes, precisa de moito tempo. Insistiu tamén en que, tanto administración como institucións adicadas á investigación, deberían escoitar máis a opinión dos apicultores, xa que ata agora as ferramentas máis prácticas e útiles conseguíronse gracias a eles.

A segunda persoa en intervir foi Roberto Delgado, da empresa Seaga, encargada de xestionar o novo plan da Xunta de Galicia para o control desta praga. Explicou que con este plan, centrado básicamente na retirada de niños, actuarán nos 275 concellos adheridos, case o 90 % de Galicia. Este plan difererénciase do anterior, xestionado por Tragsa, por un lado no aumento do persoal, cun equipo de intervención de 60 persoas, só durante os meses de máis actividade, de xullo a outubro, que utilizarán a mesma técnica para a retirada dos niños que ata agora, a pértega de máximo 20 m e insecticida. Outra novidade será a reducción nos tempos de retirada dende o aviso, cun máximo de 5 días laborais, pero cun importante número de excepcións en función das condicións da ubicación dos niños, como por exemplo os situados a máis de 25 m ou os ubicados preto de ríos, polo risco medioambiental.

Descargar presentación Novo plan da Xunta de Galicia para o control da Vespa velutina

Representantes da Asociación Galega de Apicultura e público asistente amosaron a súa preocupación ante a posible falta de eficacia deste plan e que, a pesar dos grandes recursos invertidos, non se retiren a maior parte dos niños e polo tanto, incremente a presenza do tártago. Por un lado, invertir a maior parte dos recursos na retirada de niños pode ser ineficaz pois non está claro que iso reduza os efectos negativos que produce a Vespa velutina, xa que na práctica, a maior parte dos niños non se localizan. E por outro, non se están incorporando novos sistemas que melloren as técnicas, como por exemplo para acceder a niños ubicados a moita altura, cando xa existen xa ferramentas que sí o permiten.

Tamén participou Jesús Orejas, da Consellería de Medio Rural, para explicar o plan sobre o trampeo primaveral deste ano por parte da Xunta de Galicia. Tal como anunciou Orejas, a Xunta seguirá repartindo, de xeito gratuito, trampas e atraíntes ós apicultores e apicultoras dos concellos afectados, que realmente xa é toda Galicia. Dende o ano 2015 estase levando a cabo esta medida, pautada polo plan da estratexia a nivel nacional, aínda que haxa moita controversia dende o ámbito científico sobre a época de colocación e a utilidade mesma do trampeo,  ademais de que tódalas trampas existentes no mercado presentan pouca selectividade sobre a Vespa velutina. De tódolos xeitos, a Xunta ofrecerá de novo as trampas ós máis de 4000 apicultores afectados de toda Galicia, cun total de 168.000 colmeas, que poderán recoller unha trampa para cada 10 colmeas, co seu respectivo líquido atraínte das marcas Vetopharma ou Avispa-clac, a través das oficinas agrarias a parti deste mes de febreiro.

Isidro Rodríguez, da empresa Plaguiber, explicou o plan que están desenvolvendo no concello de Carballo para a prevención e control da Vespa velutina, que consiste por un lado no trampeo primaveral e por outro na retirada de niños no verán e outono. En canto ó trampeo, no ano 2019 aumentou de xeito moi importante o número de raíñas atrapadas, pero iso non se traduciu nunha reducción no número de niños retirados nesa campaña que, ó contrario, aumentou respecto ós anos anteriores, moitos deles ubicados preto do chan. Por último, recoñeceu Rodríguez, os resultados recollidos amosan que, coas ferramentas utilizadas ata agora, non se consigue frear o avance da praga.

Descargar presentación Control Vespa velutina Concello Carballo

Por último, o delegado de AGA no Morrazo  José Mª Bello explicou a maior utilidade para a eliminación de niños que ten o uso de carabinas de aire comprimido, que disparan balíns cunha cantidade mínima de insecticida, uns 0,072 ml, comparándoa co mecanismo das pértegas, que utiliza litros de insecticida por cada niño. Bello asegurou que con ese sistema redúcese significativamente tanto o custe como o tempo invertido nas actuacións, quedando eliminados en 24/48 h. só con 12 balíns por niño. Tamén engadiu que, dende a súa experiencia nas campañas de prevención realizadas no Morrazo, os resultados amosan a reducción do número de niños cun trampeo ben planificado por todo o territorio, non só cos apicultores, se non co resto da poboación. Bello aproveitou para lamentar que non se conte máis coa opinión do sector apícola no ámbito da investigación, que ata agora non aportou nada útil. Tamén apuntou que sería moi interesante traballar na enxeñería xenética, pero como isto non está nas nosas mans, os abelleiros e abelleiras temos que traballar no desenvolvemento de sistemas mecánicos para protexer as nosas colmeas, prácticos e respectuosos co medio.

 

Concurso Mel 5 Estrelas

 

Na sesión da mañán, tivo lugar tamén o acto de entrega dos diplomas ós premiados do I Concurso de Mel 5 Estrelas, organizado por AGA por primeira vez no 2019. Os premiados foron Iago Dorado, na categoría de mel multifloral, Mª del Mar Brea, mel de eucalipto, Manuel Macía, mel de queiroga, José Luis Alonso, mel de castiñeiro e David Souto, mel de melato. Suso Asorey, voceiro de AGA, e Joaquín Lozano, veterinario e membro do panel de cata do concurso, participaron no acto e informaron sobre o gran nivel na calidade dos meles presentados, máis de 60 mostras, e insistiron na importancia de valorizar o produto, como con este tipo de premios, para conseguir unha maior confianza do consumidor e unha mellor rentabilidade nas vendas. Os meles premiados recibiron uns selos identificativos como Mel 5 Estrelas, para colocar nos envases postos á venda, e participarán no Concurso Internacional do Mel en Londres, ademais de que AGA faralle promoción dos seus meles a través dos actos que ten programado durante este ano.

 

Tratamento para a varroa con ácido oxálico

As palestras da sesión de tarde comezaron con Gonzalo Calvo, veterinario de AGA, que falou sobre o uso do oxálico para o tratamento da varroa. Este principio activo, presente de forma natural no mel e nalgunhas plantas, motivo polo que é compatible coa apicultura ecolóxica, ofrece moitas ventaxas, pero hai que saber aplicalo e tomar unha serie de precaucións. Hai varios estudios que amosan unha alta eficacia en ausencia de cría, un 99,4 %, e ademais o custe é baixo, tanto en prezo do produto como en tempo de aplicación. O ácido oxálico presenta algúns casos de toxicidade nas abellas, e, como ocurre con outros produtos orgánicos, pode variar o resultado en función de moitas variables, como a temperatura, tamaño da cría, época do tratamento, etc. Pero en xeral non se atoparon efectos negativos importantes sobre as colmeas. Existen varios produtos con ácido oxálico no mercado: Ecoxal, Oxybee e Varromed, autorizados para o seu uso en España, que se presentan en diferentes formatos según o modo de aplicación. Tamén se poden atopar outros produtos autorizados noutros países, pero legalmente non se poden utilizar aquí, como por exemplo o Api-Bioxal ou Aluen Cap.

Descargar presentación tratamento da varroa con ácido oxálico

 

Plan Apícola 2020

O veterinario Gonzalo Calvo informou tamén da subvención do Plan Apícola 2020, na que se prevé que non haxa moitos cambios na convocatoria respecto a anterior, polo que contamos cunha subvención para o tratamento da varroa, o alimento e a cera nunhas condicións similares ó ano pasado. Lembrou tamén que é obrigatorio actualizar o caderno apícola antes do 1 de marzo, o cal é un requisito para acceder a estas axudas, así como ter un seguro apícola. E tamén insistiu en que para a actualización do caderno, é preciso gardar a receta do tratamento, incluso nos 5 anos seguintes por se hai unha inspección. Tamén informou sobre os trámites que hai que realizar para solicitar as axudas do Plan Apícola a través de AGA e sobre os cambios que haberá na xestión dos pedidos de tratamentos e materiais, que se decidiron para simplificar os trámites burocráticos nas solicitudes dos socios. Toda esta información será enviada a través dunha circular informativa ós socios e socias próximamente.

 

Laboratorio de AGA

Joaquín Lozano, veterinario de AGA e encargado do servizo de laboratorio que comezou a ofrecer AGA no 2019, informou sobre a continuidade deste servizo para este ano 2020. En vistas da boa aceptación que tivo, con máis de 150 mostras enviadas, dende AGA consideramos importante seguir ofrecendo este servizo para contribuir a mellorar o coñecemento dos nosos meles e a súa valorización. Os socios e socias de AGA poderán analizar de balde unha primeira mostra, que inclúe o HMF e a humidade, e ademais poderase solicitar a análise polínica, que identifica o pole maioritario, suficiente para identificar un mel monofloral. Pero este ano, coa intención de ir mellorando e completando a oferta do laboratorio, estudiarase ademais a posibilidade de realizar polínicas completas, para obter un mellor coñecemento do produto. O servizo estará aberto para o envío de mostras de setembro a novembro.

 

Apiturismo en Galicia 2019-2021

AGA está levando a cabo un proxecto para poñer en marcha o apiturismo en Galicia e promocionar esta actividade, tanto dentro de Galicia como a nivel internacional. Paula Souto, técnica de AGA, presentou os detalles deste proxecto, que ten como elemento central a promoción e conservación do importante patrimonio tradicional apícola galego, como son as alvarizas, as lacenas ou os lagares de cera. O proxecto comezou no 2019 cunha subvención da Xunta de Galicia, dentro do programa o Teu Xacobeo, coa cal se elaboraron unha serie de materiais: a publicación Abelleira Especial Apiturismo, un vídeo promocional, unha exposición fotográfica e outros materiais promocionais, como postais e bolsas de papel serigrafiadas. Ademais tamén se realizaron varios actos de presentación do proxecto, de cara ó  público xeral e ós medios de comunicación, e degustacións de meles con outros produtos da gastronomía galega.

Para os próximos dous anos, 2020 e 2021, AGA ten xa elaborado un proxecto, que tamén presentou para a subvención na segunda convocatoria do programa O Teu Xacobeo, co cal realizaremos durante todo o ano 2020 actos de presentación do apiturismo galego, utilizando os materiais realizados o ano pasado. Os actos dentro da nosa comunidade serán realizados a través das DAGAs e aproveitando varios eventos apícolas, como as feiras do mel, e no resto do estado participaremos no X Congreso Nacional de Apicultura en Málaga e na Feira de Torrelavega, ámbolos dous no mes de outubro. A nivel internacional faremos a promoción en colaboración coa empresa Anel, de material apícola, na participación en feiras apícolas de todo o mundo. Por último no ano 2021, organizaremos o Foro Internacional de Apiturismo en Santiago de Compostela, coa participación de Eslovenia como país convidado, referente do apiturismo a nivel mundial, dirixido tanto a apicultores como entidades ligadas ó apiturismo e a apicultura de varios países.

Descargar presentación Apiturismo en Galicia

Asemblea Xeral de AGA

Na xornada celebrouse tamén a Asemblea Xeral de AGA, na que se presentou o resumo de actividades e contas do 2019, o novo programa e orzamentos para o 2020, que será publicado no vindeiro Correo Apícola, e tivo lugar a renovación da directiva por unanimidade dos asistentes.

A directiva quedou conformada por:

  • Xosé Torres, presidente
  • Manuel Gutiérrez, vicepresidente
  • Paula Souto, secretaria
  • Miguel Méndez, tesoureiro
  • Dulce Barro, vogal 
  • Perfecto Garcia, vogal

Voltar