+ 34 981 508 142

RESUMO PALESTRAS DA 33ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA

18 de xuño de 2018

O pasado sábado 2 de xuño celebramos en Arzúa a 33ª Mostra Galega de Apicultura con interesantes charlas sobre os produtos da colmea con valor engadido e as súas posibilidades comerciais. Antonio Bentabol, director da Casa de la Miel de Tenerife falou sobre a riqueza dos meles monoflorais desta illa canaria e Francisco Rogao, de Macmel, explicou a súa experiencia na produción e comercialización do pole. Ademais, Laura García expuxo un resumo do Curso Superior de Apicultura Comercial celebrado en Allariz esta primavera sobre as posibilidades comerciais dos produtos apícolas en Galicia.

 

Tamén se tratou o tema da saúde das abellas e as principais causas de mortandade, en especial sobre a varroa,  do que falaron os veterinarios Gonzalo Calvo e Joaquín Lozano. E por úlltimo, presentáronse novidosas trampas para facer fronte ó tártago asiático, aínda en fase de probas pero poden contribuir a medio prazo a minimizar os danos provocados nas colmeas por este insecto invasor. Ademais celebramos a prohibición dos pesticidas cun acto no que participaron varios artistas convidados: Mini, interpretou coa súa potente voz algúns dos seus tradicionais temas reivindicativos e Paulina Ceremuzynska, cantante especializada en música medieval deleitounos cunhas Cantigas de Santa María e Martín Codax e para rematar, acompañada polo guitarrista Javier García, interpretou o Himno Abelleiro, unha versión do "Himno do apicultor" de Eslovenia, traducida ó galego e que lle encargamos dende AGA como homenaxe a Eslovenia, país impulsor da iniciativa de declarar oficialmente o Día Mundial da Abella o 20 de maio, celebrado este ano por primeira vez a nivel internacional.

A continuación un resumo das palestras.

 

Os produtos da colmea con valor engadido e a súa comercialización

 

A primeira das palestras foi a cargo de Laura García, cun resumo do recentemente celebrado Curso Superior de Apicultura Comercial na Escola Galega de Apicultura en Allariz. Durante o curso, apicultores, apicultoras e profesionais con experiencia neste tema falaron dos diferentes produtos da colmea con valor engadido e o seu potencial no mercado.

Un destes produtos é o mel ecolóxico, cada vez máis demandado, especialmente por persoas de formarción media-alta con interese en coidar da súa saúde.  A produción en ecolóxico, ademais de ofrecer unha garantía segura na comercialización de toda a colleita a un prezo superior ó convencional, é tamén un modo de entender a apicultura que persegue o benestar  das abellas. É unha produción que esixe máis formación e tempo de adicación nas colmeas.  Para obter máis marxe no prezo, o ideal é realizar venda directa para o cal o apicultor ou apicultora deben coñecer ben o produto e ó público consumidor e ter seguridade á hora de comunicar con él. 

Outro dos produtos con valor engadido é o Mel de Galicia, regulado polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. A procedencia de Galicia é de por sí un valor engadido e máis se é avalado por un organismo oficial, que ademais se encarga da súa promoción e ofrece unha garantía ante as persoas consumidoras.

En canto ós meles monoflorais teñen tamén un gran atractivo, pero é preciso aprender moito sobre os deiferentes meles e saber trasladalo ó público, poniendo en práctica a pedagoxía "apícola ou meleira", que é tamén unha oportunidade para conectar coa xente. 

Os meles crema tamén son interesantes á hora de diferenciarse no mercado,  especialmente se se lle engaden outros produtos apícolas, como o mel con xelea ou con própole. Erica Mel está tendo unha experiencia positiva na venda destes produtos, para o que se precisa tamén facer unha boa labor didáctica.

O pole é un produto que ten moitas propiedades e un gran potencial no mercado dos alimentos saudables. Para a súa produción é indispensable a formación e a comercialización é máis eficaz se se fai de forma organizada.

Outros meles con valor engadido poden ser simplemente o mel de produción propia, explicando ben ó público consumidor cal é a súa procedencia e características, xerando así unha relación de confianza. 

E por último a imaxe tamén pode ser un elemento diferenciador. A presentación do produto aporta valor, por exemplo utilizando un nome comercial atractivo, curto e sinxelo, apoiado cun logotipo que reforce o nome, un envase funcional pero imaxinativo e unha etiqueta minimalista.

Un resumo detallado cos contidos deste curso será publicado a través da revista Abelleira que está preparando AGA para este verán.

 

A riqueza dos meles monoflorais de Tenerife

 

Antonio Bentabol, director da Casa de la Miel de Tenerife, amosounos como consigue diferenciarse a Denominación de Orixe Protexida Miel de Tenerife nun mercado do mel moi competitivo, poñendo en valor a riqueza da diversidade de meles monoflorais presentes na illa de Tenerife. Esta ampla variedade é unha ferramenta moi potente para falar de Mel de Tenerife e distinguilo doutros meles.

Tanto en meles multiflorais como monoflorais, existe un elevado contraste e diversidade, tanto en cor, sabor e olor, que é preciso explicar ó consumidor, para o cal utilizan varias técnicas que simplifican a información ás persoas consumidoras. Por exemplo, clasificalos a través dun parámetro que denominan "forza", que expresaría a súa intensidade, tanto de sabor como aromática, así cada mel vai asociado a un nivel de forza determinado, do máis suave ó máis intenso, e tamén escoller unha palabra para definir cada mel, coa que se identifica fácilmente. Unha das características máis visibles entre os meles é a cristalización, que as persoas consumidoras deben coñecer para evitar interpretacións erróneas sobre os meles cristalizados.

A continuación, Bentabol explicou as características principais dos meles monoflorais de Tenerife. Por exemplo, o mel de Tajinaste,  sería o de intensidade máis baixa, moi suave e doce, que aconsellan para usos onde non se queira modificar o sabor do alimento que o acompaña, como o caso do café. O mel de Malpica, é un tipo de mel que é único no mundo pois provén dunha planta endémica do Teide. O mel de Retama do Teide, que reúne as características máis comúnmente asociadas ó mel: cor ambar, fluido e doce, é o mel icónico de Tenerife e o tradicionalmente máis valorado cun mercado moi potente. Tamén contan con meles moi particulares como o mel de Hinojo, cun olor e sabor forte asociado coa regaliz. En definitiva, un amplo abano de posibilidades de sabores, texturas e olores que resulta moi atractivo á hora de diferenciarse nun mercado cada vez máis competitivo, pero que require de moito esforzo á hora de promovelo entre o consumidor.

Bentabol destacou a necesidade de realizar divulgación e ofrecer moita información ó público consumidor a través de atractivas campañas de promoción e o desenvolvemento de innovadoras aplicacións informáticas. Por exemplo, cada bote de mel da DOP Miel de Tenerife ten un código co que se pode descargar un completo informe sobre o produto, características e procedencia.  Tamén desenvolveron a APP Miel de Tenerife, unha aplicación para móviles, coa que se pode atopar o punto de venda máis cercano de Mel de Tenerife e información completa sobre cada tipo de mel, coas diferentes propiedades e usos. Tamén Miel de Tenerife conta cun amplo material promocional de diferentes formatos, no que se explica de maneira moi visual e didáctica os diferentes tipos de meles e as súas características, e realiza moitas actividades directamente co público, como charlas, catas, etc.

Para clasificar e garantir o tipo de mel monofloral, elaboraron un riguroso e detallado sistema basado tanto nos análises polínicos como nos sensoriais. A cata dos meles e a súa descrición organoléptica é indispensable para garantir o tipo de monofloral, especialmente porque hai algúns tipos de plantas melíferas que producen pouco pole ou non é transportado fácilmente polas abellas, co cal a súa presencia no mel é moi escasa, chegando nalgún caso a ser requerido só como trazas.

Para rematar, Bentabol presentou a próxima edición do IX Congreso Nacional de Apicultura en Tenerife, do que a Casa de la Miel é unha das organizadoras. Este congreso terá lugar do 25 ó 27 de outubro e pretende ser un encontro do sector apícola español e canario, no que se vexan representados tanto os apicultores e apicultoras como técnicos e científicos. Contan coa participación de ponentes recoñecidos a nivel internacional e realizarán varios concursos, entre os que destacou o de fotografía "Miel de Tenerife" que será a primeira edición este ano. O prazo de inscrición no congreso está xa aberto e toda a información está dispoñible en www.congresoapiculturatenerife2018.com. AGA organizará unha viaxe a Tenerife con motivo do congreso do 24 ó 28 de outubro que incluirá visitas técnicas e turísticas.

 

O pole, un produto apícola con moito potencial

 

Outro dos produtos da colmea con moita demanda é o pole. Dende AGA estamos apoiando e promovendo a súa produción para cubrir as necesidades actuais do mercado e ofrecer ós apicultores e apicultoras a posibilidade de diversificar a produción e mellorar o rendemento das explotacións. Por iso convidamos a Macmel, empresa portuguesa de material apícola especializada na produción e comercialización de pole. Francisco Rogao, xerente de Macmel, explicounos como se organizan de forma colectiva un grupo de apicultores de Portugal para producir e comercializar de forma conxunta o pole, que ten moita demanda a nivel internacional e están exportando prácticamente toda a produción.

Pensamos que pode ser un bo modelo para tomar como referencia en Galicia, por iso anunciamos que AGA e Macmel colaborarán para formar ós socios e socias interesadas e organizarán varias actividades formativas. A primeira delas será unha xornada na que se visitarán as instalacións de Macmel en Macedo de Cavaleiros (Portugal) no mes de xuño. Esta xornada vai dirixida especialmente ós participantes do Curso Superior de Apicultura Comercial, celebrando na Escola Galega de Apicultura esta primavera.

 

A mortandade das colmeas e o control da varroa

 

Os veterinarios Gonzalo Calvo e Joaquín Lozano falaron sobre a importancia de coidar da saúde das abellas, as múltiples causas da mortantade e as posibles solucións para reducila. En concreto, a varroa é unha das causas máis importantes de baixa de colmeas e do seu debilitamento, por iso a maior parte desta sesión foi adicada a coñecer mellor a varroa e como combatila.

 

Joaquín Lozano explicou con detalle a situación actual da varroa neste momento, parásito extendido xa por todo o mundo. A varroa está modificando o seu comportamento para facerse máis resistente ós tratamentos e ó sistema defensivo das abellas.

Un dos cambios está relacionado co seu proceso reprodutivo. A varroa fecundada introdúcese nunha celda con cría de abella 15 horas antes da súa operculación e queda nun estado similar a hibernación. Esta varroa pon un ovo macho e  despois moitas femias, que serán fecundadas polo macho e sairán despois da celda para colonizar ás abellas adultas e reiniciar o ciclo. A maioría da varroa obsérvase que está na cría e menos sobre as abellas, para que sexa máis difícil detectala. Cando está fora, escóndese na parte inferior das abellas e pasa así tamén desapercibida para outras abellas, que nalgunhas liñas de abellas  poderian eliminala por ter capacidade de "grooming"(despiollamento).

Cada dous meses a poboación de varroa pode chegar a multiplicarse por dous, se non se toman as medidas necesarias, polo que é imprescindible diagnosticar as colmeas correctamente e a tempo. Anteriormente establecíase un 5 % como porcentaxe de presencia máxima na colmea, pero agora a varroa é máis agresiva e xa se considera un 2% o máximo, a partir do cal hai posibiliades de colapso da colmea.

O traballo que temos que facer para evitalo é en primeiro lugar diagnosticar o estado da colmea e en segundo aplicar o tratamento axeitado. Para o primeiro paso existen varias técnicas, como o método de lavado con azucre glass, abrindo a cría de zángano ou controlando a caída de varroa nos fondos de rede. Se nestes controis atopamos un 15 % de varroa a situación é grave é hai que tratar. O tratamento de outono é indispensable e, se é preciso, outro na metade da campaña con algunha sustancia orgánica (oxálico, timol ou fórmico).Para controlar a varroa é máis efectivo escoller periodos sen cría para tratar, incluso hai métodos máis radicais que consisten en eliminar directamente a cría da colmea, que se pode aproveitar para outra colmea para non perdela.

Existe unha ampla oferta de tratamentos químicos, cunha porcentaxe de eficacia elevada e bastante similar. Cos tratamentos hai que prestar especial coidado á hora de aplicalos para evitar a aparición de resistencias e residuos en mel, como pode ocurrir facendo tratamentos innecesarios ou non respetando as doses indicadas. Actualmente hai moitas opcións de produtos contra a varroa. Algúns deles son o amitraz, cunha efectividade elevada, e que actúa por contacto, polo que colmea ten que estar activa. Tamén está o cumafós, un organofosforado bastante agresivo que deixa residuos e pode afectar á raíñas e provocar montandade en colmeas débiles.

Tamén hai tratamentos orgánicos, que serían os ideais para tratamentos adicionais no verán. Estes non son tan prácticos, hai que utilizalos coas temperaturas correctas e esixen unha manipulación máis coidada. Ademais convén acompañalos doutras técnicas, como a renovación de cera e o cambio de raíña. Entre os orgánicos están o timol, cunha efectividade moi elevada, actúa por evaporación e a temperatura idónea é entre 12 e 25 ºC. O ácido fórmico, que convén aplicar en colmeas fortes, nun rango de temperatura igual que o timol e con boa ventilación. O ácido oxálico pódese utilizar con temperaturas entre 10 e 15 ºC e hai diferentes formas de aplicalo: pulverizado ou por goteo (2 tratamentos de 21 días) e sublimado ou vapor (un máximo de 4 veces). Con estas sustancias hai que tomar precaucións e utilizalo con mascarilla, guantes e gafas.

Para concluir, Lozano insistiu en que o máis importante é saber cando hai que tratar a colmea, para o que se necesita facer un control diagnostico polo menos cada 4 meses. E sempre comprobar a efectividade do noso tratamento, realizando un control á semana do mesmo, procurando que haxa a menor cantidade de cria operculada posible. Tamén é positivo ir contribuindo á selección das abellas máis resistentes á varroa, é decir, que teñan unha elevada capacidade de desparasitación e limpeza de celdillas e que provoquen a infertilidade da varroa, reducindo o grado de atracción da varroa á cría e cun período de cría operculada mais curto.

 

Novidosas trampas para loitar contra a Vespa velutina

 

Eugenio Pichel, de SANVE Sistemas Antivelutina, presentou un modelo de trampa chamada "trampa-diana" que está en fase de proba. Consiste nun círculo branco, cun punto negro no centro que está conectado á corriente, e que se coloca diante das colmeas. Nos experimentos realizados por Pichel puideron comprobar que os tártagos que se aproximan á colmea vense atraídos por este punto negro e ó achegarse reciben unha descarga eléctrica que lles provoca aturdimento ou a morte. Asegura Pichel que é unha trampa 100 % selectiva pero non pode dar resultados concretos da súa eficacia por estar todavía en fase de proba. Para iso, anima ós apicultores e apicultoras que leven unha trampa a prezo de custe a cambio de recoller información sobre o seu funcionamento e trasladarllo para o seu estudo de eficacia. Máis información da trampa-diana na web de SANVE www.sanve.weebly.com

Ademais, a empresa SANVE xa está comercializando un tipo de trampa eléctrica con bos resultados á que denominan centro de desinsectación, que pode ser utilizada diante das colmeas como protección ante o ataque da velutina e tamén indepentente as estas, utilizando un cebo que se coloca no interior.

 

 

Outro modelo de trampa novidoso foi o presentado por José Antonio Pose, profesor do Instituto Politécnico de Santiago de Compostela. Esta trampa foi ideada por un grupo de alumnos deste instituto a través dun proxecto chamado "Opensource Velutina" que consiste en producir técnicas e ferramentas de loita contra a Vespa velutina en código aberto, o cal quere decir que se poden reproducir de forma libre, agás cando se fai unha mellora que hai que comunicar ós creadores. Esta trampa utiliza como cebo o olor da propia colmea e básase no principio de dificultar o acceso ó alimento dos tártagos asiáticos para reducir a súa poboación.

 

Trátase dun recipiente que vai enganchado a un lateral da colmea, na que hai que realizar unha abertura do mesmo tamaño para insertalo, e que ten unha entrada en forma de cono polo que entrarían as velutinas atraídas polo olor da colmea, pero non poden saír. Se entran outros insectos de menor tamaño, existe unha saída con exluidor. Este aparato pódese facer cunha impresora 3D utilizando un plástico para imprimir, que pode ser ecolóxico con materia orgánica. O custe da impresora ronda os 200 €. Para finalizar, o profesor explicou que existe outro proxecto titulado "Opensource Beehives" moi interesante, que mellora e facilita o control das colmeas a través dun aparato que conectaría con wifi a colmea e que ofrece información útil para poder intervir na colmea, como por exemplo cando vai enxamear. Toda a información sobre estes proxectos está dispoñible na web:  www.malditohimenoptero.ga

 


Voltar