+ 34 981 508 142

RESUMO XORNADA ACTUALIZACIÓN SOBRE SANIDADE APÍCOLA

23 de marzo de 2020

O pasado 15 de febreiro celebrouse en Arzúa unha Xornada sobre sanidade apícola, coa finalidade de debater e elaborar unhas conclusións sobre os asuntos que máis afectan na actualidade a saúde das abellas: varroa, Vespa velutina e alimentación das colmeas.

Participaron membros da directiva de AGA, das DAGAs, o persoal traballador da asociación e apicultoras e apicultores con experiencia. E como relatores Gonzalo Calvo e Joaquín Lozano, veterinarios de AGA, sobre a varroa; José Mª Bello e Rafa Díaz, DAGAs Morrazo e Ferrol, sobre a Vespa velutina; Marcos Varela, apicultor profesional e criador de mestras, sobre a alimentación. Foi unha xornada enriquecedora e positiva para avanzar na búsqueda de solucións nestas problemáticas, pero o debate continúa aberto e temos que seguir traballando estes temas nas nosas actividades. A continuación, expoñemos un resumo coas principais conclusións da xornada e as presentacións dos relatores da xornadas.

Tiñamos programada unha segunda xornada de debate, o 14 de marzo en Allariz, sobre a comercialización do mel en Galicia, pero por causa da actual sitiuación de emerxencia sanitaria tivo que ser aprazada. Próximamente publicaremos información sobre os contidos que tiñamos programados para esta xornada, así como, cando se normalice a situación, anunciaremos unha nova data para realizar este encontro.

 

RESUMO XORNADA SANIDADE APÍCOLA

Descargar resumo en pdf

1. VARROA

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Por Gonzalo Calvo e Joaquín Lozano, veterinarios de AGA

Descargar presentación Gonzalo Calvo

Descargar presentación Joaquín Lozano

Importancia de realizar correctamente os tratamentos da varroa

Debido ós danos que provoca a varroa nas abellas en fase larvaria, se o tratamento de verán/outono, despois de sacar o mel, se realiza en presenza de cría, estas abellas que nacerán afectadas non superarán o inverno, co cal este tratamento pode non ser efectivo. É de gran importancia partir de xaneiro con cero varroas na colmea.

Tamén é aconsellable realizar un control da varroa durante o ano, non só cando se realiza o tratamento habitual despois de sacar o mel, tamén noutros momentos para revisar o nivel de infestación de varroa e, no caso de chegar ós límites que alertan dun perigo para a saúde da colmea, realizar outro tratamento. Na primavera pode ser un momento aconsellable, para disminuir a varroa no caso de que o tratamento anterior non fora o suficientemente eficaz e arrancar con boas condicións a tempada apícola.

Outros danos asociados á varroa

A presenza de varroa ven asociada a virus, por exemplo o das alas deformes ou o da parálise aguda, co cal prexudica aínda máis o estado de saúde das abellas. Isto unido a pesticidas, cambio climático, etc. provoca un debilitamento que pode levar á mortandade da colmea.

Tamén os acaricidas poden provocar un impacto negativo na colmea, en función do tipo de produto pode xerar estrés nas abellas que afecta ó sistema inmunitario. Hai que prestar moita atención a que tipo de produto se utiliza, cales son as condicións nas que se debe utilizar, e como é o estado da colmea.

Eficacia e resistencias dos acaricidas

A eficacia dun tratamento ten que ser obrigatoriamente do 95%, menos diso quere decir que o produto non funciona. A falta de eficacia ven derivada de moitos motivos: uso incorrecto do produto, condicións externas (temperatura), presenza de cría, etc.

A resistencia da varroa ante un tratamento é unha característica heredable do ácaro e causada por un uso abusivo ou mal uso dese produto. Co cal é fundamental realizar un uso axeitado dos tratamentos.

Reinfestacións de varroa por deriva

A deriva de abellas entre as colmeas, algo moi habitual, provoca reinfestacións. Co cal, aínda que teñamos realizado un tratamento de xeito correcto, pode que se produza unha reinfestación. En condicións naturais os enxames estarían máis afastados e non se produciria esta situación, pero a apicultura actual conleva unha densidade moi grande de colmeas que provoca a deriva. Existe xa un produto para eliminar as varroas que veñen de fora da colmea. É importante reducir o risco de reinfestacións realizando tratamentos contra a varroa de forma simultánea nas colmeas dunha zona determinada. Isto pódese conseguir coordinando os apicultores e apicultoras desa zona para que traten ó mesmo tempo.

Diagnóstico

Hai que realizar un monitoreo durante todo o ano, pero imprescindible facelo antes e despois de aplicar un tratamento, mínimo nun 10 % do colmear. Pódese realizar utilizando varias técnicas, como observación de síntomas clínicos (alas deformadas), co conteo da caída de ácaros de forma natural (láminas con vaselina no fondo da colmea), na varroa presente nas abellas adultas, na cría ou nos zánganos. Según a porcentaxe atopada, será preciso tratar ou non e con máis ou menos urxencia.

Tratamentos contra a varroa

Importante realizar un control integrado: manexo, monitoreo e tratamentos. Os produtos poden ser químicos ou orgánicos e actuar por contacto ou evaporación, cada un ten ventaxas e inconvintes. É aconsellable utilizar os tratamentos con máis eficacia, de forma conxunta a a ser posible cos apicultores da zona, realizar un seguimento, aplicar algún tratamento de repaso ó comezo da tempada e facer rotación para evitar a xeración de resistencias.

Evolución dos males das abellas
Por Suso Asorey

As abellas ó longo da historia recente foron sufrindo diferentes problemas que se foron superando ou foron perdendo importancia por variados motivos. Comezando pola polilla ou as formigas, en tempos de Benigno Ledo, pasando pola nosemiose, acariose ou loques nun pasado xa más recente, ata chegar hoxe á varroa e a Vespa velutina. No futuro os problemas serán o cambio climático e o deterioro do medio ambiente, como co uso dos pesticidas. Nun medio ambiente enfermo non pode haber abellas sas.

Conclusións

  • Necesidade na búsqueda de alternativas ós tratamentos da varroa actuais

  • Os principios activos máis efectivos agora mesmo parecen ser o amitraz e ácido oxálico, para utilizar como primeiro e segundo tratamento anual. Existe un produto con oxálico non autorizado en España que presenta unha elevada eficacia, fácil manexo e baixo custe, polo que se podería buscar a forma de que se legalice o uso no nos país.

  • Realizar dous tratamentos ó ano, especialmente para zonas de clima máis suaves e para apicultura ecolóxica

  • Incorporar o manexo, monitoreo e un segundo tratamento complementario, dentro da práctica habitual de control da varroa, e promovelo entre os apicultores a través da formación

  • Incorporar nas axudas do Plan Apícola a subvención dun segundo tratamento, para facilitar a súa adquisición

  • A importancia da coordinación no tratamento, de forma simultánea por comarcas. A través das DAGAs pode ser máis fácil, pero é complicado en xeral

 

2. VESPA VELUTINA

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Por Rafa Díaz, DAGA Ferrolterra, e José Mª Bello, DAGA Morrazo

Descargar presentación

Trampeo

A labor preventiva do trampeo continúa sendo unha técnica fundamental para reducir o número de niños no verán, especialmente se é organizada coa poboación local e coa colaboración dos concellos. Na primavera para a captura de raíñas fundadoras e no verán e outono na eliminación de obreiras. As experiencias nos últimos anos deste tipo de trampeo organizado deron como resultado real e comprobado unha reducción no nº de niños. É tamén importante buscar formas de trampeo selectivo, para non danar a outra fauna, como por exemplo as trampas secas que impiden a entrada de insectos maiores que a Vespa velutina e permiten a saída dos menores.

Destrucción de niños

Existen diferentes técnicas en función da ubicación e accesibilidade do niño. Nos niños a menos de 25 m de altura, para evitar o uso de insecticidas, pódese utilizar a técnica da incineración, con pértegas nas que se instala un queimador de gas, sempre que a meteoroloxía o permita. Para outros niños máis accesibles, tanto primarios como secundarios, existe a técnica do vapor de auga, cunha vaporeta que introduce vapor de auga no niño, xa que a Vespa velutina non resiste a temperaturas superiores a 45º C. Para niños ubicados a máis de 25 m estase experimentando nos últimos meses coas escopetas de aire comprimido, disparando ós niños con balíns preparados previamente cun insecticida.

Protección de colmeas

No verán, se hai unha gran infestación, é preciso protexer as colmeas utilizando: arpas eléctricas, trampas grandes, e redución de piqueiras co excluidor de raíñas, no verán nas colmeas débiles e no outono en todas.

Conclusións

  • Realizar un trampeo, o máis selectivo posible e organizado cos concellos e poboación local, na primavera

  • Mellorar as técnicas de eliminación dos niños, o uso das escopetas vese moi efectivo e sinxelo

  • Utilizar as arpas eléctricas e os redutores de piqueira no verán e outono para a protección das colmeas

  • Estudiar mecanismos de loita biolóxica, cebos e trampas selectivas, e para mellorar os sistemas de destrucción de niños, a través da investigación

  • Solicitar na Unión Europea a declaración da Vespa velutina como praga, para a obtención de máis recursos e axudas para apicultura

 

 

3. ALIMENTACIÓN

Por Marcos Varela, apicultor profesional e criador de mestras

Descargar presentación

Alimentación si ou alimentación non?

Depende… Alimentemos con sentidiño, só cando sexa necesario. A alimentación apícola pode axudar ao correcto desenvolvemento das colonias ou incluso salvarlles a vida en momentos críticos. Pero tamén pode converterse nun arma letal cando é mal utilizada. Como principio xeral as colonias deben de estar ben alimentadas e contar con reservas suficientes, pero isto non implica a obriga de alimentar. É certo que hai factores que aumentaron a necesidade de alimentar, como a masificación de apiarios, cambio de cultivos, emerxencia climática, tártago asiático... Pero as abellas seguen apañando mel sen ter que alimentalas. Existirá interese comercial detrás da actual "febre de alimentar ás abellas"?

Cando é necesario alimentar

Pouco a pouco vaise estendendo o "dogma alimentario" de que alimentar ás abellas é necesario. Pero alimentamos ou dopamos? Hai varios motivos polo que o equilibrio natural de autosuficiencia da colmea se vexa perturbado, un manexo deficiente por parte do abelleiro, factores ambientais, pragas ou doenzas. Pero hai moitos argumentos a favor da alimentación cos que temos que ter coidado. Así por exemplo, ante o argumento de alimentar para facer abellas, temos que pensar que hai que planificar ben o momento e o obxectivo, pois pódese facer difícil controlar os excesos de vigor (enxamías), ou cando se argumenta que hai que alimentar por saúde, cando moitos problemas sanitarios non teñen nada que ver con alimentación extra: loques, varroa, micose…

A auténtica necesidade de alimentar ven precedida de sinais de alerta, por insuficiencia de mel ou de pole, como por exemplo ausencia do arco de mel ou néctar sobre o niño, penuria de xelea na cría (larvas secas), matanza extemporánea de abázcaros ou ausencia ou escaseza prolongada de pole ensilado.

Tipos de alimento

A preferencia polas abellas é nesta orde: néctar, mel, sacarosa, glicosa, maltosa e frutosa. Cando sexa preciso alimentar, hai que evitar o mel líquido, para evitar pillaxe, mellor mel en cadros operculados. Se non temos mel podemos utilizar azucre común (sacarosa), mellor o branco pois o moreno deixa residuos no intestino, que pode suministrarse en xarope, candi ou en seco, en función dos resultados desexados. O azucre invertido, que ven sendo a sacarosa desdoblada en glicosa e frutosa, pode ser prexudicial se se acumula nos panais e se extrae despois para o seu consumo, e non supón ningunha ventaxa para as abellas. A alimentación débese programar en función da finalidade, e cada tipo de alimento presenta ventaxas e inconvintes.

Inconvintes da alimentación

Da moito mellor resultado deixar reservas no outono que alimentar na primavera. Debemos manter as colonias ben alimentadas sempre, planificar, ter en conta a meteoroloxía, saber con que alimentamos e non deixarnos levar pola publicidade do gran negocio da alimentación. Temos que ser conscientes dos inconvintes da alimentación, como poden ser a alteración na calidade do mel, o gasto que supón tanto económico como en traballo, e posibles molestias para as abellas. E por suposto, a nefasta imaxe ante o consumidor, que ó coñecer estas prácticas, desconfía da calidade do mel e da súa orixe natural.

Conclusións

  • Alimentar só cando é necesario, en condicións de urxencia extrema e no manexo reprodutivo

  • Se hai que alimentar, mellor con azucre: económico, accesible, altamente apetecible e moi dixestible

  • Se é posible, utilizar cadros de mel do almacén ou de colmeas de apoio, e gardar cadros operculados ou conxelados con pole ensilado

  • En Galicia contamos cunha fonte natural de alimento, tanto de néctar como pole, durante case todo o ano

  • Revisar os efectos que provoca a subvención do alimento no aumento do seu consumo e estudiar como evitalo


 


Voltar